Persoal da sanidade privada concéntrase nos principais hospitais da provincia da Coruña por un convenio digno

As protestas coincidiron coa xornada de folga parcial convocada pola organizacións sindicais

Nacional -

Traballadores e traballadoras da sanidade privada concentráronse esta mañá ás portas dos principais hospitais da provincia da Coruña para reclamar a negociación dun convenio que mellore as súas condicións laborais. Denuncian que, lonxe de aceptar melloras, a patronal pretende que perdan dereitos que xa tiñan acadados. Por iso teñen prevista unha nova xornada de folga para o día 7 de febreiro e unha concentración diante da consellaría de Sanidade para o día 5.

As concentracións de hoxe coincidiron cunha folga parcial desde as 10:00 até as 12:00 horas que se mantivo malia a patronal ter convocada unha xuntanza da mesa de negociación o día 2 de febreiro “forzados pola presión que vimos exercendo na rúa e nas anteriores folgas”, explica Miguel Tizón, representante da CIG, que participou na concentración celebrada diante do HM Rosaleda, en Compostela.

Unha mesa de negociación para a que descoñecen as intencións da patronal porque “a día de hoxe non presentou oferta ningunha, nin documentación”, di Tizón quen engade que, “a nosa sensación é que imos ir alí a facer o paripé”.

Por iso teñen acordado manter a presión na rúa, hoxe con esta xornada de folga parcial e concentracións e o día 7 de febreiro cunha xornada completa de folga total. Canda isto, o representante da CIG adianta que levarán tamén as protestas, o 5 de febreiro, diante mesmo da consellaría de Sanidade, porque “recentemente pedímoslle que interviñera no conflito, xa que os grandes da sanidade privada son os principais prestadores de servizos da sanidade pública, e é unha obriga da consellaría de Sanidade que interveña neste conflito, pero de momento non temos ningún tipo de resposta”.

 

Trienios, baixas laborais e o cobro dos domingos, liñas vermellas

Para o conxunto do persoal é indispensable que a patronal retire a súa pretensión de rebaixar o cobro dos trienios e de condicionar o cobro en caso de baixas -que agora mesmo é do 100%-. Xunto a isto apuntan, como condición indispensable, que se inclúan o cobro dos domingos porque, como sinala Tizón, “non é o mesmo traballar un luns que traballar un domingo”.

A este respecto advirte á patronal que “se non inclúen esas cousas, xunto coa redución de xornada, a negociación, por parte da CIG, non vai ir a ningún lado”.

Volver