As traballadoras da limpeza sacan as fregonas amarelas ás rúas para reclamar o incremento salarial pactado en convenio
Concentráronse nas oficinas de Eulen e Clece en demanda da revisión do 9,8% e o desbloqueo da negociación colectiva
A Coruña -
Armadas coas súas fregonas amarelas, traballadoras da limpeza mobilizáronse este mércores na Coruña diante do Grupo Eulen e de Clece para reclamarlle á patronal estatal ASPEL (da que ambas empresas forman parte) que aplique de inmediato a revisión salarial do 9,8%, segundo o pactado no convenio, e que cese no seu bloqueo á negociación colectiva. Estas protestas marcan o inicio dun calendario de mobilizacións no que as centrais sindicais CIG e UGT xa adiantaron que non descartan adoptar ningunha medida de presión.
A primeira das concentracións realizouse diante das oficinas do Grupo Eulen situadas na Estrada Baños de Arteixo cun gran despregue de fregonas amarelas, que xa son o símbolo identificativo da loita das traballadoras da limpeza. Ao remate, as compañeiras e compañeiros marcharon a pé até as oficinas de Clece na Avenida de Fisterra, onde realizaron a segunda concentración.
ASPEL pretende destruír as condicións de traballo do sector
O convenio colectivo de edificios e locais da provincia da Coruña contempla -a final de vixencia- unha cláusula de revisión salarial pola diferenza do IPC con respecto ás subas anuais pactadas. Isto supón que no mes de xaneiro a patronal tiña que ter incrementado os soldos nun 9,8%, en cumprimento do asinado e como paso previo ao inicio da negociación do novo convenio.
Aínda que nunha xuntanza da comisión paritaria tanto a asociación provincial como a estatal recoñeceron esta diferenza, deixándoo por escrito nunha acta, agora ASPEL négase a pagar, rexeitando incluso someterse a unha mediación e a ameazando con dilatar a actualización do convenio durante anos.
O representante da CIG na mesa de negociación e membro da Executiva Confederal, Paulo Rubido, valorou que "resulta bastante evidente que ASPEL non só non cumpre aquilo que asina, senón que ten unha clara intención de destruír as condicións de traballo e a negociación colectiva no sector da limpeza".
En todos os convenios provinciais, ASPEL segue a mesma estratexia de bloqueo da negociación colectiva e provocación, que acaba derivando en conflito. Aínda está recente a folga que as compañeiras de Lugo tiveron que soster durante 130 días para conseguir un convenio digno.
Ante a negativa da patronal estatal a pagar, Rubido lembrou que a CIG e UGT xa presentaron conflito colectivo en vía xudicial e "ASPEL sabe que vai perder, porque hai unha acta asinada recoñecendo que ten que aplicar ese 9,8% de incremento salarial, pero o seu obxectivo é atrasar o pago de maneira deliberada".
Intensificar o conflito
Polo convenio da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña están reguladas unhas 12.000 persoas, a meirande parte mulleres que teñen condicións laborais precarias e que padecen unhas elevadísimas taxas de parcialidade, malia desempeñar unha actividade considera esencial.
Na anterior negociación, o persoal tivo que mobilizarse e levar adiante tres xornadas de folga para acadar un convenio digno. A cláusula de revisión introduciuse para garantir o mantemento do poder adquisitivo ante a suba do custe da vida, polo que as traballadoras non van renunciar aos seus dereitos para que estas grandes multinacionais sigan engordando os seus beneficios.
A este respecto, o representante da CIG xa avanzou que se prevé un conflito duro para acadar unhas condicións de traballo digno, tendo en conta que a posición de partida da patronal "é non ofrecer ningún tipo de mellora e dicir que todo son liñas vermellas". Censurou a actitude "provocadora e desleal" de ASPEL e contrapúxoa coa capacidade de mobilización, resistencia e loita que xa ten demostrado o sector na defensa dos seus dereitos.
Novas relacionadas