O persoal da sanidade privada continúa as mobilizacións por un convenio digno cunha protesta no Juan Cardona

Ferrol -

O persoal da sanidade privada continuou este martes co calendario de mobilizacións en demanda dun convenio digno e condicións salariais e laborais xustas. Nesta xornada, a protesta volveu ao Hospital Ribera Juan Cardona de Ferrol, onde un grupo de traballadoras e traballadores se concentraron tanto no interior do centro sanitario como ás portas do edificio.

Na mobilización volveron reclamar da patronal que desbloquee a negociación, que retire da mesa as súas propostas de recortes e traslade unha oferta que permita avanzar nun acordo para dignificar as condicións de traballo e os salarios do persoal do sector.

Hai que lembrar que dende o inicio da negociación, a patronal pretende recortar dereitos que o persoal xa tiña recoñecidos, como o cobro do 100% das baixas ou modificar o cobro dos trienios. Fronte a isto, a CIG-Saúde exixe un incremento salarial que permita á maior parte do persoal deixar de ser mileurista; a redución da xornada anual para que se achegue á media do sector; que se lles pague o traballo en domingos e outras melloras en materia de licencias e permisos.

Con esta concentración dáse continuidade ao intenso calendario de mobilizacións que a sanidade privada da provincia da Coruña está a realizar dende o pasado mes de setembro e que incluíu xa seis xornadas de folga.

Unhas mobilizacións que non estiveron exentas de presións e actuacións vulneradoras do dereito fundamental á folga por parte da patronal, co obxectivo de evitar que o persoal secunde os paros. Precisamente, no caso do Hospital Ribera Juan Cardona, a CIG-Saúde tivo que presentar denunciar na Inspección de Traballo por prácticas de esquirolaxe, xa que a dirección substituíu persoal que estaba facendo folga por outro que non.

As protestas continuarán o próximo 2 de maio cunha manifestación no Hospital San Rafael da Coruña e xa están convocados catro días máis de folga do 13 ao 16 de maio.

Volver