CIG-Saúde exíxelle á Xerencia do CHUO e ao SERGAS que o traslado do Materno se faga en condicións de seguridade laboral e asistencial
Ourense -
A CIG-Saúde Ourense remitiu este mércores un escrito á Xerencia do Complexo Hospitalario de Ourense e á Xerencia do SERGAS solicitando que o traslado das unidades do Materno Infantil se realicen “nunhas condicións axeitadas co fin de garantir a calidade asistencial, seguridade laboral para as profesionais e que estas poidan garantir a intimidade das doentes”. De non cumprirse estes principios, a CIG reclama a paralización do traslado e que se implementen todas as medidas necesarias.
A CIG-Saúde denuncia que o novo emprazamento destinado para os paridoiros non cumpre cos requisitos mínimos necesarios para garantir unha atención adecuada e segura aos partos. Isto inclúe, apuntan, “falta de capacidade, infraestrutura inaxeitada, precariedade das instalacións, falta de baños etc.”
Lembran que o persoal de partos e do servizo de espertar xa remitiu un documento á dirección de Enfermaría relatando as deficiencias que se atoparán no servizo destinado a partos. Estas eivas repercutirán nos coidados que as traballadoras realizan xa que non dispoñerán dos espazos nin dos medios cos que contan actualmente, co risco de que non se poida garantir a intimidade durante as prácticas clínicas nin tampouco a aplicación de coidados e protocolos estabelecidos polo propio SERGAS.
No referido ao servizo destinado a obstetricia, a CIG-Saúde demanda que se garanta a seguridade asistencial posto que “na nova localización tamén está o módulo penitenciario”, polo que cómpre que a ratio de persoal sexa en todo momento axeitada. “Cando as traballadoras teñan que acudir a prestar asistencia sanitaria ao módulo penitenciario realizarano nun espazo pechado, o que implica que non poderán prestar atención a demanda ou programada ao resto da unidade. Deben de garantirse entornos seguros de traballo e ratios de persoal que permitan unha práctica clínica segura”, reiteran.
Situación na UCI Pediátrica e unidade de neonatos
Por outra banda, a CIG-Saúde solicita un plan de actuación cando exista sobreocupación de doentes críticos, tendo en conta que a UCI de persoas adultas perderá dez camas destinadas a sobreaforo que van ser ocupadas coa unidade de neonatos e UCI pediátrica, e que as crianzas que ingresen neste novo espazo farano convivindo nun mesmo box varias doentes. “A seguridade asistencial non pode verse comprometida”, inciden.
Nesta liña, tamén piden que este cambio non afecte ao número de camas dispoñíbeis agora mesmo para o servizo de UCI pediátrica e UCI neonatal (6 camas UCI pediátrica, 8 incubadoras UCI neonatal e 13 cunas en neonatos).
De igual xeito, a CIG demanda que se garanta a seguridade das mulleres que acoden a urxencias xinecolóxicas vítimas dunha agresión, e non se perda a sala actual dispoñíbel para estas vítimas asegurando intimidade e seguridade. Reclama tamén salas de lactancia seguras e prácticas para as nais lactantes e as propias traballadoras “xa que o acompañamento durante a lactancia materna que realizan as traballadoras verase comprometido de non ser así”.
Doutra banda, a CIG-Saúde demanda que se realicen as avaliacións de riscos pertinentes e se dispoña de condicións ambientais adecuadas para que non se repita o sucedido cando a apertura dos novos espazos habitalos en Piñor. Neste senso, denuncian que o edificio Cristal Piñor non conta nin con ventiladores nin con sistema de aire acondicionado.
“Consideramos por tanto que o traslado dos paritorios ,UCI Pediátrica, UCI Neonal, unidade de hospitalización pediátrica, planta de obstetricia e urxencias xinecolóxicas debe de realizarse cando se garantan unhas instalacións que cumpran os mínimos de seguridade asistencial e ambientas para as traballadoras, nas que poder realizar coidados de calidade e práctica clínicas seguras”, aseveran.
CIG-Saúde non vai permitir que as traballadoras “teñan que asumir deficiencias estruturais ou se lles faga responsábel de situacións que xeren calquera evento adverso nos coidados derivadas de esas deficiencias”.