A limpeza da Coruña iniciará mobilizacións para exixir o incremento salarial do 9,8% que estabelece o convenio

A Coruña -

As traballadoras da limpeza da provincia da Coruña están chamadas ao conflito para exixirlle á patronal estatal ASPEL que aplique de inmediato a cláusula de revisión salarial estabelecida no convenio colectivo -que suporá unha actualización dos salarios do 9,8%- e cese no seu bloqueo á negociación colectiva. A CIG e UGT (que ostentan o 85% da representatividade no sector) teñen convocadas concentracións para o próximo mércores, 24 de abril, diante de Eulen e Clece, por ser as dúas empresas da patronal estatal con maior presenza na provincia.

As protestas realizaranse na cidade da Coruña de xeito consecutivo: das 10:30h ás 11:30h diante das oficinas do Grupo Eulen (Estrada Baños de Arteixo, nº21) e das 12h ás 13h diante das oficinas de Clece (Avda. de Fisterra, nº 265A). Estas concentracións supoñen, ademais, o inicio dun calendario de mobilizacións no que as fregonas amarelas volverán tomar as rúas e "no que non descartamos ningunha medida de presión".

Garantir o mantemento do poder adquisitivo

Así o anunciaron esta mañá CIG e UGT nunha rolda de prensa na que se denunciaron os incumprimentos da patronal estatal ASPEL. Paulo Rubido, da Executiva Confederal da CIG e representante da central na mesa de negociación, explicou que o convenio contempla unha cláusula de revisión salarial "que opera a finais de vixencia deste pola diferenza do IPC con respecto ás subas anuais pactadas". Esta cláusula permítelle ao persoal garantir o mantemento do seu poder adquisitivo.

A 1 de xaneiro deste ano, esta diferenza estaba no 9,8% e "cómpre aplicar a actualización das táboas antes de iniciar a negociación do novo convenio". Na primeira reunión da comisión paritaria para abordar esta cuestión, tanto a asociación patronal provincial como a estatal ASPEL (integrada por empresas tan poderosas como Eulen, Clece, FCC, Sacyr, Serveo, Ingesan, Lacera ou Ilunion) recoñeceron esta obriga “e así quedou reflectido en acta”.

Dada a elevada contía e para poder repercurtirlle o incremento á clientela, nese encontro as patronais tamén solicitaron vincular o incremento á negociación do novo marco regulador. Nese contexto, CIG e UGT elaboraron unha proposta de convenio, que se suma ao pago íntegro dese 9,8%, coa que houbo entendemento por parte do empresariado local. Porén, iniciada a negociación, “ASPEL descólgase dese camiño e di que non quere negociar nada do novo convenio”.

ASPEL xoga a desregularizar o sector, a bloquear a negociación colectiva e a deixar as traballadoras co SMI"

Esta postura levou a solicitar a execución da cláusula de revisión salarial “que de maneira sorprendente a patronal agora se nega a pagar”. Con este escenario, a pasada semana a CIG e UGT instaron unha mediación no AGA, que a patronal provincial se amosou disposta a aceptar, mais que foi rexeitada por ASPEL.

"Diante desta negativa vémonos na obriga de ter que presentar demanda xudicial e iniciar o camiño da mobilización e o conflito no sector”, avanzou o representante da CIG, quen cualificou de "provocadora e impresentábel" a actitude da patronal estatal.

A este respecto, Rubido denunciou que existe un problema real con ASPEL “que xoga a desregularizar o sector, a bloquear a negociación colectiva e a deixar as traballadoras co SMI, e que actúa cun carácter practicamente delituoso”. Aínda máis, afirmou que "ASPEL sabe que vai perder, porque hai un acta asinada recoñecendo que teñen que aplicar o 9,8%, pero o seu obxectivo, deliberado, é atrasar o pago".

O convenio regula a 12.000 traballadoras/es

 Polo convenio da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña están reguladas unhas 12.000 persoas, a meirande parte mulleres que teñen condicións laborais precarias e que padecen unhas elevadísimas taxas de parcialidade, malia desempeñar unha actividade considera esencial.

"As concentracións do día 24 son o primeiro paso, pero a mobilización sindical neste sector vai en aumento, porque non imos consentir que se pretenda precarizar aínda máis o salario das traballadoras nin desregularizar as condicións deste sector altamente feminizado".

Por iso, Paulo Rubido reiterou que ambas centrais sindicais non desbotan levar adiantar "ningún tipo de medida de presión para combater a estes piratas vestidos de grandes multinacionais que se pasean polo palco do Bernabeu e o Ibex35".

Volver