Nova xornada de mobilizacións no servizo de raios de Urxencias do CHUAC en demanda de máis persoal celador

A Coruña -

O persoal do Servizo de Raios de Urxencias do CHUAC continuou este xoves coas mobilizacións semanais en demanda de máis persoal celador e para reclamar unha dotación adecuada dos equipos de radiodiagnóstico. Como vén sendo habitual, a protesta saíu ás 14:40h dende a porta de Raios e marchou arredor do perímetro do centro hospitalario.

A Comisión de Centro segue a demandar o incremento de celadores/as, xa que o cadro de persoal desta categoría "está infradotado e os/as profesionais son insuficientes para poder atender a demanda asistencial que se xera neste servizo".  Ademais, denuncian que os equipos radiolóxicos non son renovados "xa que non hai investimento dende a Consellaría de Sanidade e temos que agardar ás subvencións dos fondos FEDER ou a que haxa doazóns para poder renovalos".

Critican a Xerencia por apostar pola política de aforro e diminución da calidade na sanidade pública, "seguindo a mesma liña de actuación que a Consellería de Sanidade, provocando así un deterioro na atención ás persoas doente, aumentando os tempos de espera que acaban converténdose en horas e propiciando os amoreamentos na realización de probas diagnósticas". Impídese , engaden, "que as/os profesionais poidan desenvolver o seu traballo en condicións óptimas, xa que os medios non son adecuados debido á falta de recursos humanos e materiais".

Por iso, dende a comisión de centro avanzan que seguirán a mobilizarse e a defender a dotación axeitada de equipos e persoal neste centro hospitalario.

Volver