A CIG-Saúde denuncia a penalización do Sergas a profesionais de atención primaria

O sistema sanitario introduce un indicador para valorar o pago dun complemento salarial con obxectivos que non dependen das profesionais

Vigo -

A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia que o Sergas penalizará economicamente as profesionais de atención primaria ao introducir un indicador para valorar o pago dun complemento salarial con obxectivos que non dependen directamente da persoa traballadora.

Dende a central sindical explican que baixo o epígrafe ‘Accesibilidade na prestación de servizos e capacidade de resolución’ que penaliza a demora de máis de catro días para cita. Lembran que o concepto incorporado nos Acordos de Xestión do ano 2024 non foi negociado nin coa representación das persoas traballadoras nin coas profesionais. “Ademais, supón responsabilizar as persoas traballadoras dunha situación da que son responsábeis directas as Xerencias, polo que sería un obxectivo a cumprir polas áreas”. 

Este indicador vai supoñer unha redución salarial para o persoal

Inciden en que este indicador vai supoñer unha redución salarial para profesionais, en especial das que traballan en centros con dificultade para a cobertura de ausencias, “xa que a falta de cobertura de ausencias obriga a atención de doentes doutras profesionais, o que fai que as listas de agarda sexan maiores”.

En consecuencia, a CIG-Saúde xa se solicitou na mesa sectorial a eliminación do indicador, “e reiteramos o mesmo na área sanitaria de Vigo, por non ser un obxectivo alcanzable na maioría dos centros da área sanitaria e non depender das profesionais.

Finalmente, lamentan que este sistema represente “un novo maltrato” a unha atención primaria “que está a sobrevivir, malia a nefasta xestión, grazas ao traballo do persoal sanitario e non sanitario dos centros”.

Volver