O persoal da sanidade privada concéntranse no Hospital San Rafael coa vista posta na mediación do luns

A Coruña -

Dentro do calendario de mobilizacións xa acordado, o persoal da sanidade privada concentrouse este xoves diante do Hospital San Rafael da Coruña en demanda dun convenio colectivo digno e condicións salariais e laborais xustas. A protesta realízase ás portas de iniciarse a mediación para tentar desbloquear a negociación e avanzar nun acordo que permita pechar o conflito.

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, explicou que logo das xornadas de mobilizacións e folgas secundadas polo persoal do sector nestes meses, a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais púxose en contacto coa representación sindical para instar unha reunión coa patronal.

Nese encontro, que tivo lugar o pasado martes, o CGRL formulou a posibilidade de retomar as negociacións coa intervención dun mediador. Pero á diferenza da proposta que no seu día realizou a patronal, "nesta ocasión non se parte con ningún recorte de dereitos enriba da mesa, nin esta mediación ten como finalidade evitar as posíbeis convocatorias de folga", subliñou Tizón.

Neste escenario, tanto a CIG, como o resto de sindicatos aceptaron a proposta, quedando marcada a primeira das reunións para o luns 6 de maio. "Como mostra de boa fe, acordamos desconvocar o resto do calendario de mobilizacións que había para este mes, aínda que mantemos a convocatoria de folga de xuño á espera do que pase na mediación".

Que se materialice ou non a folga "depende de que a patronal demostre que si quere negociar, o que significa presentar propostas positivas e que o luns acordemos un calendario de negociacións o suficientemente ambicioso durante o mes de maio".

Sobre as perspectivas da mediación, Tizón reitera que a parte social ten unhas demandas básicas como cobrar o traballo en domingos, a redución da xornada anual para achegala á media so sector ou a actualización das táboas salariais "partindo duns números significativos". "O que non imos consentir é partir de recortes de dereitos que xa temos gañados, como a patronal está pretende dende o inicio da negociación".

O representante da CIG lembrou que a patronal (integrada por grandes grupos como HM, Quirón, Ribera Salud ou Adelas Dental) arrancou a negociación do novo convenio pondo enriba da mesa recortes nos trienios ou no cobro do 100% das baixas e trasladando ofertas económicas ridículas, malia que xa hai categorías que quedaron por debaixo do SMI.

"Nós sempre amosamos a plena disposición de negociar, pero non a negociar recortes, senón acordos que se traduzan en melloras das condicións laborais e das condicións salariais das traballadoras e traballadores do sector", concluíu.

Volver