O comité do Hospital Quirónsalud rexeita os despedimentos aplicados na área de administración

Convoca concentración o martes 14 de maio, ás 12h, diante do centro hospitalario da Coruña

A Coruña -

O comité do Insitituto Poloclínico Santa Teresa (Quirónsalud A Coruña) rexeita o despedimento de cinco traballadoras e traballadores da área de administración en pleno conflito pola negociación do convenio e a pesar dos bos resultados económicos obtidos polo grupo sanitario privado. A empresa aduce causas obxectivas por motivos produtivos e organizativos para xustificar esta medida, que foi adoptada sen previa comunicación á representación legal dos e das traballadoras.

Para amosar o seu rexeitamento aos despedimentos, producidos o pasado 30 de abril, membros do comité concentráronse no día de onte diante do Hospital Santa Teresa aproveitando a visita da dirección corporativa de Quirónsalud ás instalacións da Coruña.  A maiores, o comité ten convocada unha nova protesta para o martes 14 de maio, ás 12:00h, diante do hospital, en demanda da reincorporación das compañeiras e compañeiros e para trasladar o malestar do persoal por esta decisión patronal.

A empresa, explica a presidenta do comité, Laura Méndez, xustifica os despedimentos aludindo a unha dixitalización de todos os procesos administrativos, máis non facilita os datos do volume de traballo realizado polo persoal humano. Neste senso, subliña que ademais das súas tarefas diarias, o persoal de administración debe resolver os erros que provocan eses programas, "incrementándose notablemente a súa carga de traballo, nunha categoría profesional que previamente a esta dixitalización xa era  insuficiente para asumir todas as funcións que teñen encomendadas".

Cómpre ter en conta tamén que estes despedimentos se producen nun contexto de conflito pola negociación do convenio colectivo da sanidade privada da Coruña, cun seguimento neste hospital do case o 100% do persoal nas xornadas de folga, parando a totalidade da actividade administrativa e asistencial. Dáse a casualidade de que as notificacións dos despedimentos tiveron lugar o mesmo día que a parte social aceptaba unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, suspendendo as xornadas de folga previstas para o mes de maio e mostrando así a súa predisposición negociadora.

Quirón é un dos principais grupos no sector sanitario privado

Méndez lembra que Quirónsalud é unha das maiores empresas na sanidade privada do Estado, medrando un 8% no 2023 con 4.470 millóns de euros de ingresos, cun EBIT de 580 millóns de euros, e unha previsión para 2024 de crecemento acelerado dos beneficios, segundo datos publicados pola propia empresa. QuirónSalud goza ademais de concertos millonarios coa administración pública.

Non obstante, "a empresa procede a facer despedimentos para diminuír custes de persoal, reducindo efectivos na área administrativa para fomentar, segundo recoñece nas comunicacións entregadas ás e aos traballadores a competitividade e garantir a súa sostibilidade como empresa no sector".

O comité esixe a readmisión das/os profesionais despedidas/os, e que a empresa facilite os datos obxectivos e reais do traballo realizado por esa categoría profesional, así como "o total de  incidencias que somos coñecedoras/es que se producen, e quen realiza a corrección das mesmas nos distintos centros de traballo".

Volver