CIG-Saúde denuncia que a dirección do SERGAS leva 133 días paralizada

A federación expón as prioridades para a sanidade pública e critica que a Consellaría non se teña reunido coa representación legal do persoal

Nacional -

A CIG-Saúde compareceu en rolda de prensa esta mañá para dar conta da situación de parálise e inacción na que se atopa a dirección do SERGAS dende hai 133 días e para presentar as prioridades e urxencias para atallar a grave situación da sanidade pública galega e do seu persoal, nos distintos ámbitos.

O secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, denunciou que dende a convocatoria de eleccións ao Parlamento galego o pasado 26 de decembro vívese unha situación de parálise nos servizos centrais que tamén afecta ao conxunto das áreas sanitarias "que están á expectativa de que se tomen decisións importantes que afectan aos recursos dispoñíbeis, ou mesmo garantir a continuidade asistencial durante o próximo verán".

Para a CIG-Saúde resulta "inconcibíbel" que transcorridos 23 días dende o nomeamento do novo conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, "non teñamos convocada en tempo e forma ningunha reunión". Criticou que malia manterse encontros de presentación do novo equipo nos que participaron diversas asociacións e colectivos, "non se ten en conta á representación legal das traballadoras e traballadores do SERGAS".

Por iso, Moreira demandoulle á Consellaría "que sente falar con nós" para abordar o estado da sanidade pública galega e estabelecer un cronograma de cuestións prioritarias "porque o importante non son os nomeamentos na cúpula directiva, senón as políticas que desenvolven".

Recursos e orzamentos para a Atención Primaria

Advertiu que esta inacción choca de fronte coa necesidade de adoptar medidas urxentes en ámbitos fundamentais como a Atención Primaria. Instou a desenvolver o plan de ordenación de recursos humanos en todos o seus aspectos, comezando pola definición dos criterios de necesidades de prazas centro a centro, atendendo ás súas condicións sociodemográficas e ás carteiras de servizos, para despois estabelecer un plan do dotación de prazas a catro anos.

"Defendemos un modelo de Atención Primaria cunha única categoría de médico/a de familia, con persoal específico nos PAC, con pediatras nos centros de saúde e con centros achegados á cidadanía", destacou Moreira, rexeitando o modelo de centralización de recursos e adelgazamento da Atención Primaria posto en práctica polo PP. Neste senso, demandou a incorporación de novas categorías profesionais como a psicoloxía clínica e que se reforcen outras xa existentes como fisioterapia.

O secretario nacional pediu tamén a actualización do modelo retributivo da Atención Primaria para poñer en valor o traballo neste ámbito; e un estudo integral de cales son os centros de difícil cobertura, as causas que motivan esta situación e establecer incentivos para facer atractivo o traballo nestes centros. Así mesmo, dotar adecuadamente os PAC completando todos os equipos.

Xunto a isto, que se reforcen as estruturas de xestión de Atención Primaria encargadas de xestionar os recursos humanos e os orzamentos. "Para a CIG-Saúde é unha prioridade incrementar o orzamento que se dedica á Atención Primaria, porque isto é o que realmente demostra o compromiso dunha administración. Non chegamos ao 14%, unha contía moi por debaixo dese 25% do gasto sanitario total que din os organismos internacionais que hai que destinar a Primaria".

Garantir as ratios e incrementar prazas en Atención Hospitalaria

En canto á Atención Hospitaliaria, Moreira referiu a sobrecarga asistencial á que se ten que enfrontar o persoal, polo que demandou que se garantan as ratios de profesionais en todas as categorías, e consolidar e incrementar as prazas que respondan a necesidades estruturais para poder prestar unha asistencia sanitaria de calidade e para garantir unhas condicións de traballo adecuadas. Neste liña, pediu tamén revisar o acordo de persoal médico de urxencias hospitalarias.

Doutra banda, a CIG-Saúde reivindicou transparencia nos procesos de selección e avaliación das xefaturas e que se teña en conta a dedicación exclusiva á hora de escoller as xefaturas de servizo. Tamén reclamou transparencia nas listas de agarda "porque o debate ten que ser para garantir que as persoas pendentes de intervención ou de consulta poidan facela no tempo preciso, coa calidade precisa e no ámbito da sanidade pública".

Así mesmo, pediuse máis claridade nos procesos de autocobertura, na derivación á sanidade privada "que se incrementa de maneira rechamante nalgunhas áreas sanitarias" e que eses recursos se redirixan á sanidade pública.

Sobre as condicións laborais, a CIG-Saúde insistiu en que se apliquen os acordos de 2023 e se avalíe o seu cumprimento tanto no aspecto económico como no relativo á redución da xornada. Precisamente, defendeu a contratación de máis persoal para que a efectivización da xornada de 35 horas non se traduza nun recorte de prestacións ou nunha sobrecarga de traballo.

Saúde Laboral e Igualdade

Urxe abordar as condicións laborais do persoal da sanidade pública desde o punto de vista da protección da súa propia saúde e avaliar a aplicación do plan de Igualdade que caduca este ano, e adaptar as súas medidas a normativa vixente.

Un convenio digno para o persoal de investigación

Moreira subliñou que tamén cómpren medidas de calado coas Fundacións Públicas de Investigación Sanitaria e coa medicina xenómica, negociando un novo convenio colectivo para o persoal laboral e que, ademais, se camiñe cara a conversión destes traballadores e traballadoras en persoal estatutario. "Os aspectos que teñen que ver coa investigación sanitaria e coa medicina xenómica son fundamentais para o futuro da sanidade pública, para poder afrontar novas patoloxías e dar resposta a enfermidades para as que hoxe non a temos".

Reforzar a sanidade pública de Vigo

Outras das cuestións que a CIG-Saúde reclamou da Consellaría de Sanidade foi unha aposta por reforzar a estrutura da sanidade pública da área de Vigo "para non estar en mans dunha empresa privada que ten un concerto singular como Ribera Povisa". Lembrou que Povisa atende a 130.000 usuarios/as para quen a sanidade pública non ten alternativa e que se perdeu unha oportunidade importante "de desfacer este monopolio" cando hai uns anos se produciu a venda do hospital.

Diante disto, instou a Consellaría de Sanidade a publicar as condicións do concerto e que nos vindeiros catro anos desenvolva os recursos precisos na área de Vigo para poder atender a estas 130.000 persoas na sanidade pública.

Por todas estas razóns, "consideramos que é necesario estabelecer vínculos de conexión coa Consellaría de Sanidade, denunciar que levamos xa 133 días de inacción e demandar unha clara aposta pola sanidade pública e polas súas e polos seus profesionais". Neste camiño "non hai que inventar nada, xa se sabe o que hai que facer, e a CIG-Saúde pon enriba da mesa prioridades claras", concluíu.

Volver