Cinco teses sobre a situación en Nepal
Vijay Prashad e Atul Chandra -
Tras a renuncia do primeiro ministro nepalí KP Oli no medio de protestas masivas impulsadas pola mocidade do país, circularon diferentes narrativas que simplifican e terxiversan as complexidades e a realidade sobre o terreo en Nepal que están na orixe desta crise
«Se a túa casa non está limpa, as formigas entrarán pola porta e atraerán ás serpes»
A crise en Nepal agravouse a principios de setembro, derrocando o goberno de centro-dereita do primeiro ministro KP Oli (proveniente do Partido Comunista). O detonante inmediato foi a regulación e prohibición das redes sociais o 4 de setembro. As protestas por esta medida foron reprimidas pola policía con disparos, deixando 19 manifestantes mortos. Foron aumentando as protestas, que se converteron en manifestacións masivas e ataques ás casas de políticos, ao edificio do Parlamento nacional e á residencia presidencial.
Circulan varias narrativas sobre a axitación actual, pero dúas son as que predominan:
- Fracaso sistémico da gobernanza: Os anos de promesas incumpridas, corrupción e alianzas oportunistas provocaron unha crise de lexitimidade non deste ou aquel partido, senón do establishment. O auxe actual explícase como unha reacción popular debido ao descoido acumulado.
- Tese da revolución de cores: que as protestas están argalladas por unha forza externa, e a maioría dos dedos apuntan aos Estados Unidos e ao financiamento do Congreso dos Estados Unidos a través da Fundación Nacional para a Democracia a Hami Nepal (creada en 2015).
Ambas as teorías permiten ás partes implicadas en Nepal eludir doadamente a súa responsabilidade, xa sexa achacándoa a intromisións estranxeiras ou a unha vaga idea da “clase política”. Nestas teorías non se aborda a orde burguesa subxacente e os seus problemas en Nepal: unha economía clientelar de con máis dun século de historia, o control da terra, as finanzas e os contratos gobernamentais en mans dun oligopolio estreitamente vinculado á monarquía, e un paradigma de crecemento que depende da exportación de traballadores migrantes e do desenvolvemento de infraestruturas financiadas con débeda. As causas estruturais das reivindicacións da poboación simplifícanse en conceptos simplistas, pero evocadores, por exemplo, “corrupción” e “revolución de cores”.
Ningunha destas teorías é totalmente incorrecta ou correcta, senón que son só parciais e a súa parcialidade pode ser moi enganosa. Este artigo non pretende corrixir esa parcialidade por si só, pero espera ofrecer algunhas ideas para o debate. As cinco teses que se expoñen a continuación só pretenden enmarcar o debate que esperamos se de non só sobre a difícil situación de Nepal, senón tamén sobre a de moitos países do Sur Global.
- Mal xestión do momento de oportunidade. Despois de que se promulgase a nova Constitución en Nepal en 2015, había unha gran esperanza de que a esquerda ampla puidese mellorar a situación social dos nepalís. Así, en 2017, os distintos partidos comunistas obtiveron o 75 % dos escanos no Parlamento nacional.
Ao ano seguinte, os partidos comunistas máis grandes uníronse para formar o Partido Comunista de Nepal, aínda que a unidade non era moi profunda porque os partidos tiñan as súas propias estruturas e os seus propios programas e non podían formar realmente un partido unificado, senón principalmente un bloque electoral unificado. A falta dun programa común para a actividade política comunista e dunha axenda común para resolver os problemas do pobo a través do instrumento do Estado conduciu á perda da oportunidade que se lle brindou á esquerda.
O partido unificado dividiuse en 2021 e, desde aquela, os distintos partidos de esquerda fóronse sucedendo no poder, o que o pobo viu como practicas individualistas e oportunistas. Cando o ministro do Interior Narayan Kaji Shrestha (2023-2024), do Centro Maoísta, tentou utilizar os instrumentos do Estado para investigar as prácticas corruptas, mesmo no seu propio partido, foi expulsado do seu cargo.
Desde 2024, o Goberno de Nepal incluía unha facción dereitista da esquerda (liderada por K. P. Oli) e unha facción da dereita (o Congreso Nepalí), o que o convertía nun Goberno de centro-dereita. A longa loita pola democracia que comezou coa Revolución de 1951, intensificouse co Jana Andolan (Movemento do Pobo) de 1990 e logo pareceu consolidarse co Loktantra Andolan (Movemento pola Democracia) de 2006, só parece ser derrotada, cando en realidade esa longa loita reaparece baixo outras formas.
- Incapacidade para abordar os problemas básicos da poboación. Os problemas de Nepal en 2015, cando se adoptou a nova Constitución, eran graves. Un terremoto masivo en Gorkha devastou a provincia, deixando máis de 10.000 mortos e deixando centos de miles de persoas sen fogar. Polo menos unha cuarta parte dos nepalís vivía por baixo da liña da pobreza. A discriminación por motivos de caste e etnia creou unha gran sensación de desesperanza. A provincia de Madhesh, situada na fronteira entre Nepal e a India, estaba especialmente indignada pola sensación de desvantaxe e polo convencemento de que a Constitución de 2015 a marxinaba aínda máis. A débil sanidade e educación pública, que levaban un século sen recibir o financiamento necesario, non podían satisfacer as aspiracións da clase media emerxente.
Os gobernos de esquerda propuxeron diversas políticas para abordar algunhas destas cuestións, sacando a amplos sectores da poboación da pobreza (a pobreza infantil pasou do 36 % en 2015 ao 15 % en 2025) e do abandono das infraestruturas (o acceso á electricidade é agora do 99 % e rexistrouse unha mellora no Índice de Desenvolvemento Humano).
Con todo, segue existindo unha enorme fenda entre as expectativas e a realidade, xa que as taxas de desigualdade non diminúen o suficiente e a migración mantense en niveis alarmantemente altos. Os niveis de corrupción tamén seguiron sendo demasiado elevados no país, xa que a percepción da corrupción se deteriorou (ocupando o posto 107 de 180 en 2024). O goberno non puido conter a corrupción, a desigualdade e a inflación, e pechou acordos moi desfavorábeis en materia comercial e financeira co FMI (o retorno ao Servizo de Crédito Ampliado do FMI reduciu as súas posibilidades fiscais).
- A tendencia a buscar refuxio na idea da monarquía hindú. A pequena burguesía nepalí, que envía os seus fillos a escolas en inglés e que adoita proceder de castes hindús oprimidas ou “atrasadas”, séntese frustrada polo continuo dominio das castes superiores e inspírase na política da pequena burguesía hindutva de dereita de Uttar Pradesh, un dos estados que limita con Nepal. Por iso nas marchas había moitos carteis coa imaxe de Yogi Adityanath, líder do partido dereitista Bharatiya Janata Party (BJP) da India e xefe do goberno de Uttar Pradesh. Esta fracción da poboación tamén está disposta a “volver” á monarquía, que é unha monarquía hindú. Varias forzas políticas apoian estas tendencias, por exemplo, o partido pro-monárquico (Partido Rashtriya Prajatantra ou RPP) e as súas persoas aliadas (Comité Conxunto do Movemento Popular, formado en marzo de 2025 como parte das protestas polo retorno á monarquía, Shiv Sena Nepal, Vishwa Hindu Mahasabha).
Desde a década de 1990, o Hindu Swayamsevak Sangh (HSS), afiliado internacional do RSS indio, creou discretamente shakhas (grupos) e cadros. O HSS, xunto cun grupo tentacular de organizacións, por exemplo, o Shiv Sena e o RPP, fixo campaña contra as políticas seculares e a favor do retorno ao Raj hindú. En lugar de limitarse a atacar o secularismo, o bloque Hindutva centrou a súa atención no que denomina unha porta xiratoria de elites en Katmandú que mantivo o poder desde que se aboliu a monarquía en 2008. Enmarcan a súa retórica civilizatoria ao redor da loita contra a corrupción e a caridade, con mobilizacións a través de festivais hindús e de persoas influentes en Internet, así como cunha divulgación selectiva entre as castes marxinadas e oprimidas en nome da unidade hindú. Este bloque, poderosamente organizado a diferenza dos mozos, ten a capacidade de tomar o poder e restaurar a orde en nome do Estado hindú e a monarquía, recuperando o autoritarismo en nome da loita contra a corrupción.
- Cansados da válvula de escape da migración. Se omitimos países pequenos, por exemplo, Montserrat e San Cristóbal e Neves, Nepal é o país coa taxa per capita máis alta de migración por motivos laborais. Cunha poboación de 31 millóns de habitantes, actualmente hai 534 500 nepalís (rexistrados) que traballan no estranxeiro, o que supón 17,2 persoas por cada 1000 nepalís. As cifras aumentaron considerabelmente nos últimos anos. En 2000, a cifra rexistrada de nepalís que obtiveron permisos de traballo no estranxeiro era de 55 000, agora é dez veces maior. En 2022-23 alcanzouse unha nova marca con 771 327 permisos expedidos.
Gran parte da mocidade está enfadada por non poder satisfacer as súas necesidades de emprego dentro de Nepal, senón verse obrigada a emigrar e, habitualmente, a aceptar traballos horríbeis. En febreiro de 2025 produciuse un terrible incidente en Yeongam (Corea do Sur), cando unha persoa migrante de 28 anos, Tulsi Pun Magar, probabelmente se suicidou porque o empregador da granxa porcina na que traballaba non deixaba de revisar á baixa o seu salario. Tulsi procedía da comunidade gurkha de Pokhara. Tras o seu suicidio, sóubose que 85 nepalís faleceran en Corea do Sur nos últimos cinco anos, a metade deles por suicidio. Novas como estas aumentaron a frustración e a ira cara ao goberno. En Internet, moitos compartiron a opinión de que o goberno se preocupaba máis polos investidores estranxeiros directos que polas persoas migrantes propias, cuxo investimento en Nepal a través das remesas é moito maior que calquera capital estranxeiro.
- As influencias externas dos Estados Unidos e a India. O Goberno de centro-dereita de KP Oli mantivera unha estreita relación cos Estados Unidos. Nepal uniuse á Millennium Challenge Corporation (MCC) do Goberno dos Estados Unidos en febreiro de 2017, unha decisión tomada por un Goberno de esquerda que foi moi controvertida por gran parte da esquerda. Debido á presión desde abaixo, o goberno de Nepal mantívose á marxe da MCC, pero o goberno de centro-dereita de Oli recibiu a John Wingle (vicepresidente adxunto da MCC) en Katmandú en agosto de 2025 para manter conversas sobre a continuación da axuda dos Estados Unidos e discutir a continuación dos proxectos de infraestrutura. Entrementres, o goberno de extrema dereita de Narendra Modi na India tratou de promover o papel do partido nacionalista hindú de extrema dereita en Nepal, que até o de agora estivera á marxe. Se houbo algunha actividade externa nas protestas de 2025, é máis probábel que a India, e non os Estados Unidos, tivese algo que ver nos acontecementos. Con todo, mesmo neste caso, é posíbel que a extrema dereita nepalí se limite a aproveitar o colapso do goberno de Oli e o enorme sentimento anticorrupción.
É importante recoñecer que ningunha vivenda ou oficina do RPP (Ndt: Partido pro-monarquía) foi atacada, mentres que en marzo os cadros do RPP atacaron unha oficina comunista, o que prefiguraba o que ocorre agora en setembro.
O exército parece restablecer certa calma en Nepal. Pero trátase dunha calma que é sinónimo de desorde e perigo. Queda por ver que sucederá a continuación. Levará tempo que acougue a situación. Convidará o exército a algunha das celebridades de Internet a asumir o poder, por exemplo, o alcalde de Katmandú, Balendra Shah? Os manifestantes suxeriron a Sushila Karki, unha moi respectada ex presidenta do Tribunal Supremo de Nepal (2016-2017), que desenvolveu a súa carreira manténdose á marxe dos partidos políticos. Trátase de opcións provisionais. Non terán o mandato de realizar cambios significativos. Finxirán estar por riba da política, pero iso só desilusionará a xente coa democracia e sumirá a país nunha crise a longo prazo. Un novo primeiro ministro non resolverá os problemas de Nepal.
[Artigo tirado do sitio web Peoples Dispatch, do 11 de setembro de 2025]