Venezuela no punto de mira da flota de guerra estadounidense

Katrien Demuynck -

A ameaza dunha invasión non só pon en perigo a Venezuela. Toda América Latina correría o risco de sufrir unha nova onda de guerra, caos e desestabilización. O que está a ocorrer agora fronte ás costas de Venezuela é, polo tanto, extremadamente alarmante e debemos seguilo de preto

 Nos grandes medios non se escoita nada respecto diso, pero no mar Caribe hai unha escalada militar en curso por parte dos Estados Unidos contra Venezuela. Segundo Washington, toda a operación está dirixida contra o narcotráfico. Pero contra os cárteles da droga ten pouco sentido despregar pesados buques de guerra e un submarino de ataque nuclear.

 A escalada militar leva xa varias semanas en marcha, pero desde hai uns días a situación acelerouse. A flota de guerra dos EUA está composta por sete buques de guerra, entre os que se atopan destrutores lanzamísiles Aegis, polo menos un cruceiro lanzamísiles e un submarino de ataque de propulsión nuclear. Ademais, despregáronse tres buques de transporte anfibio que transportan en conxunto a uns 4.500 militares.

 A agresión dos EUA contra Venezuela non é, abofé, nada novo. Desde que o pobo venezolano elixiu a Hugo Chávez presidente en 1999, esta agresión foi en constante aumento. A razón para iso non a hai que buscar moi lonxe.

 Venezuela ten as maiores reservas probadas de petróleo do mundo. Segundo a OPEP, máis de 303.000 millóns de barrís (2024). Ademais, o país conta con importantes reservas de ouro. Sumado a iso existe un xigantesco potencial mineiro na faixa do Orinoco, onde datos oficiais venezolanos calculan o valor dos minerais estratéxicos, incluídos o coltán e as terras raras, na enorme cifra de 2.000.000 millóns de dólares.

 Chávez rompeu coa política tradicional do ‘patio traseiro’ que mantiña as enormes reservas de petróleo e minerais do país a disposición dos EUA. Para o gran veciño do norte, iso foi inaceptábel.

 Non é que fose a primeira vez que un país latinoamericano tentaba liberarse dese control imperialista. En 1959 fíxoo Cuba, en 1979 Nicaragua e logo, en 1999, Venezuela. Os dous primeiros países levan décadas lidando cun bloqueo económico, financeiro e diplomático por parte dos EUA e coa frecuente incitación a disturbios internos.

 En Nicaragua mesmo se estabeleceu e financiou unha verdadeira guerra contrarrevolucionaria – unha auténtica guerra de terror contra a poboación. A política de agresión interrompeuse entre 1990 e 2006, cando os EUA lograron impor alí un goberno neoliberal. Eu mesma vivín e traballei entre 1986 e o outono de 1991 en Nicaragua e fun testemuña do que ocorreu alí.

Onda progresista

 En 2004 Venezuela e Cuba fundaron conxuntamente a ALBA, a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América. Era un acordo de cooperación entre países centrado na colaboración e a solidariedade mutua, e un contrapunto directo ao ALCA, a Área de Libre Comercio das Américas planeada polos EUA. Ese proxecto neoliberal liderado polos Estados Unidos foi enterrado en 2005 nunha cimeira celebrada en Mar del Plata, Arxentina.

 América Latina navegaba entón nunha onda progresista, cun dos seus puntos culminantes na fundación da CELAC, a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños en 2011. Era un mecanismo de cooperación entre os 33 países independentes de América Latina e o Caribe, unha resposta á OEA (Organización de Estados Americanos), de carácter neocolonial e dominada polos EUA e Canadá.

 Na primeira década dos anos 2000 a corrente bolivariana en América Latina, nomeada así polo libertador descolonizador do continente, Bolívar, ía claramente gañando terreo fronte á Doutrina Monroe. Esta última ten como lema ‘América para os americanos’, aínda que sería máis correcto dicir ‘América para os Estados Unidos’. A Doutrina Monroe é a pedra angular da política imperialista do ‘patio traseiro’ que exercen os EUA en América Latina.

O cambio de rumbo

 Na segunda década do século XXI o rumbo comeza a cambiar. O 5 de marzo de 2013 Hugo Chávez morre por mor dunha enfermidade que aínda non foi aclarada. En 2014 o presidente estadounidense Obama impón as primeiras sancións a Venezuela. En 2015 estas endurécense aínda máis.

 En 2016 a presidenta progresista de Brasil, Dilma Rousseff, é destituída mediante lawfare (guerra xurídica). En 2017 Lenín Moreno, sucesor do progresista presidente ecuatoriano Rafael Correa, dá unha viraxe cara ao campo neoliberal. Son só algúns exemplos do cambio de tendencia en América Latina, baixo a dirección directa e indirecta dos EUA.

Venezuela no punto de mira

 Como resultado das sancións económicas dos EUA. Venezuela entra nunha grave crise económica que provoca unha emigración masiva. Con todo, o goberno bolivariano do presidente Maduro logra estabilizar o país e recuperar o crecemento económico, o máis forte de América Latina.

 Isto leva á reelección de Maduro no verán de 2024. Esas eleccións celébranse baixo unha gran tensión e cunha forte inxerencia de Washington. Tras a reelección grupos de ultradereita da oposición, dirixidos desde os EUA tentan sementar o caos. Pero fracasan.

 O 10 de xaneiro de 2025 comeza o novo mandato do presidente Maduro. O 26 de marzo de 2020 Trump ofrece, a través do Departamento de Estado dos EUA e o seu Narcotics Rewards Program, unha recompensa de 15 millóns de dólares por información que poida levar á detención ou condena de Maduro por narcotráfico. É sobre todo unha medida simbólica e política para illalo e criminalizalo internacionalmente. O 10 de febreiro de 2025 os EUA aumentan a recompensa a 25 millóns de dólares.

 Obviamente, non existe ningunha proba da participación do presidente Maduro no narcotráfico. O moi mencionado cártel Tren de Aragua foi máis ben desmantelado en Venezuela en 2023. Aínda así, en febreiro de 2025 os EUA declaran esta organización ‘organización terrorista’.

 Iso, á súa vez, senta as bases para iniciar unha cazaría contra inmigrantes venezolanos nos EUA, supostamente membros do Tren de Aragua, e deportalos a campos de castigo no Salvador do ultradereitista Bukele. Tras difíciles negociacións, Venezuela logra repatriar a 252 venezolanos deportados.

Mobilización popular

 A primeiros de agosto, no preludio da actual escalada militar, os EUA declaran a outra organización, o Cártel dos Soles, organización terrorista. Declaran unilateralmente a Maduro un dos xefes desa organización e aumentan a recompensa pola súa captura a 50 millóns de dólares.

 Con todo, a ONU xa estabeleceu en 2007 que Venezuela é un país libre de cultivos ilegais de drogas. A mesma ONU tamén sinala que o 87% das drogas producidas en Ecuador e Colombia saen deses países polas súas costas. Só un 5% o fai pola fronteira de máis de 2000 km con Venezuela.

 O 28 de agosto de 2025 o representante permanente de Venezuela ante a ONU entregou unha comunicación ao secretario xeral Antonio Guterres na que denunciaba a agresiva e perigosa escalada do goberno dos EUA contra Venezuela.

 Venezuela, á súa vez, mobilizou a súa poboación en resposta á demostración de forza militar fronte ás súas costas. Xa se inscribiron máis de 4 millóns de homes e mulleres venezolanos para defender o proxecto bolivariano a través das milicias populares. En calquera caso, se os EUA levan a cabo a súa ameaza, atoparán unha resistencia ampla e ben organizada.

Alarmante

 Non é a primeira vez que os EUA difunden mentiras para poder invadir un país. Abonda con lembrar as supostas armas de destrución masiva de Sadam Husein.

 A ameaza dunha invasión non só pon en perigo a Venezuela. Toda América Latina correría o risco de sufrir unha nova onda de guerra, caos e desestabilización. O que está a ocorrer agora fronte ás costas de Venezuela é, polo tanto, extremadamente alarmante e debemos seguilo de preto.

_____________________________________________________________________________

Texto orixinal: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2025/08/29/venezuela-in-het-vizier-amerikaanse-oorlogsvloot-dreigt/

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 1 de setembro de 2025]

Volver