A sanidade privada da Coruña continúa en loita por un convenio con condicións salariais e laborais xustas

A Coruña -

Traballadoras e traballadores da sanidade privada da Coruña continúan mobilizándose en demanda dun convenio colectivo digno e contra as pretensións da patronal de recortar dereitos, desta volta diante do Hospital HM Modelo da Coruña. A próxima concentración terá lugar o 11 de abril no Hospital A Rosaleda de Santiago e para os días 17, 18 e 19 de abril están convocadas novas xornadas de folga.

Porén, malia o éxito das xornadas de folga previas e das intensas mobilizacións realizadas nos últimos meses, a patronal continúa desaparecida e sen responder ás solicitudes da parte social para retomar as negociacións.

Cómpre lembrar que a patronal (na que están presentes grupos tan importantes como HM, Ribera Salud, Quirón ou Adeslas) rachou as negociacións e pretendeu ir a unha mediación, mais sen retirar as propostas de recortes de dereitos xa consolidados.

Ante esta chantaxe, e tendo en conta o resultado das mediacións en convenios anteriores, a parte social rexeitou esta vía e instou a patronal a volver a mesa, apartando os recortes formulados. Unha petición á que o empresariado segue sen responder.

A CIG-Saúde subliña que as propostas da patronal son inasumíbeis posto que os incrementos ofertados non garanten a recuperación e o mantemento poder do poder adquisitivo do persoal (cando hai categorías que xa quedaron por debaixo do SMI); non se avanza en cuestións básicas como a redución da xornada máxima anual para achegala á media do sector; o empresariado négase a abordar o pago do traballo en domingos; e ademais pretende recortar dereitos xa recoñecidos como o cobro do 100% no caso de IT ou modificar o actual sistema de retribución dos trienios.

Máis de 5.000 traballadoras/es

O convenio da sanidade privada da provincia da Coruña atinxe aos establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta, laboratorios de análises clínicas ou clínicas dentais e de fisioterapia, entre outros, que aglutinan a máis de 5.000 traballadoras e traballadores.

Trátase dun sector moi feminizado, con contratos precarios e a media xornada. Os salarios en convenio, de arredor de 750€, que se poden corresponder coas categorías de limpeza ou pinche de cociña, seguen estando por debaixo do SMI legal. O que estas grandes empresas da sanidade privada están facendo é pagar os atrasos derivados da suba do SMI, isto é, a parte do incremento que aínda non teñen recoñecida nas táboas salariais, ao final do ano.

Isto está provocando que, ao compensar así os salarios máis baixos, agora se estean solapando as categorías porque, segundo apuntaron, o persoal de enfermería ten salarios de arredor de 1.200€ que non se incrementaron co cal o persoal das categorías máis baixas xa está cobrando cantidades similares.

Volver