A prioridade dos convenios galegos reforza o marco propio de relacións laborais e a clase traballadora na loita pola mellora das súas condicións

Nacional -

A CIG fai unha valoración moi positiva da modificación do artigo 84 do ET recollida no Real Decreto Lei 7/2023, ao responder, en parte, á histórica reivindicación de que os convenios negociados en Galiza teñan prioridade aplicativa sobre os de ámbito estatal. Este cambio normativo recolle as demandas do sindicalismo nacionalista galego, vasco e catalán e afianza a recuperación dun dereito perdido coas últimas reformas laborais.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, este cambio constitúe "unha oportunidade para reforzarmos o marco galego de relacións laborais" e fortalece a capacidade da clase traballadora galega para loitar pola mellora das súas condicións laborais e salariais. "Estamos ante o recoñecemento do dereito a poder democratizar as relacións laborais e a negociación colectiva, que algunhas organizacións sindicais pretenden secuestrar en mesas en Madrid". 

Recoñécese o dereito a poder democratizar as relacións laborais e a negociación colectiva, que algúns sindicatos pretenden secuestrar en mesas en Madrid

Subliña que tanto a CIG como o sindicato vasco ELA son maioritarios nos seus respectivos países e a afectos da Lei Orgánica de Liberdade Sindical tan representativos como UGT e CCOO. Carril rexeita as reticencias manifestadas polas dúas centrais españolas a esta mudanza normativa porque "non podemos seguir soportando que a negociación estatal impida a negociación colectiva en Galiza".

Reitera que o modelo sindical da CIG defende unha negociación colectiva próxima aos traballadores e ás traballadoras, como mellor garantía de organización e capacidade de resposta, e para que sexan as persoas traballadoras as que incidan e decidan en cada momento sobre as súas propias condicións laborais.

Esta modificación normativa reforza tamén a aposta da CIG polos convenios sectoriais de ámbito galego (para complementar ou substituír algúns dos actuais convenios provinciais e tamén para regular novos sectores de actividade) e a necesidade dun ir a un acordo interprofesional galego de estrutura da negociación colectiva, que sirva para protexer os convenios provinciais da colonización por parte dos convenios estatais.

A reforma de 2011, un duro golpe á negociación colectiva

A reforma da negociación colectiva do Goberno de Zapatero en 2011 (consolidada posteriormente na reformas dos Executivos de Rajoy) foi moi agresiva para os convenios sectoriais autonómicos e provinciais e para o propio modelo sindical da CIG, pois abriu a porta a que os convenios de ámbito estatal dispuxeran enteiramente sobre a estrutura da negociación colectiva nun sector, reservando para si todo tipo de materias e prohibindo a súa negociación noutros ámbitos.

A reforma de 2011 abriu a porta a que os convenios de ámbito estatal reservaran para si todo tipo de materias, prohibindo a súa negociación noutros ámbitos

Isto provocou consecuencias tan prexudiciais como as rexistradas recentemente no convenio da construción de Pontevedra asinado pola CIG (sindicato maioritario) e a patronal provincial, que foi declarado nulo polo TSXG tras a demanda presentada pola patronal estatal por entender que o convenio provincial regula materias reservadas ao ámbito estatal e mellora os dereitos aí recollidos. "É un claro exemplo de como a estatalización da negociación colectiva, que algúns queren preservar a consolidar, é negativa para os intereses da clase obreira e facilita a precarización salarial e laboral", valora Carril.

Na  lexislatura pasada, o sindicalismo nacionalista galego, vasco e catalán presentou unha táboa reivindicativa para recuperar a prevalencia do marco autonómico, xa que na reforma laboral de PSOE-UP non se daba resposta a esta cuestión. Chegar agora a este cambio non sería posíbel sen a loita sindical e a mobilización da clase traballadora desenvolvida ao longo de todos estes anos.

Con todo, advirte Carril, esta prioridade fica condicionada a que a regulación dos acordos ou convenios autonómicos sexa máis favorábel para as persoas traballadoras que a fixada nos convenios ou acordos estatais, polo que, "aínda temos que seguir pelexando para acadarmos o pleno recoñecemento do dereito a negociar aquí e con todas as garantías xurídicas as nosas condicións de traballo".

Volver