V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva: afonda na precariedade e renuncia ao conflito

Nacional -

O V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) asinado polas patronais CEOE e CEPYME cos sindicatos CCOO e UGT constitúe un novo capítulo do diálogo social, neste ocasión bipartito, dentro do proceso permanente de pacto social, estatalización e centralización da negociación colectiva en Madrid.

Dende as primeiras liñas do Acordo faise unha aposta polo diálogo social, unha posta en valor e autoxustificación, entendíbel por parte de CEOE-CEPYME pero lamentabelmente asumida e defendida por CCOO e UGT. No repaso que fan ao balance do diálogo social vemos liña a liña a confirmación do entreguismo sindical a reivindicacións históricas da patronal e a axenda dos Gobernos en cumprimento do plano de axuste que a política neoliberal da UE ven esixindo aos Estados, nomeadamente ao español, para acceder aos fondos europeos .

Este acordo é a confirmación do entreguismo sindical a reivindicacións históricas da patronal e a axenda dos Gobernos

En síntese, un diálogo social que, máis ca nunca, está branqueando, unha vez máis, a ofensiva do capital contra o traballo, que nesta fase histórica iniciada tras a pandemia, está marcada pola caída do poder adquisitivo dos salarios, a extensión ao conxunto da clase traballadora dos baixos salarios, da flexibilidade, inseguridade e inestabilidade laboral, institucionalizando os abusos patronais e a precariedade laboral e a parcialidade do traballo co fomento da contratación fixa-descontinua, traballo a tempo parcial, etc.

En todo caso, estamos ante un novo mal acordo fundamentado na renuncia de CCOO e UGT a facer da loita, da mobilización e da folga na acción sindical e na negociación colectiva a mellor ferramenta para afrontar a actual crise e a inflación descontrolada.

Cómpre ter presente que os sucesivos anuncios feitos nos últimos meses de mobilizacións por parte destes sindicatos en realidade eran premonitorios de acordos o diálogo social que significan grandes e graves renuncias ante a patronal, como este Acordo evidencia. O nivel de renuncia chega ao extremo de ver como a CEOE-CEPYME proclaman a paz social co entusiasmo e beneplácito de CCOO e UGT, que asumen a rendición incondicional e absoluta á confrontación e á loita.

Polo tanto, non é esaxeración afirmar que o diálogo social está convertido na fosa común no que se enterran dereitos laborais e socias. Unha nova e grave constatación de como estes sindicatos están domesticados, absolutamente entregados á desmobilización e convencidos da conciliación de clase, da submisión ao poder económico e político.

Volver