Trump está a xogar con lume
Atilio Boron -
Era ben que Trump prestase atención ás declaracións emitidas por Moscova e Beijing, rexeitando a opción militar para resolver conflitos internacionais. Latinoamérica e o Caribe, ambas dixeron que non son patio traseiro de ninguén
O inusitado despregamento de naves de guerra dos Estados Unidos no Caribe e, sobre todo, nas inmediacións do mar territorial de Venezuela, é concreción das múltiples declaracións do presidente Donald Trump e de altos funcionarios do seu goberno que levan meses anunciando que en relación a Venezuela “todas as opcións están sobre a mesa.” O obxectivo: producir o tan ansiado “cambio de réxime”, polo cal o devandito país ten grandes posiblidades de ser obxecto dunha acrecentada agresión militar. De feito esta xa comezou: 20 botes destruídos en augas do Caribe e tamén do Pacífico, con 76 persoas asasinadas extraxudicialmente por orde de Trump falan dunha guerra que xa comezou(1).
O pretexto de que se trataba de “narcolanchas” e que os seus ocupantes eran narcotraficantes é unha gran troal que ningunha persoa medianamente sensata pode crer. Non hai evidencia ningunha que sustente o que di a Casa Branca: non se detivo nin se se identificou os que ían nos botes, non foron interrogados para saber quen eran os seus xefes e así avanzar no combate ao narcotráfico e tampouco se incautou a droga. O máis probábel, como dixeron os presidentes de Venezuela e Colombia, era que as infortunadas vítimas fosen humildes pescadores ou migrantes. Os narcotraficantes coidan os seus negocios e non son tan estúpidos como para se aventurar en mar aberto cando todos os ollos das forzas armadas dos Estados Unidos están a vixiar con naves e drons cada centímetro do Caribe. Maio o sórdido personaxe que preside a Casa Branca quería facer unha demostración de forza e enviar unha mensaxe a outros actores do sistema internacional –aos seus aliados tanto como aos seus adversarios e inimigos– e ordenou eses criminais ataques para que todo o mundo tomase nota de que os Estados Unidos son “grandes outra vez” e recuperaran o cetro do matón do barrio, que podía actuar con total impunidade e que de agora en máis os seus desexos serían ordes que debían obedecerse sen chistar.
Nun excelente artigo publicado poucos días atrás Vijay Prashad pasaba revista aos antecedentes históricos das distintas modalidades de intervencionismo militar estadounidense, e todas teñen, segundo este autor, moi escasas posibilidades de éxito no caso da actual ofensiva en contra da República Bolivariana de Venezuela(2). Vexamos. Unha delas, inspirada na experiencia do golpe de estado de 1964 en Brasil, consiste en desprazar un numeroso continxente militar en augas territoriais –naquel caso en Rio de Janeiro– e que o só despregamento do enorme poderío naval norteamericano anime os sectores da extrema dereita a tomar as rúas, producir todo tipo de incidentes, armar sanguentas ‘guarimbas’, o que provocaría unha creba nas forzas armadas bolivarianas e o rápido tránsito dun sector delas ao campo da oposición fascista precipitando a ruptura da orde constitucional e a destitución do presidente Nicolás Maduro. Nin Prashad nin o autor destas liñas lle adxudicación posibilidade algunha a esta conxectura.
O segundo escenario é o que o noso autor chama “opción Panamá”, pola decisión tomada por Washington en 1989 de enviar un continxente de tropas especializadas para capturar o presidente Manuel Noriega e levalo prisioneiro aos Estados Unidos. Esa operación tivo a feroz resistencia e oposición da desarmada poboación panameña e requiriu da mobilización duns 26.000 efectivos e levou case un mes de combates. Replicala nun país do tamaño territorial e poboacional de Venezuela exixiría mobilizar unha forza expedicionaria de varios centos de miles de efectivos para loitar contra un exército ben armado e milicias populares en armas. Esas condicións para nada se dan en Venezuela.
A terceira modalidade sería a que denomina Prashad denomina a “opción Iraq”: bombardeos masivos contra Caracas e outras cidades provocando grandes desfeitas, ocupar infraestruturas chave –electricidade, auga, servizos esenciais–, sementar o pánico na poboación e desmoralizar e dividir as forzas armadas, seguida de intentos de linchamento do alto liderado venezolano. Pero como sinala o noso autor, a diferenza do caso iraquí en Venezuela o arraigamento do chavismo nos barrios populares, o seu alto grao de organización –e de conciencia antiimperialista– e a identificación das forzas armadas co proxecto bolivariano frustrarían de raíz esa iniciativa. Poden facer moito dano e provocar moitas mortes, pero o goberno bolivariano seguiría firme nos seus postos de mando. Outra alternativa que non hai que desbotar porque foi reiteradamente utilizada polos Estados Unidos é unha “operación terrorista de falsa bandeira.” O imperio podería, por exemplo, montar un ataque a algunha das naves que están na zona, ou nas proximidades de Trindade e Tobago, ou Porto Rico, ou un atentado contra algunha sede dunha embaixada dos Estados Unidos ou mesmo dentro de do país. Tal é a desesperación por apoderarse do petróleo venezolano que os delincuentes que pululan ao redor da Casa Branca serían capaces de ordenar a realización dun autoatentado, como detonar unha bomba en Times Square ou na Grand Central Station de Nova York para culpar o “réxime” de Maduro deses crimes e así xustificar a agresión que, daquela, sería presentada como “defensiva”. Con todo, está claro que isto non soluciona os inconvenientes expostos máis arriba.
A quinta opción sería a dun magnicidio que poría abrupto fin á presidencia de Nicolás Maduro. A tecnoloxía utilizada polos israelís para estes efectos foi probada coa eliminación de boa parte da dirección política de Hamas e de Hezbollah. Lembremos que xa o tentaron en contra de Maduro con dous drons en 2018, e o ataque foi repelido. É probábel que tendo en conta que as dezaoito organizacións que conforman a Comunidade de Intelixencia de Estados Unidos (sic!) e que en total se estima empregan aproximadamente un millón catrocentos mil axentes, uns cantos centos deles estean estacionados e operando en Venezuela desde hai tempo, e que recruten non poucos colaboradores locais entre a dereita e a ultradereita fascistoide(3). Mais unha operación deste tipo, no moi pouco probábel caso de que tivese éxito e asasinase o presidente Maduro, non necesariamente produciría o tan anhelado “cambio de réxime” que persegue Washington. O chavismo é unha forza telúrica en Venezuela, é a expresión máis xenuína da soberanía popular e o legado da sementa de Simón Bolívar, e sobreviviría a estas lamentábeis vicisitudes no improbábel caso de que se producisen. Habería un recambio no liderado, sen dúbida, imposto polas circunstancias, pero a revolución bolivariana continuaría o seu curso.
Agora ben: así expostas as cousas, cómpre ampliarmos o foco desta reflexión para tomar nota do contexto internacional no que se produciría a agresión militar ianqui. Un dato decisivo deste é a mutación experimentada en anos recentes e que provocou a derruba do unipolarismo norteamericano e a emerxencia dun sistema internacional multipolar ou policéntrico cuxos puntais: China, Rusia, A India, os BRICS en xeral xa adquiriron unha gravitación económica superior ao dos países do G7, é dicir, os Estados Unidos e os seus indignos vasalos: Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Xapón e o Reino Unido. E quen di gravitación económica tamén di gravitación política, cultural (tomar nota da “des-occidentalización” da vella periferia colonial), diplomática e militar.
Súmese ao anterior os claros indicios do devalar do poderío estadounidense, advertido até polos máis furiosos exéxetas do imperialismo, na galaxia das novas tecnoloxías da información, a comunicación e a robótica e a declinante presenza do dólar na economía mundial para perfilar os contornos dun novo sistema internacional post-hexemónico e no cal o retorno á “diplomacia dos canóns” podería tentar a outros actores do sistema internacional a seguir o (mal) exemplo dos Estados Unidos. Se a forza bruta é agora a que rexe o funcionamento das relacións internacionais, que razóns tería China para esperar até o ano 2049, cando se cumpra o primeiro centenario da Revolución, para reintegrar a provincia rebelde de Taiwán á xurisdición nacional? Por que non imitar os Estados Unidos e facelo agora, tirando partido da súa enorme superioridade militar e do feito que Washington está involucrado nunha guerra custosa e prolongada na súa propia veciñanza? Como reaccionarían os Estados Unidos, empantanado nunha guerra imposíbel de gañar en Venezuela, ante semellante movemento militar de Beijing? Sacaría as súas tropas da república bolivariana, en caótica fuxida como fixeron en Afganistán, cruzando medio mundo para enfrontar o país que, segundo todos os documentos oficiais dos Estados Unidos, designan como un ente maligno e o seu inimigo número un, o rival a vencer? Ou Washington limitaríase a pedir unha sesión urxente do Consello de Seguridade, o cal provocaría unha gargallada universal? Enviaría rapidamente o portaavións USS Gerald Ford outra vez cara ao Asia Meridional, onde chegaría logo de dúas semanas de marcha forzada? Borraría co cóbado as súas décadas de apoio incondicional a Taiwán, e botaría ao lixo os centenares de miles de millóns de dólares transferidos a esa illa como axuda militar e económica? Convén que os asesores e expertos da Casa Branca pensen nestas cousas antes de escalar a agresión en contra de Venezuela.
O que Trump está a ameazar facer ilumina a gran diferenza existente entre a situación dunha Venezuela –polo de agora, soamente ameazada– e a de Ucraína. Como é isto? Washington está por atacar militarmente un país que hai dez anos sofre un bloqueo disposto por Barack Obama e que non representa ameaza ningunha para a seguridade nacional estadounidense. Ucraína, en cambio, sufriu un golpe de estado argallado pola Administración Obama, destituíu un goberno lexitimamente electo e que contaba coa bendición da Unión Europea, que tiña relacións normais con Moscova e substituíuno por unha sucesión de gobernos neofascistas que desde o día un comezaron a atacar a minoría rusófona de Ucraína. Non só iso: a OTAN, a maior organización criminal do mundo (Noam Chomsky dixit), estaba a tratar de incorporar a Ucraína ás súas filas, o cal significaba unha ameaza existencial á seguridade nacional rusa. Por iso Moscova non tivo outra alternativa que lanzar a súa “operación militar especial”, unha guerra preventiva ante os claros sinais de agresión que procedían de Ucraína convertida nun proxy dos Estados Unidos e a OTAN. Como explicou de maneira irrefutábel John Mearsheimer, profesor da Universidade de Chicago, “o argumento co que me identifico, e que é claramente a opinión minoritaria en Occidente, é que os Estados Unidos e os seus aliados provocaron a guerra”(4). Jeffrey Sachs, economista da Universidade de Columbia sostén esta mesma tese con moita información adicional no vídeo que citamos máis abaixo(5).
Ningunha destas condicións se aplica ao caso venezolano que, cómpre reiteralo, non menoscaba no máis mínimo a seguridade nacional estadounidense. Máis aló das súas diferenzas ideolóxicas e do talante agresivo de Washington, o goberno venezolano nunca deixou de vender petróleo as Estados Unidos. Por iso, tal como se fixo para lexitimar a invasión e destrución de Iraq a partir de 2003, a Casa Branca apela á invención dun relato fantasioso e falaz, unha narrativa ridícula segundo a cal o presidente Nicolás Maduro sería o xefe dun fantasmagórico “Cártel dos Soles” cuxa existencia é tan verídica como as “armas de destrución masiva” que presuntamente existían en Iraq, e que en tal condición está a condenar a morte a ducias de miles de cidadáns estadounidenses.
Dadas todas estas consideracións, era ben que Trump prestase atención ás declaracións emitidas por Moscova e Beijing, rexeitando a opción militar para resolver conflitos internacionais. Latinoamérica e o Caribe, ambas dixeron que non son patio traseiro de ninguén. A prepotencia dun Trump sobre o cal pesan numerosas acusacións en sede xudicial, ás cales se engadiu hai pouco a de pedofilia, atizaría o lume nos numerosos focos de tensión que porían ao mundo en perigo ante unha posíbel escalada nuclear e que obrigaría a Washington a pelexar e desangrarse en diversas frontes bélicas. Por exemplo, requentar a pugna entre a India e Paquistán, dúas potencias atómicas menores, estimulada polo exemplo dos Estados Unidos atacando a Venezuela. Ou a interminábel disputa do sionismo israelí cos seus veciños, principalmente Siria, a quen Tel Aviv desposuíu dos cruciais Altos do Golán, o Líbano e Irán. Ou da República Democrática de Corea, unha pequena potencia atómica, contra Corea do Sur. As forzas armadas do imperio atoparíanse ante un cúmulo de conflitos que debilitarían moitísimo a defensa do propio territorio norteamericano. É sabido que o petróleo venezolano, a maior reserva do mundo, exerce unha “atracción fatal” sobre os administradores do imperio. Mais algúns asesores deberían informar o incompetente gabinete de Trump 2.0 que o resultado final da súa aposta á violencia militar pode ser un Armagedon nuclear de catastróficas proporcións e que debe cesar na súa agresión militar contra Venezuela e apostar pola negociación diplomática, facendo oídos xordos aos fascistas venezolanos encabezados por María Corina Machado, máxima defensora da violencia nese país, e á prédica dos delincuentes de Miami que da man de Marco Rubio desembarcaron en Washington cegados polo seu odio á Revolución Cubana e ao chavismo. Informar tamén o presidente que nun exercicio de simulación realizado polo programa de “Ciencia e Seguridade Global” da Universidade de Princeton se concluíu que un conflito no que os Estados Unidos e Rusia apelasen aos seus arsenais nucleares “90 millóns de persoas morrerían ou resultarían feridas só nas primeiras horas do conflito”(6). E nese momento nada importaría quen se apoderou de petróleo venezolano, saudita ou de onde fóra porque en poucas semanas a nube atómica resultante do bombardeo nuclear acabaría con todas as formas de vida do planeta. Sería a primeira vez que unha guerra que os Estados Unidos promoveron sempre lonxe da súa casa: en Europa, en Asia meridional, no norte de África teña por tétrico escenario as grandes cidades estadounidenses. Primeira, engadamos, e derradeira vez, porque despois non habería outra. Aquí é ben reproducirmos a resposta que Albert Einstein lle deu a un xornalista que lle preguntou se sabía como sería a terceira guerra mundial. A súa resposta aforra miles de argumentos: “Non se como será a terceira guerra mundial, só sei que a cuarta será con pedras e lanzas”. Iso se sobrevivimos a vinte anos de inverno nuclear.
_____________________________________________________________________________
Notas:
(1) Cifras ao 9 de novembro de 2025.
(2) Ver Boletín 45 (2025) do Instituto Tricontinental de Investigación Social.
(4) https://www.sinpermiso.info/textos/quien-causo-la-guerra-de-ucrania
(5) Ver a ampla explicación de Sachs neste vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=7x5enM9Mo4M
(6) Cfr. https://www.elperiodico.com/es/tendencias-21/20220308/guerra-nuclear-tendria-horas-victimas-13338816
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web TeleSur, do 13 de novembro de 2025]

