Gaza, paz que semella un xenocidio
Mario Lombardo -
O réxime de Netanyahu repetiu en innumerábeis ocasións que nunca haberá ningún estado palestino. Mesmo a hipótese de dar á colaboracionista e ultradesacreditada Autoridade Nacional Palestina un papel no goberno de Gaza é rexeitada por Israel, porque implicaría aceptar, sequera en principio, a existencia dunha idea de soberanía ou autogoberno
O “plan de paz” para Gaza de Donald Trump, que está a piques de ser sometido a votación no Consello de Seguridade das Nacións Unidas, segue a ser un documento que non mellora nin un chisco as perspectivas de emancipación do pobo palestino, nin tampouco prepara un camiño críbel cara á creación dun estado soberano e independente. A pesar diso, a proposta americana conta co apoio total –cando menos a nivel oficial– de practicamente todos os países árabes e musulmáns, mentres que o propio estado xudeu, aínda rexeitando con firmeza algunhas partes do plan, ve nel un medio para facilitar a consecución dos seus obxectivos xenocidas e de ocupación nunha etapa marcada pola ralentización forzada do exterminio iniciado tras os feitos do 7 de outubro de 2023. O proxecto de Trump é, así pois, avaliado con extrema cautela polas forzas palestinas e da Resistencia en xeral, pois serve en definitiva para satisfacer os intereses dos actores implicados pola Casa Branca no proceso en marcha, ningún deles coincidente coas aspiracións dos habitantes da franxa.
O xornal iraniano en lingua inglesa Tehran Times escribía o domingo que o plan de Trump “funciona, en última instancia, como unha máscara diplomática”, pois fai referencia ao proceso de “autodeterminación palestina para tranquilizar os países árabes”, cando, en realidade, “incorpora [no proceso] as necesidades de seguridade que reflicten as prioridades de Israel”. Cada un dos participantes na farsa do “plan de paz”, en realidade, obtén –ou pretende obter– unha vantaxe estratéxica. Para os Estados Unidos, explica tamén o Tehran Times, trátase de “reforzar a súa influencia [no Oriente Medio], facilitar a venda de armas” e “posicionarse como mediadores indispensábeis”.
Tel Aviv, pola súa banda, aínda que “non ten que facer ningunha concesión inmediata, mantén vivas as perspectivas de normalización” cos réximes árabes. Para estes últimos, finalmente, o plan “ofrece un recoñecemento simbólico das aspiracións palestinas, aínda que sen garantía real ningunha”, de xeito que lles permite cubrirse as costas no ámbito interno para reforzar a alianza con Washington e entrar nunha colaboración de feito con Israel. O réxime de Netanyahu, por outra banda, repetiu en innumerábeis ocasións que nunca haberá ningún estado palestino. Mesmo a hipótese de dar á colaboracionista e ultradesacreditada Autoridade Nacional Palestina un papel no goberno de Gaza é rexeitada por Israel, porque implicaría aceptar, sequera en principio, a existencia dunha idea de soberanía ou autogoberno.
Na mesma liña, Netanyahu tería presionado nestes días á administración Trump para retirar do borrador sometido a votación no Consello de Seguridade a mención á creación dun “camiño críbel” para chegar a un estado palestino. Aínda que esta condición non tería efectos prácticos, serve, como xa se mencionou, para dar certa cobertura aos países árabes que están secundando os plans de Washington e Tel Aviv para a franxa, pero Israel non semella disposto a vela escrita nunha resolución da ONU. Sobre este punto poden producirse, pois, friccións entrambos os aliados, como xa se manifestou, aínda que só a nivel táctico, noutros ámbitos.
Paos e cenorias para Netanyahu
Unha das cuestións onde se observa unha certa diverxencia entre os EUA e Israel é o desarmamento de Hamás, é dicir, o paso seguinte –e en teoría crucial– do cesamento do fogo implantado o pasado mes de outubro. A prensa israeliana recibiu moi probabelmente instrucións polo goberno e polos ámbitos militares para facer público durante a fin de semana o malestar de Tel Aviv respecto ao bloqueo das negociacións para pasar á segunda fase do plan Trump. Os Estados Unidos, de feito, terían asumido as dificultades para forzar a Hamás a entregar as súas armas. Dificultades que tamén afectan á creación da forza internacional de interposición prevista polo propio acordo promovido por Washington, xa que varios países chamados a contribuír con militares expresaron a súa falta de disposición a facelo polo risco de posíbeis enfrontamentos armados co movemento de liberación palestino.
Segundo os medios israelís, así, a Casa Branca estaría disposta a “saltar” esta fase do desarmamento, pasando directamente á da “reconstrución”. A dirección política de Hamás sempre defendeu lexitimamente que só renunciarían ás armas no marco dun proceso de creación dun estado palestino autenticamente soberano e capaz de garantir a súa propia seguridade. Calquera outra fórmula que desarme a Resistencia sería un suicidio e a submisión ao réxime ocupante, así como a fin das propias aspiracións palestinas. Á luz disto, enténdese que moitos réximes árabes non pretendan enviar os seus soldados a Gaza para que se vexan involucrados en enfrontamentos armados con Hamás mentres coordinan os plans represivos xunto ao estado xudeu.
Para Netanyahu, revelou a canle israeliana Channel 13, esta solución de deixar apartado, polo menos de momento, o desarmamento de Hamás é “a peor posíbel”. Unha posición, a israelí, que confirma como o réxime sionista espera do plan Trump unha contribución decisiva para liquidar a Resistencia, unha vez que ese obxectivo non foi acadado no terreo. As diferenzas entre os EUA e Israel non deben, en todo caso, ser sobrevaloradas. Nun panorama máis amplo, os obxectivos dos dous aliados coinciden en grande medida, e o que persegue Netanyahu pode ser conseguido por outras vías.
The Guardian escribía, por exemplo, nos últimos días que a fase da “reconstrución”, á que quere pasar directamente a Casa Branca, tería lugar nunha franxa de Gaza dividida en dúas. As obras para reparar a devastación causada por Israel iniciaríanse só na “zona verde”, controlada polo propio réxime ocupante e polas forzas estranxeiras de “mantemento da paz”, se é que algún día se despregan. O resto do territorio palestino permanecería como unha “zona vermella”, feita de ruínas, fame e morte, onde, previsibelmente, Hamás seguiría a cargar cos problemas irresolúbeis, facendo así superflua, polo menos para os EUA, a cuestión do desarmamento.
As vías do xenocidio
Este plan de segregación, xa de feito vixente coa imposición da coñecida “liña amarela”, permitiría a Israel continuar cos plans de xenocidio ou “limpeza” de todo o territorio da franxa. Plans que, a pesar da tregua formal, continúan tanto a través dos bombardeos indiscriminados –isto é, asasinatos puros e duros–, como das restricións impostas, en violación do cesamento do fogo, ao acceso de axuda humanitaria axeitada e acordada con Trump polo propio réxime de Netanyahu. A escaseza de alimentos, medicamentos e moitos outros recursos agudizouse nestes días de maneira aínda máis dramática a consecuencia das inundacións que están devastando os campos de refuxiados en Gaza.
Outra modalidade coa que o réxime sionista está a procurar eliminar a poboación palestina paso a paso evidenciouse con claridade tras a chegada dun “misterioso” voo a Suráfrica con máis de 150 persoas refuxiadas procedentes de Gaza. O portal Middle East Eye dedicou un longo artigo ao suceso, baseándose nas informacións recollidas por activistas surafricanos. O pasado xoves, aterrou en Johanesburgo un avión do que as autoridades locais non sabían practicamente nada, polo que os pasaxeiros tiveron que agardar preto de doce horas antes de poder desembarcar. As investigacións iniciadas de inmediato puxeron de manifesto múltiples irregularidades na organización da viaxe e os refuxiados palestinos a bordo nin sequera tiñan os documentos necesarios para poder tramitar sen problemas a súa entrada e estadía en Suráfrica.
Moitos dos pasaxeiros nin sabían cal era o país de destino do seu voo. Estas e outras circunstancias levantaron serias dúbidas sobre a existencia dun plan israelí para facilitar a expulsión dos palestinos da franxa, aproveitando a catástrofe humanitaria e a desesperación provocadas polo xenocidio. No centro destas manobras de Tel Aviv aparece unha ONG moi sospeitosa –Al-Majd Europe– rexistrada en Alemaña e con sede en Xerusalén, que se autopromociona como organización asistencial a refuxiados, distribución de alimentos, prestación de coidados médicos e “evacuacións humanitarias”. A través de entidades como Al-Majd, Israel podería impulsar a saída definitiva de moitos palestinos de Gaza, aproveitando a traxedia da súa vida desde hai dous anos, ademais de cobrar cantidades elevadas, de mil a cinco mil dólares por persoa.
No tocante ao caso de Suráfrica, os máis de 150 palestinos chegados a semana pasada tiveron que facer fronte a novas dificultades, ao seren privados de asistencia durante o voo e na longa espera antes de baixar, pese a que entre os pasaxeiros había bebés e unha muller embarazada. As dificultades burocráticas agraváronse pola circunstancia de que o departamento de Asuntos Internos está dirixido por quen é hoxe o principal socio de goberno do Congreso Nacional Africano (ANC), a Alianza Democrática (DA), coñecida polo seu perfil de elite branca e filo-israelí. Só a intervención persoal do presidente, Cyril Ramaphosa, acabou desbloqueando a situación e outorgando un visado de entrada en Suráfrica por 90 días aos refuxiados palestinos, case por completo alleos ao que estaban a vivir.
[Artigo tirado do sitio web italiano Altre Notizie, do 17 de novembro de 2025]

