Representantes de organizacións sociais, políticas e persoal da CRTVG denuncian a manipulación informativa

Nacional -

Representantes de diversas organizacións sociais, políticas e sindicais, xunto con traballadores e traballadoras da CRTVG denunciaron esta mañá, cunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano, a manipulación informativa, a ocultación e a censura que se vén producindo, desde hai anos, nos medios públicos galegos.

Unha manipulación que é tanto máis evidente nos últimos meses e, nomeadamente, desde que se anunciou a convocatoria das eleccións galegas. A crise dos péllets, a ocultación da información, e a actuación dos medios públicos como gabinete de propaganda do Partido Popular, mesmo levou ás traballadoras e traballadores a mobilizarse nas propias instalacións dos medios públicos en San Marcos.

A denuncia non é nova, as traballadoras e traballadores da Radio Galega e da TVG, veñen desde hai anos alertando do uso burdo e partidista dos medios públicos por parte do PP e denunciando os abusos contra as persoas traballadoras que se negan a acatar as prácticas de manipulación informativa.

E así o volveron denunciar esta mañá, acompañados de representantes das organizacións sociais e políticas galegas, que entenden que diante da convocatoria electoral xa non é posible distinguir as informacións saídas do gabinete de campaña de Rueda e as emitidas na radio e na televisión.

A CRTVG “secuestrada”

Tampouco é nova a denuncia de que a radio e a televisión públicas están secuestradas, como se manifesta, na programación informativa, na manipulación continua e descarada dos contidos dos telexornais e, no resto da programación, no deterioro da variedade, do equilibrio e da calidade dos contidos destinados aos distintos públicos.

Por iso clamaron por uns medios públicos que cumpran o fin para o que foron creados, respectando o pluralismo político e social, garantindo valores éticos e políticos esenciais como a igualdade e a non discriminación, e defendendo a identidade de Galiza, da súa cultura e a súa lingua. Principios que son radicalmente contrarios aos intereses particulares do PP, que non son outros que os de perpetuarse no poder.

Volver