A CIG sitúa a investigación da cúpula directiva da CRTVG por acoso no contexto da xestión irresponsábel da acción preventiva

A sección sindical considera que urxe a elección dunha nova directora xeral por maioría reforzada do Parlamento da Galiza e a designación do cadro directivo con criterios de profesionalidade

Nacional -

As comparecencias no xulgado do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e de sete persoas con diferentes niveis de responsabilidade na estrutura de mando da Corporación, para declarar nos vindeiros meses como investigados por un posíbel delito de acoso moral e outro contra os dereitos dos traballadores, responden a condutas empresariais que se producen no contexto dunha xestión irresponsábel en materia de prevención de riscos laborais.

Así o considera a sección sindical da CRTVG, que lembra que a Lei de Prevención de Riscos Laborais establece de forma expresa que as persoas traballadoras teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguranza e saúde no traballo, o que supón o correlativo deber do empresario de protección das súas traballadoras fronte aos riscos laborais. 

Este deber materialízase na identificación e avaliación de todos os riscos laborais, incluídos os psicosociais, e na realización dunha axeitada planificación preventiva.

Por iso, incide en que “o incumprimento do deber de protección, que pon en perigo a integridade física e moral das persoas traballadoras, está tipificado no Código Penal como un dos delitos contra os dereitos dos traballadores”.

Estudo psicosocial

Da “irresponsabilidade empresarial” na acción preventiva dá boa conta, para a sección sindical da CIG na CRTVG, o estudo psicosocial realizado entre novembro de 2017 e novembro de 2019, polo Servizo de prevención da CRTVG. “Incompleto e nesgado, a pesar do excesivo tempo empregado na súa realización, o estudo omite o informe descritivo, agrega niveis de risco e impide coñecer os riscos específicos e a súa intensidade en cada posto de traballo, razón pola cal as medidas propostas son moi xenéricas”, denuncia.

Porén, malia as eivas, subliña que se detectaron niveis de risco “significativos”, polo menos en catro dos nove factores estudados, que “fan referencia a importantes aspectos das condicións de traballo como a participación, a carreira profesional, o desempeño de rol ou as relacións e apoio social, sobre os que o Servizo de prevención da CRTVG non adoptou ningunha medida para protexer as traballadoras e traballadores, malia os reiterados requirimentos da parte social”, explica.

Acoso laboral

Diante disto, advirte de que “se non se corrixiren, estes factores acaban por constituír elementos facilitadores da aparición de situacións de acoso laboral, tamén tipificado como delito no código penal”.

En relación con esta figura delituosa, a sección sindical apunta que o Procedemento para a prevención do acoso no traballo, aprobado en xaneiro de 2019 no seo do Comité de Seguranza a Saúde Laboral (CSSL) e publicado na Intranet da empresa cinco meses despois, establece no seu artigo 10 o seguimento e revisión anual a fin de analizar a súa eficacia na prevención e actuación ante as situacións de acoso que contempla. Porén, denuncia, “comprobada a súa inoperancia para previr situacións de acoso institucional, e malia as peticións sindicais, a empresa negousea abordar a súa modificación”.

Nun escrito de febreiro de 2020 remitido por correo electrónico ao CSSL e a tres persoas directivas agora investigadas, a CIG alertou de que a composición da comisión fronte ao acoso, integrada por dous delegados/as de prevención e dous membros da empresa, se mostrou inaxeitada para investigar e previr as situacións de acoso no caso de superiores xerárquicos contra persoas traballadoras ao seu cargo. Segundo denuncias de delegados/as de prevención integrantes das devanditas comisións, a parte empresarial actuou de maneira parcial, “dificultando a súa iniciativa e impedindo a investigación plena dos feitos denunciados. Era necesario, polo tanto, reformular o modelo e pensar en figuras consensuadas que actuasen con independencia e plena capacidade nese ámbito”.

Ademais, a CIG advertiu de que o acordo de confidencialidade precisaba dunha revisión técnica, tanto no referido a obrigas como a destinatarios, ao se impor ás persoas denunciantes unhas cargas excesivas nun procedemento de carácter voluntario, cun efecto disuasorio en canto ao seu uso e viabilidade.

Incomprensibelmente, a empresa rexeitou modificar o procedemento nos aspectos denunciados pola CIG. Pola contra, “propuxo que a confidencialidade se regulase máis, nomeadamente no referido ás consecuencias de “violala”; rexeitou calquera outra composición da comisión fronte ao acoso que non fose paritaria e interna, e opúxose á posibilidadede se emitiren votos particulares”, afirma a sección sindical.

Control político

Estes incumprimentos evidencian, para a CIG, “o desprezo empresarial polo benestar das persoas traballadoras, que só pode explicarse se se atende ao feito de ser a CRTVG un ámbito estratéxico de actuación política sobre o que o goberno tenta asegurar o control a calquera prezo”. Como consecuencia, “na designación do cadro directivo e na atribución de responsabilidades prevalecen os criterios de confianza política ou persoal sobre o mérito e a capacidade profesional”, aseguran.

Imponse así, para a sección sindical, unha estrutura de mando xerarquizada e autoritaria, máis preocupada con manter os medios públicos sometidos aos intereses do partido no goberno do quea deixar espazo para a iniciativa e a participación das persoas traballadoras, coa conseguinte desmotivación, insatisfacción laboral e malestar xeral no traballo.

Cesamentos

Con independencia das consecuencias penais que puidesen derivarse, corresponde aos poderes públicos competentes depurar responsabilidades políticas e cesar os directivos investigados. Por iso a CIG conclúe que urxe a elección dunha nova directora xeral por maioría reforzada do Parlamento da Galiza e a designación do cadro directivo con criterios de profesionalidade, como medidas necesarias para garantir a independencia dos nosos medios audiovisuais e o cumprimento das misións que legalmente ten encomendadas, relacionadas coas necesidades democráticas, sociais e culturais do pobo galego.

Volver