A CIG volve solicitar ao Consello de Contas que fiscalice o contrato de directos adxudicado a OVERON a finais de agosto

Insiste na falta de requisito para a CRTVG recorrer á contratación externa do servizo

Nacional -

A Sección Sindical da CIG na CRTVG solicitou hoxe ao Consello de Contas a fiscalización do contrato «CTR-2023-008: Servizo de produción e transmisión  do sinal de directos para a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S. A.», adxudicado o pasado 28 de agosto de 2023 a Servicios Audiovisuales Overon, S.L.

O orzamento base de licitación do novo contrato formalizado coa filial do grupo Mediapro ascende a 1.068.948,47 euros -excluído o segmento espacial de satélite asociado-, o que representa un incremento do 23,7% a respecto do contrato anterior, malia rebaixarse os requirimentos mínimos exixíbeis para a prestación do servizo.

Segundo o prego de prescricións técnicas do novo contrato público, o servizo consiste na prestación do transporte do sinal con enlaces audiovisuais móbiles “mediante estacións transportábeis DSNG HD e/ou con outros medios técnicos de directo HD”. O servizo deberá ser capaz de garantir a provisión dun mínimo de 2 directos simultáneos (24 horas, x365 días), cando a Corporación RTVG o requira, e prover anualmente un mínimo de 25 servizos DSNG para retransmisións de evento.

Para o envío do sinal de directo a empresa contratista deberá dispoñer como mínimo dunha unidade DSNG permanente (24 horas, x365 días) adscrita á execución do contrato e unha unidade DSNG adicional para a cobertura dos 25 servizos de retransmisión de eventos, ademais doutros medios técnicos de transmisión do sinal.

O incremento do orzamento en algo máis de 200.000 euros non fica suficientemente xustificado no clausulado e nos pregos do expediente, principalmente porque a supresión do servizo dunha DSNG as 24 horas do dia os 365 días do ano  supón un aforro substancial que non se reflicte no orzamento. Segundo o Consello de Contas,os custos asociados á utilización das DSGN constitúen un compoñente relevante no cálculo do importe de licitación destes contratos, que estimou no 24,75% dos custos directos da prestación do servizo.

Con todo, o máis relevante da rebaixa do servizo descrita é a evidencia da falta de requisito para recorrer á contratación externa, xa que non se xustifica a insuficiencia de medios. Neste sentido, a decisión da dirección da CRTVG de prescindir da DSNG que ten en propiedade desde o 1 de xaneiro de 2023 e a infrautilización das 8 mochilas 4G das que dispón, implica unha inutilización de medios propios incompatíbel cos artigos 28.1 e 116.4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. En consecuencia, o recurso á contratación externa do servizo de directos representa un malgasto de máis de 1 millón de euros.

Indicios de incumprimento do contrato anterior

O anterior contrato (CTR 2021-0003), tamén adxudicado a Servicios Audiovisuais Overon, S.L., por un importe de 863.827,63 euros -excluído o segmento espacial de satélite asociado-, requiría a prestación de servizos de enlaces audiovisuais móbiles por satélite mediante estaciones transportábeis  DSNG. O servizo debía ser capaz de proveer un mínimo de dous (2) directos simultáneos, realizados con dúas estacións transportábeis DSNG”.

Porén, da análise das escaletas de produción e do visionado dos correspondentes espazos de programación, a CIG puido concluír que, nunha elevada porcentaxe dos días observados, Overon incumpriu a obriga de utilizar dúas DSNG simultáneas e que as mochilas 4G foron o único medio empregado.

O Consello de Contas apreciou indicios de incumprimento nos feitos denunciados pola CIG en marzo de 2023, polo que con data de 31 de maio de 2023tomouo acordo de “incluír no Plan Anual de Traballo de 2024 unha fiscalización específica no ámbito da contratación da CRTVG, que abranguerá, cando menos, o contrato sobre o que se formula a comunicación (CTR-2021-003), así como o anterior adxudicado no 2018 (2018000264)”.

Afectación do dereito a recibir información veraz

Na denuncia presentada hoxe,  a CIG reitera a solicitude ao Consello de Contas para que tome en consideración a posíbel afectación do dereito fundamental a comunicar e recibir libremente información veraz do artigo 20 CE, en relación co artigo 35 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, que impide á CRTVG ceder a terceiros a realización e edición de programas informativos e outros que expresamente determine o mandato marco.

Neste sentido, a xestión externalizada do servizo de directos supón que o persoal de Servicios Audiovisuales Overon, S.L. interveñan na realización e edición de contidos informativos que por lei están reservadas ao persoal da CRTVG, que como empregados públicos están sometidos aos principios éticos e de conduta regulados nos artigos 53 e 54 do Real Decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Volver