A CIG solicita ao Consello de Contas que fiscalice á EGAP
Denuncia unha xestión opaca, desgaleguizadora e que ignora as necesidades do persoal da administración
Nacional -
A CIG-Administración Autonómica continúa coas súas actuacións enmarcadas na campaña «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», pola que denuncia a situación crítica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), despois de anos dunha xestión opaca, desgaleguizadora e que ignora as necesidades de actualización permanente de todo o persoal pertencente á Administración Xeral da Xunta de Galiza e entes instrumentais.
A CIG, na súa condición de organización máis representativa entre as persoas traballadoras do sector público galego, e consonte á normativa vixente, considera que existen motivos de interese público e sindical para a fiscalización da xestión económico-financeira da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). “Atopamos irregularidades nas adxudicacións vía contratos menores, por posible superación do limiar máximo anual para servizos; fraccionamento de contratos, no especial na empresa Sirtelco”, asegura a CIG-Administración Autonómica.
Rechama o hermetismo da EGAP, coa exclusión das súas memorias anuais e nas contas presentadas ante o Consello Reitor dos detalles das contratacións de empresas privadas, convenios con entidades públicas e empresas privadas, e tamén a opacidade na xestión do Rexistro de persoal e empresas privadas formadoras da EGAP, das que a pesar de ter solicitado, non se resposta nin se fan públicos como é obrigado.
Na actualidade, forman parte do Rexitro polo menos 34 empresas privadas, ademais de máis de 500 persoas físicas, parte das cales son empregadas e empregados públicos. Como exemplo, a empresa Sirtelco, presente na EGAP en contratos menores, licitacións e prestadora de servizos de formación.
Por este motivo, o sindicato nacionalista vén de solicitar ao Consello de Contas a inclusión da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na súa programación de fiscalizacións. De acordo coa Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galiza, corresponde a este órgano a fiscalización da actividade económico-financeira do sector público galego, co obxecto de comprobar o sometemento da xestión pública aos principios de legalidade, eficacia, eficiencia e economía.
Deste xeito a CIG-Administración Autonómica continúa coas súas actuacións enmarcadas na campaña «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», iniciada o pasado 15 de maio, data na cal se manifestou para pedir a dimisión da actual directora pola situación de opacidade da xestión e o secuestro da EGAP, así como pola deriva antigalega, autoritaria, antidemocrática, elitista e partidista, á que está sometida a institución da súa man.
Así mesmo, mediante a presentación desta solicitude de fiscalización da EGAP, o sindicato volve esixirlle á Consellaría de Facenda e Administración Pública que garanta unha EGAP transparente, receptiva, coherente e respectuosa cos fins para os que foi creada.