Portugal revolucionario, pobo e forzas armadas
Manuel Mera -
Á dereita non lle foi doado desmontar os avances da Revolución, xa que se mantivo a mobilización popular, moi especialmente nas zonas cooperativizadas do sur do país e no cinto industrial de Lisboa, sectores onde o PCP tiña moita influencia. Porén, o tempo e unha correlación de forzas adversa, no externo e interno, foi dando o seu rédito
O 25 de abril de 1974, un destacamento de militares portugueses da Escola Prática de Cavalaria de Santarém, con 25 tanques, baixo o mando do capitán Salgueiro Maia, ocuparon o Torreiro do Pazo, no centro de Lisboa. Deseguido fixeron o propio cos ministerios, o Banco de Portugal e Rádio Marconi. Previamente, Rádio Renascença emitiu para todo o país a primeira estrofa de “Grândola, Vila Morena”, de Zeca Afonso; ese foi o sinal para que encetase a Revolución. A insurrección militar estivo coordinada polo maior Otelo Saraiva de Carvalho.
Cando o pobo sabe do que está a acontecer, sae á rúa, berra consignas contra a ditadura e apoia coa súa presenza os militares revolucionarios, e pon caraveis nos canóns das armas lixeiras e pesadas. Libéranse os presos políticos, e hai enfrontamentos menores coa PIDE e algúns grupos de resistencia favorábeis ao réxime. Álvaro Cunhal, secretario xeral do Partido Comunista Portugués, valora así a situación política previa a estes feitos: ”o réxime fascista portugués debatíase en contradicións e dificultades, entrará nunha profunda crise interna, ao mesmo tempo que as forzas revolucionarias, nomeadamente o Partido Comunista Portugués, trabaran unha loita teimosa que nos últimos anos avanzaba como unha enxurrada en grandes movementos e accións de masas e atinxía o seo dos máis sólidos piares do fascismo e do colonialismo: as forzas armadas” (A Revolução Portuguesa, Avante).
Unha opinión semellante ao líder comunista teñen Moisés Cayetano Rosado e Moisés Cayetano Rodríguez: “As masas populares xa se tiñan manifestado unha e outra vez contra a ditadura e as guerras coloniais, na universidade contra a falta de liberdade e a mesquindade académica, nas fábricas contra a explotación laboral... fixeran folgas, desertado do exército, padecido o cárcere, torturas e todo tipo de represións, estaban perfectamente adestradas, preparadas e dispostas. Eses primeiros días, do 25 de abril ao 1º de maio, foron incontábeis as manifestacións. Miles, centenas de miles de persoas na rúa... Sen ese apoio explícito –recoñecen os militares implicados- tería sido inviábel unha acción incruenta” (Abril 25: el sueño domesticado, Fundación de Investigaciones Marxistas).
O antecedente da insurrección militar atópase nunha carta de protesta dirixida ao Presidente da República Portuguesa datada o 28 de agosto de 1973, por parte dun grupo de 45 capitáns destacados en Guiné-Bissau. Os redactores eran: Almeida Coimbra, Mata Gomes, Teixeira Branco e Duran Clemente. Era a primeira manifestación importante do desconte militar. O Decreto-Lei 353/73 que se publica o 13 de xullo causa gran indignación nos oficiais máis novos xa que pretende asimilar os oficiais que fixeron milicias. Despois de reunións de Évora, Estoril e Óvidos, realízase en Costa Caparica a reunión da Coordinadora, que será presidida polo coronel Vasco Gonçalves. Desta xuntanza saen varias comisións de traballo e elíxese unha dirección do sector operacional da Comisión Coordinadora das MFA, formada por: Otelo Saraiva de Carvalho, Vítor Alves e Vasco Lourenço. Nunha xuntanza feita o día 5 de marzo en Cascais o MFA apróbase a redacción do Manifesto e Programa.
O 20 de abril a comisión política do MFA, coordinada polo maior Vítor Alves, tiña redactado o Programa, ao que posteriormente se lle ía introducir algunha alteración suxerida polo xeneral Spínola. Sobre o Programa, diría Vasco Gonçalves, nunha entrevista que lle facía “Cadernos do Terceiro Mundo” seis anos despois: “O Programa do MFA era un programa de derrubamento do fascismo, de democratización das institucións portuguesas e de lanzamento dos fundamentos dunha política antimonopolista que tiña como obxectivo satisfacer as necesidades das clases máis desfavorecidas”.
A situación política estaba polo tanto madura. Un dato: desde outubro de 1973 até abril de 1974 máis de 100.000 operarios estiveron en folga e houbo un intento militar previo. O 16 de marzo, Carvallo e Varela oficiais ex-milicianos, xunto cos maiores Casanova Ferreira e Manuel Monge, do Rexemento de Caldas da Rainha saen para ocupar o aeroporto de Lisboa. Porén, esta acción non foi secundada polos demais rexementos comprometidos, véndose obrigados a se render.
Un Programa con conceptos tan abranguentes, porén ao mesmo tempo tan ambiguos, sen dúbida pola necesidade de facer unha grande fronte contra a ditadura, xeraría posteriormente agudos debates no seo do Movemento das Forzas Armadas (MFA). En relación con estas contradicións, dinos Álvaro Cunhal: “a revolución revelou que este Programa do MFA (malia os seus grandes méritos) era contraditorio e insuficiente. O Programa do MFA traducía, por unha banda, o compromiso de varias tendencias, designadamente os compromisos cos ‘xenerais’, e , por outro lado, a falta de previsión de que a entrada no proceso do movemento operario e popular, con reivindicacións e obxectivos propios e súa propia dinámica, obrigaría inevitabelmente á modificación do Programa e á súa rápida execución. Iso sucedeu, por exemplo, no que respecta á actividade legal dos partidos políticos e á cuestión colonial” (A Revolução Portuguesa).
Manuel Leguineche dá conta das modificacións que a este Programa se lle fixeron no último momento: “Otelo comunicou ao xeneral Antonio de Spínola o día e hora das operacións. O día 24 ás nove da noite entregou ao capitán Ramos (intermediario entre o xove comandante do golpe e o xeneral) unha versión do Programa das MFA... Tamén o tiña recibido o ideólogo do movemento, entón comandante Ernesto Melo Antunes, que se atopaba nos Açores... o Programa político, elaborado polo maior Melo Antunes... sufriu correccións de puño e letra de Costa Gomes e Spínola” (Portugal, la revolución rota, Ediciones Felmar).
Sobre ambos os xenerais, especialmente con Spínola, o sector máis progresista do MFA mantiña moitas reservas, tal como o confirma Vasco Gonçalves, que sería Primeiro Ministro de varios dos gobernos provisionais: “Quanto a Costa Gomes, também lhe fiz urna reférencia, porque, além de justa, não queria de maneira alguma que ficasse em plano de inferioridade em relação a Spínola. Costa Gomes tinha sempre mostrado simpatía pelo nosso Movimento, dava-lhe a sua tácita concordancia, embora, como disse, a princípio tivesse opinião diferente sobre o modo de derrubar a ditadura. Com ele mantínhamos as melhores relações e, sobretudo, confiança na sua acção futura. Quanto a Spínola, guardávamos as maiores reservas, e foi essa a razo por que o Programa foi comunicado ao país sem lhe ter sido dado conhecimento prévio” (Vasco Gonçalves, um general na Revolução; Notícias Editorial).
Axiña a Revolución tivo que confrontar co primeiro conflito importante, que proviña de sectores continuístas, que non querían avanzar nos cambios políticos e sociais e na independencia das colonias. Sería o confronto con Spínola, coa “maioría silenciosa”. Este foi un atranco que puido superar o MFA e as clases populares e que fortaleceu as forzas antiimperialistas, que se resolveu coa dimisión de Spínola. Cos gobernos de Vasco Gonçalves, e a nacionalización de sectores importantes da economía, afondáronse as diverxencias coa socialdemocracia, co PS de Mário Soares, que contaría co respaldo dos partidos desta tendencia en Europa e o alento do centro dereita de Sá Carneiro. “O dobre conflito está servido: conservadores contra progresistas, socialistas contra comunistas. O primeiro, porque a liña que se segue vai cara a un marcado socialismo revolucionario, unha democracia popular que se afasta do modelo burgués occidental; o segundo, porque o PSP fica desbordado pola actividade de goberno e na rúa do aparello e da militancia do PCP. Así, este ficaba como cabeza dun proceso revolucionario que alarmaba as potencias occidentais”. (Abril 25: el sueño domesticado, Fundación de Investigaciones Marxistas).
O confronto resolveuse a prol desta corrente “europeísta” e que non cuestionaba o sistema, nas eleccións do 25 de abril de 1975 para a Asemblea Constituínte. Despois destes resultados electorais adversos, o MFA tomou a iniciativa. O 8 de xuño realízase unha asemblea do MFA na que se aproba o documento guía do proxecto de alianza pobo-MFA para estabelecer un poder popular de liña asemblearia, no que se di: “a alianza do pobo-MFA pasa pola satisfacción das aspiracións máis profundas das clases explotadas... e dentro do ámbito dunha revolución cultural... que se mobilizará o pobo decisivamente para a revolución. Para iso acórdanse as seguintes tarefas: A) fomentar a participación revolucionaria das masas, no senso de crearen e desenvolveren agrupamentos unitarios, nunha perspectiva de implantación de verdadeiros órganos de poder popular. B) defender a revolución dos ataques das forzas reaccionarias a través dunha concienciación profunda ... e da creación de organismos de defensa. C) vencer a batalla da economía.”
O Partido Socialista pide a dimisión de Vasco Gonçalves e mobiliza as súas bases. Están dadas as condicións para un cambio de rumbo, e mudar as relacións de forzas dentro do MFA. Sen dúbida axudaron a este retroceso os excesos do ultraesquerdismo, aos que Otelo Saraiva de Carvalho deu arroupe durante todo ese período (así como as súas indecisións), ollando o Vasco Gonçalves, o PCP, e polo tanto unha gran parte do movemento obreiro, como forzas inimigas, dando folgos á pinza contra o Goberno. “Nun momento no que a reacción concentrou as súas forzas contra o 5º Goberno provisorio, os esquerdistas fixeran precisamente o mesmo. Para a UDP, o 5º Governo Provisorio era ‘un governo antidemocrático e antipopular ao cal as masas non deben dar calquera apoio'” (A Revolução Portuguesa, Avante).
O sexto Goberno provisional, irá desandando a maioría das conquistas da Revolución dos Cravos: disólvese o COPCON; refórzase o anticomunismo; comeza o ataque á Reforma Agraria, ás nacionalizacións e ao control obreiro. Como di Cunhal na Conferencia Nacional do PCP, o 14 de marzo de 1976, “os sectores reaccionarios conquistaron importantes posicións, obrigarin a unha viraxe acentuada á dereita en toda a política nacional, beneficiaron moito á hexemonía PS-PPD no 6º goberno provisorio e lanzaran unha ofensiva xeral de recuperación capitalista e reaccionaria...”.
O 21 de novembro de 1975 o Consello da Revolución destitúe a Otelo como comandante da Rexión Militar de Lisboa e nomea a Vasco Lourenço. O día 25 decrétase a emerxencia da Rexión Militar de Lisboa. Un día antes fora disolta a Escola Base de Paracaidistas de Tancos, cerne de militares revolucionarios. Unha hora despois de decretado o estado de emerxencia, o coronel Varela Gomes instálase no COPCON dirixindo as operacións de contraofensiva revolucionaria mentres que, por motivos descoñecidos, Otelo Saraiva desaparece da escena. Dous días despois remata a última resistencia, a dos paracaidistas refuxiados en Tancos. O 28 de novembro decrétase orde de captura contra Varela Gomes e Duran Clemente, que se exilian, mentres Rosa Coutinho presenta a súa dimisión como membro do Consello da Revolución e, pola contra, triunfante, Ramalho Eanes toma posesión. O golpe do 25 de novembro contra a Revolución foi posíbel porque se xuntaron unha ringleira de factores que debilitaron a loita popular e o MFA. O máis destacado foi a mudanza estratéxica da postura do PS, e o seu abandono do 4º Governo Provisorio, despois dos bos resultados obtidos para a Asemblea Constituínte, iso si, agora cunha política e alianzas ben distintas, xa que virou á dereita.
Agora ben, á dereita non lle foi doado desmontar os avances da Revolución, xa que se mantivo a mobilización popular, moi especialmente nas zonas cooperativizadas do sur do país e no cinto industrial de Lisboa, sectores onde o PCP tiña moita influencia. Porén, o tempo e unha correlación de forzas adversa, no externo e interno, foi dando o seu rédito. Nas revisións da Constitución de 1982 e 1989, modificáronse regresivamente aqueles artigos que eran máis avanzados. Ficou no pasado a aposta por construír unha sociedade sen clases e crear as condicións para o exercicio democrático do poder polas clases traballadoras e as Forzas Armadas como garante (esta referencia desaparece en 1982).
Sobre a importancia actual e o que deixan como contribución o 25 de abril e os gobernos provisorios díxose sobre o “capitán” Duran Clemente: “a última figura revolucionaria en dar a cara na televisión, chamando os traballadores o 25 de novembro para que saísen á rúa a defender a Revolución ameazada, recoñece as mudanzas conseguidas; valóraas positivamente, e compárteas. Subliña a importancia das liberdades, porén non as recrea nin se detén nelas, ollándoas aparvallado. Hai que seguir a loitar por unha democracia máis perfecta... Temos que combater o desemprego, a exclusión social, a falta de civismo, a incompetencia, a falta de respecto, o noso propio desanimo. Facer a Revolución acotío participando, teimando, non dándonos por vencidos” (25 de abril, el sueño domesticado).
A Revolución dos Caraveis foi un berro de liberdade que se escoitou tamén desta banda do Miño, na Galiza, e que reforzou a loita contra a ditadura. No Terra e Tempo de maio de 1974, baixo o título de “Carta ao movemento militar” dicíase: “... Todo o pobo galego vibra de solidariedade e entusiasmo. Os muros das nosas aldeas e cidades cóbrense de letreiros nos que se le ¡Viva Portugal!. Xamais a conciencia da antiga unidade cultural galego-portuguesa foi tan lucida no corazón das masas oprimidas da nación galega... E si a vosa liberdade é tamén a nosa liberdade, a UPG quere facer chegar ao Movemento Militar (que fixo posíbel a actual conxuntura co seu valor, co seu patriotismo e a súa impecábel técnica profesional) a testemuña da súa admiración e o desexo de que as persoas que participaron e participan nel manteñan con firmeza o camiño que conduce á liberación do pobo portugués, liberación sen dúbida inseparábel da liberación dos territorios oprimidos de Angola, Mozambique, Guiné, Cabo Verde...” Remataba este texto coas seguintes consignas: Viva a unidade de Galiza e Portugal! Viva a democracia popular!
[Galiza, 22 de abril de 2025]