Palestina: A loita contra o colonialismo israelí é tamén un combate sindical

Verveine Angeli -

Traballar en Palestina, ser sindicalista en Palestina, é enfrontarse permanentemente a unha dobre presión, a da loita diaria por un salario, por un emprego, é tamén facelo nunhas condicións moi específicas, as da ocupación e a colonización

 Nestes tempos de guerra, é aínda máis difícil facer un balance preciso da situación dos sindicatos palestinos e do seu papel nese contexto. Con todo, é de salientar que elaboren un chamamento internacional conxunto, “Stop arming Israel. End all complicity“, chamando a tomar posicións e a tomar medidas para deixar de armar a Israel, algo que non ocorría desde hai moito tempo. Esta declaración é significativa por dúas razóns: reúne a sindicatos de Cisxordania e da Franxa de Gaza; e reúne a sindicatos oficiais e independentes.

 É a mostra dunha vontade común de actuar nunha situación dramática para o pobo palestino, xa sexa en Gaza baixo os bombardeos ou en Cisxordania coa violencia dos colonos e das forzas de represión israelís que matan e encarceran, violencia que se intensificou desde o 7 de outubro. É un chamamento aos sindicatos do mundo…

O sindicalismo enraizado na realidade da colonización

 Traballar en Palestina, ser sindicalista en Palestina, é enfrontarse permanentemente a unha dobre presión, a da loita diaria por un salario, por un emprego, é tamén facelo nunhas condicións moi específicas, as da ocupación e a colonización.

 As condicións inhumanas denunciadas pola prensa nas que os traballadores de Gaza contratados en Israel foron devoltos á Gaza bombardeada ou expulsados a Cisxordania son unha expresión da violencia do Estado de Israel no contexto actual. Pero estes feitos non son máis que o reflexo do que viven a diario os palestinos que traballan con (ou sen) permiso nos territorios de 1948: cruzamento dos postos de control en plena noite, amoreados en corredores con reixas como gaiolas, ameazas permanentes de retirar o permiso de traballo se se teñen rastros dun produto químico (un fertilizante, por exemplo) ou se teñen un familiar ou membro do pobo que sexa detido, peche dos postos de control ao menor incidente… o que significa sen traballo e sen recursos.

 Para os que traballan ilegalmente nos asentamentos de Cisxordania, a situación é aínda máis precaria, sen salario mínimo, sen convenio colectivo e sen garantías en traballos perigosos como a construción. En Cisxordania, as taxas de desemprego son elevadas e os postos de traballo son moi precarios porque a economía está baixo mínimos como consecuencia da situación colonial: o desenvolvemento das telecomunicacións vese obstaculizado (como foi denunciado no informe que pide a desinvestimento de Orange), a instalación de paneis solares está prohibida, os servizos postais non están recoñecidos internacionalmente e o correo e os paquetes ás veces quedan bloqueados durante meses ou mesmo anos…

 En Cisxordania, a taxa de desemprego era do 18% en 2018, do 52% en Gaza e do 44% en xeral entre a xente nova. O emprego dos funcionarios está suxeito ás subvencións que recibe a Autoridade Palestina e que transfire, ou non, a Gaza. E na situación actual, os salarios non se pagan, xa que os recursos están bloqueados por Israel. A loita polo dereito a un salario, a un emprego e á igualdade de dereitos adquire obviamente un significado especial.

 Debemos mencionar a situación dos traballadores e traballadoras palestinos en Israel, que sofren discriminacións, restricións profesionais que se suman ás condicións de existencia controladas e de vivenda limitada, xa que aos palestinos en Israel lles resulta imposíbel obter máis terras(1).

Un sindicalismo marcado pola viraxe neoliberal e represiva derivada dos Acordos de Oslo

 Os Acordos de Oslo son coñecidos por manter a perspectiva da construción de dous Estados, perspectiva que trae como consecuencia, entre outras cousas, a instalación de cada vez máis colonos en Cisxordania. Estes acordos foron acompañados de toda unha serie de medidas económicas e financeiras neoliberais. Estas medidas repercuten no mundo laboral, sobre todo porque se aplican nun contexto colonial: é o caso dos empréstitos inmobiliarios, cando a terra se ve reducida polas colonias ilegais, e da introdución de reformas inspiradas polo Fondo Monetario Internacional.

 Unha das principais mobilizacións sindicais nos anos 2018-2020 foi a loita contra a implantación dun sistema de seguridade social neoliberal no que os traballadores non podían confiar: unha das cuestións en xogo era a recuperación das cotizacións á seguridade social dos traballadores empregados en Israel, un proxecto considerado como o obxecto dunha verdadeira chantaxe. En resumo, unha zona sen Estado e sen democracia, sometido aos ditados de Israel e á boa vontade dos países occidentais e das organizacións internacionais que envían diñeiro baixo condicións.

 En Oslo tamén se introduciron os permisos para traballar nos territorios do 48 cando os traballadores proceden de Cisxordania e, máis recentemente, de Gaza (o que se presentou como unha das aperturas de Netanyahu), mentres que antes de Oslo non eran necesarios. Estes permisos son unha forma permanente de chantaxe e, agora, todos foron suprimidos no caso de Gaza, de xeito que ningún traballador de Cisxordania pode vir traballar. O chamado de Israel á man de obra proveniente dos países asiáticos ten como obxectivo substituír os e as traballadores de Palestina, que sempre é considerada sospeitosa.

 Tamén é unha situación na que os funcionarios pagos pola Autoridade Palestina (con diñeiro doado por Occidente…) deben axustar o cinto, mesmo despois de folgas que desembocaron en acordos (como foi o caso dos profesores que chegaron a unha folga xeral en 2016). E onde a represión dos movementos sindicais é feroz, con encarceramentos, despedimentos…

Un movemento sindical atomizado e suxeito a restricións

 Outra consecuencia dos Acordos de Oslo é que as cotizacións sindicais que pagan os traballadores palestinos en Israel (que son obrigatorias) van parar normalmente ao sindicato oficial palestino, o PGFTU. Histadrout é o sindicato israelí que recibe automaticamente as cotizacións. Foi creado en 1920 como Federación de Traballadores Hebreos na Terra de Israel e foi un elemento esencial da colonización.

 Moitos traballadores e sindicatos independentes consideran este pagamento como un signo de colaboración de facto co Estado de Israel e a ocupación. Cando estas cotizacións son realmente transferidas, o que non sempre é o caso, convértense nun medio de financiamento do sindicalismo oficial. A Autoridade Palestina defende esta práctica e utilízaa como medio de presión sobre todo o movemento sindical, reprimindo e eliminando calquera medio de existencia para os sindicatos independentes. Isto non lle impide tentar controlar, en particular mediante o nomeamento de dirixentes sindicais, a certos sectores da PGFTU que se mostran demasiado revoltosos (como ocorreu durante a gran folga de docentes de 2016).

 Na práctica, os sindicatos independentes están organizados nunha multitude de sectores profesionais. Esta fragmentación está ligada tanto ao desexo dos traballadores de controlar a acción no seu ámbito profesional, como ás dificultades de dirixir unha organización sindical democrática nun contexto de represión e de recursos limitados, iso sen contar as posicións e os vínculos coas correntes políticas que poidan existir(2). Por estas razóns, o sindicalismo interprofesional ten dificultades para existir fóra da súa forma oficial. Tamén cómpre salientar a existencia de organizacións de base de desempregados, de mulleres, vinculadas á saúde, que actúan sobre cuestións laborais sen ser formalmente sindicatos, ou a formación durante mobilizacións, como a dos docentes, de estruturas de autoorganización en lugar da federación PGFTU (Palestinian Geral Federation of Trade Unions ) baixo o control da Autoridade Palestina (AP).

 Pódese dicir que os sindicatos independentes de Cisxordania forman parte dun movemento social multiforme que intervén nas mobilizacións recorrentes contra a ocupación e a colonización e para se opoñer ás políticas da AP. Pero non está en condicións de situarse en primeira liña, nin sequera durante o acontecemento decisivo da folga xeral de 2018, que mobilizou a todos os territorios e poboacións palestinas. En Gaza, Hamás tamén parece tentar tomar o control do movemento sindical a través da PGFTU local.

 Nos territorios de 1948, o pequeno sindicato de traballadores árabes con sede na cidade palestina de Nazaret participa activamente na defensa dos traballadores palestinos e na transmisión de información. Moitos sindicatos chamaron á solidariedade e denunciaron as condicións da actual guerra contra o pobo palestino(3).

Os sindicatos en Occidente e o apoio a Palestina

 As organizacións sindicais internacionais –a Confederación Sindical Internacional (CSI), a Confederación Europea de Sindicatos (CES) e as seccións sindicais internacionais practican un xogo de equilibrismo que expresa a súa falta de vontade para adoptar unha posición sobre a situación en Palestina asumindo relacións coa PGFTU palestina e a Histadrut. Unha das reivindicacións tradicionais dos sindicatos palestinos independentes é a ruptura dos vínculos coa Histadrut. Esta reivindicación deu os seus froitos nalgunhas ocasións, por exemplo, no congreso da Federación Sindical Europea de Servizos Públicos (FSESP) celebrado en Irlanda en 2019, no que se tomou a decisión de romper eses vínculos.

 A Rede Sindical Europea pola Xustiza en Palestina (ETUN) lidera estas e outras batallas. Esta rede está formada principalmente por sindicatos(4) noruegueses, irlandeses, británicos, belgas e españois, así como pola Union syndicale Solidaires (Francia), todos eles moi comprometidos coa solidariedade con Palestina a través da organización de campañas, delegacións e apoio directo aos sindicatos sobre o terreo. Algúns sindicatos decidiron responder ao chamado intersindical á acción desde Palestina contra o comercio de armas(5).

 En Francia, hai que mencionar a iniciativa na que participaron a CGT (Confédération Générale du Travail) e a Union syndicale Solidaires, aos que se uniu a CFDT (Confédération Française Démocratique du Travail), en varias campañas xunto a asociacións de solidariedade (en particular a AFPS), a organización palestina Al Haq (considerada como organización terrorista por Israel) e ONG (en particular o CCFD, a FIDH, a LDH, etc.) para exixir o desinvestimento en determinados proxectos nos que participan empresas francesas en complicidade coa colonización: Este foi o caso da vitoria de Orange (internet, telecomunicacións), da vitoria parcial no caso do tranvía de Xerusalén no que estaban implicadas dúas filiais da SNCF (ferrocarrís de Francia e da RATP (transporte parisiense), da campaña contra os bancos con participacións en bancos israelís e/ou proxectos de investimento nas colonias.

 Tamén hai que mencionar a campaña de Boicot, Desinvestimento e Sancións (BDS), na que moitos sindicatos palestinos nos convidan a participar, xa que eles mesmos forman parte da campaña nacional de Boicot en Palestina (en particular contra AXA, Puma, HP, Carrefour, etc.). En todas estas accións, debemos subliñar o papel decisivo que desempeña quen documenta a complicidade das empresas coa ocupación e a colonización. É o caso de Who profits, un centro de investigacións con sede en Israel.

 Evidentemente, os vínculos directos entre sindicatos son decisivos, e máis aínda entre sindicatos dos mesmos sectores profesionais porque permiten que a solidariedade se exprese de forma concreta. Esta necesidade vese reforzada pola fragmentación das organizacións en Palestina.

 Todo este traballo realizado desde hai anos fixo posíbel que os sindicatos tomen posición na guerra actual, en particular sobre o cesamento do abastecemento de armas a Israel, e que a posición da Union syndicale Solidaires neste contexto de forte presión sobre as forzas militantes se poida apoiar na actividade e os compromisos existentes. Porén, debemos sinalar que, ante o empeoramento da situación da poboación palestina, onde queira que se atope, sería necesario reforzar aínda máis a acción sindical no noso país, hoxe por un cesamento do fogo inmediato e mañá pola fin da ocupación e a colonización.

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Véxase o filme Contrefeux que presenta esta situación cunha delegación sindical en 2019: https://vimeo.com/345343417

(2) Véxase a revista internacional Palestina da Union syndicale Solidaires: https://solidaires.org/sinformer-et-agir/brochures/international/revue-internationale-n14-palestine-fragments-luttes-et-analyses/

(3) Sindicato de profesores e empregados da Universidade de Birzeit: https://agencemediapalestine.fr/blog/2023/10/13/nous-sommes-tous-tes-des-palestinien-ne-s-le-communique-du-syndicat-des-professeur-e-s-et-des-employe-e-s-de-luniversite-de-birzeit/ e https://agencemediapalestine.fr/blog/2023/11/10/nous-sommes-toutes-et-tous-le-sud/ Sindicato de xornalistas palestinos, 16-10-2023: https://agencemediapalestine.fr/blog/2023/10/16/syndicat-des-journalistes-palestiniens-a-gaza-des-crimes-contre-les-journalistes/ e https://agencemediapalestine.fr/blog/2023/11/03/le-journalisme-nest-pas-un-crime-lettre-du-syndicat-des-journalistes-palestinien-ne-s/ Sindicato de Traballadores de Correos, sobre a ocupación sionista e a guerra contra os palestinos: https://agencemediapalestine.fr/blog/2023/10/15/communique-du-syndicat-des-travailleurs-palestiniens-des-services-postaux-sur-loccupation-sioniste-et-la-guerre-contre-les-palestiniens/ -Chamado dos estudantes palestinos aos estudantes do mundo enteiro: Stop ao xenocidio e fin da complicidade co apartheid israelí, 23-10-2023: https://www.bdsfrance.org/appel-des-etudiants-palestiniens-aux-etudiants-du-monde-entier-stop-au-genocide-et-fin-de-la-complicite-avec-lapartheid-israelien/

(4) Desta rede [ https://www.etun-palestine.org/] forma parte a CIG.

(5) En Bélxica: http://www.etun-palestine.org/site/2023/10/31/belgian-transport-unions-refuse-to-load-and-unload-weapons-going-to-israel-and-call-for-an-immediate-ceasefire/ -En Francia: https://sudindustrie.org/wp-content/uploads/2023/11/Communique-secteur-armement-SUD-Industrie.pdf En Catalunya. Declaración dos estibadores de Barcelona: Els estibadors del port de Barcelona han decidit en assemblea “…no permetre al nostre port l’activitat dels vaixells que continguin material bèl·lic,…”. Segueixen així les millors tradicions de solidaritat internacionalista al port de Barcelona i a la comunitat portuària. pic.twitter.com/lvuEykcipb. Vidal Aragonés (@VidalAragones), 6-11-2023

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Correspondencia de prensa, do 17 de decembro de 2023]

Volver