A elite europea prepara unha nova centralización do poder na UE

Isidro Esnaola -

As contas públicas que aproban os parlamentos estatais deben conseguir previamente o selo de Bruxelas, co que na práctica converteron o aval parlamentario nun simple acto formal. O sistema de control das contas públicas foise sofisticando e reduciu o poder dos gobernos até o punto de que agora parecen simples descentralizacións administrativas, similares a comunidades autónomas

 O 13 de setembro do ano pasado, durante o discurso sobre o estado da Unión, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou que encargara a Mario Draghi a elaboración dun informe sobre a competitividade europea. A semana pasada, durante a ‘Conferencia de Alto Nivel sobre o Alicerce Europeo de dereitos Sociais», Mario Draghi debullou as principais conclusións do seu traballo. No seu discurso deixou uns cantos apuntamentos para a reflexión. 

 Comeezou recoñecendo que a estratexia seguida para facer fronte á crise de débeda soberana foi mala: «Seguimos unha estratexia deliberada de redución dos custos salariais en relación cos demais». Así, sen máis, confirmou que se transferiu o custo da crise aos traballadores para evitar que afectase os beneficios do capital. Unha confesión que deixou claro que intereses defende a elite que goberna a Unión Europea.

 Asumiu tamén que ao combinala cunha «política fiscal procíclica», é dicir, reducir o orzamento cando a economía está a caer, o único que fixo foi «debilitar a nosa propia demanda interna e socavar o noso modelo social». Os recortes no gasto público afectaron os programas sociais, o que de maneira indirecta tamén empobreceu os traballadores. Unha mala idea desde o punto de vista económico porque debilitou a economía europea, pero tamén desde o punto de vista político porque socava o apoio popular ás institucións europeas. Logo abráianse co crecemento da extrema dereita. E concluíu dicindo que «o problema esencial (...) é que Europa se equivocou de obxectivo». Europa non, os dirixentes europeos, entre os que estaba el mesmo, que naquel momento dirixía o Banco Central Europeo.

O mundo cambiou

 Mais esa non foi a única confesión que fixo. Recoñeceu que «o mundo está a cambiar rapidamente e colleunos por sorpresa». Referíase a que «outras rexións xa non seguen as regras de xogo e están a desenvolver activamente políticas para reforzar a súa posición competitiva. No mellor dos casos, estas políticas pretenden reorientar o investimento cara ás súas propias economías; no peor, están deseñadas para facernos permanentemente dependentes delas».

 Se cadra é que Europa se deixou ir pensando que podía sentar no cume da pirámide do valor e seguir explotando o mundo sen que ninguén lle disputase o seu lugar. Dá a impresión de que os dirixentes europeos non entenden o que agocha a palabra competitividade. Significa loita constante por se facer un oco no mercado, por mantelo e mesmo por amplialo. E nesa contenda interminábel, tanto os europeos como o resto do mundo utilizaron ferramentas económicas, pero tamén regras trucadas e cando fixo falta o suborno, a extorsión e mesmo a inxerencia militar. Ou que fixeron até o de agora, por exemplo, as tropas francesas no Sahel?

 Draghi falou de exceso de capacidade –nova expresión de moda– de China pero tamén dos EUA que «están a utilizar unha política industrial a grande escala para atraer capacidade de produción nacional de alto valor dentro das súas fronteiras (...) á vez que utilizan o proteccionismo para excluír os competidores e despregan o seu poder xeopolítico para reorientar e asegurar as cadeas de fornecemento». Vaites, parece que todos romperon as regras, agás os que se deixaron ir.

Nova estratexia

 Draghi propuxo un «acordo industrial» equivalente pero a escala da Unión, aínda que dixo que o peor é que «carecemos dunha estratexia que nos permita manter o ritmo nunha carreira cada vez máis feroz polo liderado nas novas tecnoloxías. Na actualidade, investimos menos en tecnoloxías dixitais e avanzadas que os EUA e China, incluída a defensa, e só contamos con catro empresas tecnolóxicas europeas entre as 50 primeiras do mundo».

 E aquí chega a unha cuestión chave: «A nosa resposta foi limitada porque a nosa organización, toma de decisións e financiamento se deseñaron para «o mundo de antes» –antes da covid-19, antes de Ucraína, antes da conflagración en Oriente Próximo, antes do retorno da rivalidade entre grandes potencias–. Draghi propón cambiar toda a arquitectura da Unión: a forma en que se estrutura, o xeito en que se toman as decisións e, por último, o sistema de financiamento das políticas públicas. Un reinicio completo.

 A pesar da grandilocuencia, Draghi propuxo «tres fíos comúns emerxentes para as intervencións políticas» que tampouco non supoñen ningunha ruptura. O primeiro beneficiarse da economía de escala, o que vén ser seguir concentrando e centralizando decisións, infraestruturas, políticas, compras, etc. O camiño contrario á sustentabilidade.

 O segundo que apuntou foi a provisión de bens públicos cunha formulación común. Puxo como exemplo a interconexión entre as redes enerxéticas.

 O terceiro fío condutor estaría dirixido a asegurar o fornecemento de recursos e insumos esenciais, en liña co xa avanzado coa Lei de Materias Primas Críticas, apartado no que tamén incluíu «o fornecemento de traballadores cualificados». Unha frase que resume unha visión totalmente instrumental das persoas ao servizo do capital.

 «Estes tres fíos condutores obrígannos a reflexionar profundamente sobre como nos organizamos, que queremos facer xuntos e que queremos manter a nivel nacional. Pero dada a urxencia do reto ao que nos enfrontamos, non nos podemos permitir o luxo de atrasar as respostas a todas estas importantes preguntas até un próximo cambio de Tratado». Draghi xa ten claro o que hai que facer e ademais non hai tempo para debater. Só lle faltou dicir que a democracia é un atranco. A elite europea prepárase para un novo asalto á democracia no nome do imperativo económico. Como dixo Angela Merkel, «unha democracia conforme o mercado». 

Unha usurpación da soberanía que non cesa

 Non só a democracia está a se resentir con esta construción europea guiada polas necesidades do capital. A soberanía estatal tamén se deteriorou a pasos axigantados. Primeiro arrebataron a soberanía monetaria aos países da eurozona. Sen posibilidade de emitir moeda, os Estados perderon un instrumento chave para levar a cabo política económicas propias en función das súas propias prioridades, xa fosen estas económicas, sociais ou ambientais.

 A seguir, Bruxelas introduciu exhaustivos controis fiscais e orzamentarios cos que supervisa todos os aspectos dos ingresos e os gastos. As contas públicas que aproban os parlamentos estatais deben conseguir previamente o selo de Bruxelas, co que na práctica converteron o aval parlamentario nun simple acto formal. O sistema de control das contas públicas foise sofisticando e reduciu o poder dos gobernos até o punto de que agora parecen simples descentralizacións administrativas, similares a comunidades autónomas. De feito, Bruxelas tamén pontifica sobre a saúde do Estado de dereito en cada país e mesmo intermedia en asuntos internos, como a renovación do CGPJ no Estado español.

 A UE está a se apropiar da soberanía estatal e está a usurpar a democracia. O plan presentado por Draghi é un paso máis nesa dirección. «Un recordatorio amigábel» que dirían os ingleses, por se alguén pensaba que as eleccións ao Parlamento Europeo non eran importantes.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 22 de abril de 2024]

Volver