Os dereitos laborais nos Estados Unidos: unha materia moi pendente

Xulio Ríos -

As posibilidades dos traballadores de se organizaren e exixiren mellores condicións laborais son precarias en extremo. Os EUA son o sexto país da OCDE con peor lexislación sindical

 A festividade do 1 de Maio ten a súa orixe en Chicago, nos Estados Unidos (EUA), a finais do século XIX. A cidade era un dos focos industriais na década de 1880, e os traballadores comezaban a mobilizarse en protesta co obxectivo de conseguir a xornada de 8 horas.

 A realidade actual nos EUA é que seguen abondando os motivos para a mobilización laboral. O país norteamericano ten unha lexislación que se sitúa por detrás do mundo desenvolvido en políticas salariais, protección dos traballadores e dereitos de sindicación. Así o salientaba o ano pasado a organización sen ánimo de lucro Oxfam América nun informe titulado “Onde o traballo duro non dá resultado”. Nel faise seguimento de 56 políticas laborais nos 38 países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), aos que despois clasifica segundo a súa puntuación.

 Os EUA sitúanse sistematicamente preto da cola nesas listaxes: ocupa o posto 36 en políticas salariais, o 38 en protección dos traballadores e o 32 en dereitos de sindicación, o que reflicte como o país considera os dereitos e proteccións laborais como privilexios para as persoas en ‘bos’ traballos.

 En síntese, o país máis rico do mundo está atrasado á hora de garantir salarios, proteccións e dereitos para millóns de traballadores. O lobby que exercen as grandes empresas nos Estados Unidos, dominado durante décadas polo neoliberalismo, foi dando forma a unha lexislación laboral que os deixa desprotexidos, lles nega dereitos básicos como a baixa por enfermidade e lles dificulta dereitos tan elementais como a posibilidade de se sindicar.

 Así, a rede de seguridade social que ofrece á poboación, e nomeadamente aos traballadores, é moito máis débil en comparanza con outras nacións de renda alta. Así mesmo, a pesar de ter unha economía poderosa, nos EUA faise pouco por compartir os ingresos cos traballadores e faise aínda menos por garantir que os traballadores estean seguros e protexidos mentres traballan. Mesmo as denuncias por traballo infantil proliferaron nos últimos tempos, afectando a empresas emblemáticas como McDonalds.

 Kaitlyn Henderson, investigadora do Programa de Política Nacional dos EUA de Oxfam América e principal autora do informe que acompaña o índice, considera que esta situación responde a decisións políticas, non é unha fatalidade inevitábel, e que nas leis laborais actuais do país se poden ver claramente os ecos da histórica discriminación racial e de xénero.

 Os EUA, aprecia Henderson, son a única nación economicamente avanzada que nega á súa forza laboral o dereito fundamental de licenza remunerada, o cal favorece a desigualdade extrema e prexudica moi especialmente a persoas de cor, mulleres, inmigrantes e refuxiados.

 No sector dos coidados (en xeral a persoas dependentes), o país é o último da listaxe, xa que non ofrece nin un só día de licenza por enfermidade remunerada obrigatoria, ou de ausencia por maternidade ou paternidade remunerada para os traballadores. Cómpre sinalar que, por exemplo, no Estado español se garante até 16 semanas de baixa parental remunerada a ambos os proxenitores.

 Ademais, nos EUA a sanidade non é un dereito básico universal, senón que está atada ao emprego, e aínda así adoita permanecer prohibitivamente cara. A Affordable Care Act, tamén coñecida como Obamacare, que subvenciona o pagamento do seguro de saúde ás rendas baixas, así como o Medicaid, que nos últimos anos se expandiu en distintos estados gobernados por demócratas, como Nova York, mentres que se reduciu especialmente en estados do sur e republicanos, non paliaron substancialmente as carencias neste sentido.

Unha sindicación en apuros

 A sindicación nos EUA segue a ser baixa. O movemento sindical medrou moito tras a Segunda Guerra Mundial (até preto do 40%), e empezou a caer a partir de 1970, durante o mandato de Richard Nixon, que coincidiu coa crise do petróleo de 1973. En 2022, caeu a mínimos históricos do 10 %, e entón só o 12 % da forza laboral estaba cuberta por negociación colectiva. Iso é consecuencia, sobre todo, de que as corporacións privadas poñen en cuestión de forma constante as salvagardas sindicais.

 Neste momento, as posibilidades dos traballadores de se organizaren e exixiren mellores condicións laborais son precarias en extremo. Os EUA son o sexto país da OCDE con peor lexislación sindical. Grandes empresas, como FedEx, Amazon, Nestlé, Tesla ou Bed Bath & Beyond, levan anos investindo importantes cantidades de diñeiro en contratar consultoras especializadas en poñer atrancos á autoorganización dos traballadores. As empresas actúan de forma especialmente agresiva contra os intentos de organización dos seus traballadores.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 1 de maio de 2024]

Volver