Primeiro de Maio: lembranza e reivindicacións

Manuel Mera -

Neste Primeiro de Maio a clase traballadora, galega e mundial ten reivindicacións urxentes, como son: evitar que a inflación se pretenda reducir á custa da caída do poder adquisitivo dos salarios, e cuns menores servizos e prestacións públicas (en beneficio do gran capital), derrogar completamente as reformas regresivas vixentes en dereitos laborais...

 No ano 1889 no Primeiro Congreso da 2ª Internacional, realizado en París, acordouse celebrar todos os anos o 1º de maio como xornada reivindicativa do proletariado mundial (centrada naquel intre na redución da xornada). A clase traballadora da nación galega non era allea ao sentir da Internacional, e no ano 1891 realizouse unha unha folga xeral na Coruña a prol das oito horas de xornada (para unha semana laboral de seis días).

 Cal foi a razón pola que se escolleu esta data para celebración do Día Internacional da Clase Traballadora? Un chisco de historia do movemento obreiro. No ano 1886 o presidente norteamericano Andrew Johnson promulgou a lei que fixaba a xornada de oito horas, porén non entrou en vigor. Polo tanto a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio dos Estados Unidos decidiron realizar unha folga xeral a partir do 1 de maio. Ese día uns 190.000 traballadores pararon, outros 150.000 conseguían que a patronal aceptase a reclamación para evitar a folga e outros 50.000 acadarían este obxectivo antes de rematar o mes.

 Mais non todo foi tan doado. Ese día en Milwaukee a represión policial causou 9 mortos. En Chicago manifestáronse 80.000 persoas, e a patronal fixo lock-out contra o paro, o que agravou o conflito, estendendo a folga a 40.000 traballadores o 2 e 3 de maio. Este último día 6.000 operarios madeireiros axuntáronse nesta cidade para escoller unha comisión de folga; era un conflito paralelo ao das oito horas, durante o acto falou o líder anarquista alemán Auguste Spies. Mentres interviña, un grupo de 200 persoas afastouse da concentración para se enfrontar aos esquirois que saían do serradoiro. A policía non tardou en chegar utilizando as armas de fogo, polo que os concentrados acudiron en axuda dos compañeiros. Malia que a policía conseguiu dispersalos seguiu disparando a eito contra os que fuxían, causando 6 mortos e uns 50 feridos.

 Para o día seguinte os anarquistas e socialistas convocaron unha concentración na praza de Haymarket, que contou coa autorización das autoridades, no que se axuntaron unhas 20.000 persoas. Ao remate da reunión e cando os traballadores xa foran marchando, o capitán Ward avanzou sobre os grupos obreiros que ficaban na praza para dispersalos, malia que o acto non rematara. Despois, alguén guindou unha bomba e matou un policía e feriu a varios. Entón, as forzas policiais, abriron fogo contra os traballadores/as, matando uns 80 e causando uns 200 feridos/as, contando co reforzo de máis de 180 efectivos, ao mando do inspector Bonfield, que era odiado en Chicago pola súa brutalidade e sadismo.

 Axiña comezou un duro e calculado reaxer da patronal, co apoio do Goberno, que en moitas empresas eliminou mediante lock-out o acordo da xornada de oito horas. Desde todos os estamentos do sistema culpouse da morte do policía aos dirixentes do movemento folguista. Fíxose un xuízo amañado, no que se violaron todas as normas procesuais. O xurado foi designado a dedo. O 28 de agosto sóubose o veredicto de culpabilidade dos oito procesados. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer. Lingg apareceu morto na cela e os outros tres pasaron a súa vida en cadea perpetua (Neebe, Fielden e Schwab). Medio millón de persoas asistiron ao enterro dos catro aforcados, o que reflicte cal era o sentir da clase traballadora.

 Neste Primeiro de Maio a clase traballadora, galega e mundial ten reivindicacións urxentes, como son: evitar que a inflación se pretenda reducir á custa da caída do poder adquisitivo dos salarios, e cuns menores servizos e prestacións públicas (en beneficio do gran capital), derrogar completamente as reformas regresivas vixentes en dereitos laborais (tipo de contrato, indemnizacións...). E como unha demanda inmediata e esencial: rematar co xenocidio perpetrado por parte de Israel, coa axuda dos EUA e aliados, contra os palestinos da Franxa de Gaza, e reconstruír a cidade e recoñecer o Estado Palestino, así como lograr un acordo da paz que poña fin á guerra entre a Ucraína+OTAN e a Federación Rusa... 

 

[Galiza, 24 de abril de 2024]

Volver