O TSXG corrixe os servizos mínimos do Concello nos paros de Vitrasa por vulnerar o dereito de folga

A decisión é un novo revés xudicial para o Goberno local no marco do conflito da concesionaria co seu persoal polo convenio

O Concello de Vigo volve quedar en evidencia unha vez máis no marco do conflito que a concesionaria do transporte urbano mantén co cadro de persoal a conta do convenio colectivo. Nesta ocasión despois de que o TSXG veña de concluír que os decretos de servizos mínimos fixados durante os paros parciais conculcan o dereito de folga.

Segundo explican dende o comité de empresa de Vitrasa, os decretos de servizos mínimos, ademais establecer unha porcentaxe de vehículos que deben de saír obrigatoriamente á rúa, ordenan que os autobuses que xa estean circulando no momento no que se inician os paros teñen que continuar recollendo viaxeiros/as até media hora despois do comezo dos paros. 

Na primeira media hora dos paros os autobuses que traballan é moi superior á porcentaxe indicada

Para a representación sindical esta disposición do Concello “atenta claramente” contra o dereito de folga, “posto que a pesares de xa ter asignado un número de servizos mínimos, durante a primeira media hora dos paros parciais o número de vehículos que traballan é moi superior á porcentaxe indicada”.

A reclamación do comité fora estimada parcialmente polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo, pero agora o TSXG vén de anular esa sentenza, dándolle a razón o comité de empresa e estimando a súa reclamación inicial.

Volver