O persoal de Vitrasa suspenderá a folga se a empresa asina un calendario de negociación

Os empregados/as da concesionaria do transporte urbano vigués decidiron por ampla maioría aceptar a última oferta da dirección como base para retomar as conversas de renovación do convenio

Vigo -

O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, acordou por ampla maioría o pasado venres suspender a folga indefinida que manteñen dende hai máis de tres meses -e que hoxe sumou unha nova xornada- a cambio de asinar un calendario de negociación para renovar o convenio en base á última proposta achegada pola empresa.

A decisión foi adoptada tras as votacións que tiveron lugar en urna tanto pola mañá como pola tarde para facilitar a participación das distintas quenda de traballo. O reconto das papeletas traduciuse nunha ampla vitoria da opción partidaria de aceptar a proposta da empresa como punto de partida das novas negociacións, que se deberán desenvolver nun período máximo de catro meses e en base a un calendario de xuntanzas que a dirección terá que asinar. A cambio, o persoal comprométese a non convocar folga, aínda que poderá manter as mobilizacións. 

As negociacións coa mediación retomaranse esta mesma tarde

Esta opción contou con 158 votos, mentres que a de transformar a folga en paros parciais colleitou 32 apoios. A de continuar a folga sumou 23 votos, e a de suspender a folga sen aceptar a proposta da empresa como punto de partida unicamente 3. Tamén se rexistraron 2 votos en branco.

En canto á última proposta da empresa, que servirá de base para o inicio dunha negociacións que se retomarán coa mediación esta mesma tarde a partir das 16:00 horas, dende a representación da CIG en Vitrasa lembran que contempla a retirada das sancións e dos expedientes abertos durante a folga e unha suba salarial dun 2% en 2021 ou do 3% máis unha paga non consolidábel de 500 euros por traballador/a en 2023; tamén un aumento do 25% no plus de nocturnidade para o persoal da quenda de noite, tanto de taller como de condución; o cambio de descansos e de quenda entre traballadores/as; e a mellora do calendario de vacacións.

Deste xeito, no caso de que a empresa acepte hoxe fixar o calendario de negociación a folga ficaría suspendida durante o tempo que se celebren as xuntanzas. “Transcorrido este tempo dende o comité valoraremos os avances que se produzan, e no caso de que non sexan suficientes poderemos retomar a convocatoria de folga”.

Volver