A falta de persoal nos Bombeiros de Vigo deixa o servizo con 6 efectivos por debaixo do mínimo

A CIG denuncia que o Concello continúa sen convocar as oposicións e advirte que a situación empeorará coas xubilacións que están próximas

Vigo -

A falta de persoal que padecen os Bombeiros do Concello de Vigo, que a CIG ten denunciado en distintas ocasións e que mesmo obrigou a pechar algún dos parques por escaseza de efectivos, volve deixar ao descuberto a falta de previsión do Goberno local. No día de hoxe o servizo está a operar dende as 14:00 horas con só 14 traballadores/as, 6 menos do mínimo de 20 establecidos pola Corporación municipal.

Dende a central sindical sinalan una vez máis “o desleixo e a falta de responsabilidade por parte do Goberno municipal en procurar unha solución a un problema crónico” e lamentan que se estean a incumprir os mínimos aprobados polo propio Concello para garantir a seguridade da cidadanía, “á que agora se pon en serio risco ao aumentaren considerabelmente os tempos de resposta perante un posíbel sinistro”. 

Hoxe o servizo está a operar dende as 14:00 horas con só 14 traballadores/as

A pesares de que se trata dunha problemática recorrente o Goberno municipal continúa sen sacar a diante a convocatoria das oposicións no servizo, “polo que é máis que previsíbel que a situación empeore aínda máis este ano cando se produzan as próximas xubilacións entre o persoal”.

Ao mesmo tempo, consideran que a chegada do verán acentuará as carencias do servizo, provocando novos peches do parque de zona de Coruxo, “con todo o que iso supón en termos de seguridade e axilidade á hora de intervir, tanto para a cidadanía como para os propios bombeiros”.

Volver