O profesorado mantén a presión sobre Educación para que rectifique e negocie melloras laborais reais

Este martes celebráronse concentracións nas sete cidades en defensa da calidade do ensino público

Nacional -

O profesorado galego mobilizouse este martes nas sete cidades para exixir novamente á consellaría de Educación que rectifique e negocie melloras reais nas súas condicións e defender a calidade do ensino público. Esta é a segunda das accións programadas neste mes de novembro en loita pola recuperación dos dereitos laborais docentes, despois do éxito das accións de protesta levadas a cabo nos propios centros educativos o xoves pasado e antes da que pretende ser unha manifestación que aglutine a toda a comunidade educativa en Compostela o vindeiro domingo 19.

A esta marcha están chamadas a participar, ademais das docentes, as familias e o alumnado dado que sobre todo o tema das ratios é algo que lles afecta directamente, pero tamén a recuperación do horario lectivo, xa que implica maior dotación de profesorado, menor impartición de materias afíns e menos itinerancias, entre outras cuestións.

O profesorado galego volveu saír á rúa este martes nas 7 grandes cidades galegas en demanda dun Acordo de melloras reais das súas condicións de traballo e do sistema educativo público, após o acordo de renuncias que asinou a Consellaría de Educación cunha minoría sindical.

As concentracións celebradas ás 19 horas foron convocadas por CIG-Ensino, STEG e CSIF, que entre as tres organizacións representan máis do 60% do colectivo docente e que seguirán con accións até que a Consellaría rectifique e escoite as necesidades que ten o ensino público.

Necesidades que foron verbalizadas no manifesto lido conxuntamente ao remate das concentracións en todas as cidades e que o xoves pasado foron reclamadas con contundencia e cunha gran resposta desde os propios centros, con máis de 330 imaxes nas que o profesorado portou cartaces, pancartas e lemas nas que insistía na baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo, a eliminación da burocracia inútil e unhas retribucións dignas e iguais para todo o colectivo.

Volver