Profesorado de distintas etapas alza a voz animando a asinar pola recuperación de dereitos e o ensino público

CIG-Ensino censura o envío aos centros de convites a actos do PP xogando á confusión político-institucional

Nacional -

Continúa unha semana máis a campaña de recollida de sinaturas nos centros educativos galegos coa que se pretende darlle a voz ao profesorado para que manifeste a súa opinión sobre o Acordo de melloras asinado por unha minoría sindical coa Consellaría de Educación, nun acto de entrega sindical totalmente insólito feito para acomodarse ás necesidades do presidente Rueda.

Por iniciativa da CIG-Ensino, diverso profesorado pertencente a diferentes etapas educativas e ensinanzas vén de participar activamente nuns vídeos cos que quere “alzar a voz e tomar a palabra”, tal e como reza o lema da campaña posta en marcha para animar o colectivo docente a asinar e reivindicar melloras reais para o ensino público galego.

Nos vídeos pódense escoitar os testemuños dunha mestra de infantil, unha especialista en Pedagoxía Terapéutica e orientadora de Primaria, unha xefa de estudos dun IES, un profesor de Secundaria e Bacharelato, unha docente de FP con destino nun CIFP, un profesor dunha Escola de Arte e Superior de Deseño, en representación das ensinanzas de réxime especial, e unha mestra que vén de incorporarse ao ensino público recentemente.

Todas estas voces amosan a enorme pluralidade que existe entre o colectivo docente do ensino público non universitario e poñen de manifesto as principais casuísticas e demandas de cada etapa ou nivel educativo. Porén, todas as intervencións teñen un nexo común: o rexeitamento a un acordo, nuns casos por insuficiente, e noutros porque representa unha renuncia a introducir calquera tipo de mellora tanto para os e as profesionais como para as ensinanzas en xeral.

Así pois, lonxe do obxectivo deste acordo de dividir o profesorado, ou ben por pertencer a corpos distintos ou ben por antigüidade ou ben polo cargo que ocupa, os sindicatos promotores desta campaña (CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino) precisamente o que buscan é poñer de manifesto que esta estratificación ten como causa sobre todo a perda de dereitos e que este acordo lonxe de diluír as diferenzas aínda as agrandou máis, de aí que no texto do prego de recollida de sinaturas se faga fincapé precisamente nos puntos de unión e nas demandas unánimes tanto do profesorado como de toda a comunidade educativa:

  • Recuperación das 21 (infantil e primaria) e 18 sesións lectivas (demais ensinanzas) en dous prazos (curso 2024-25 e 2025-26).
  • Redución das ratios en todas as ensinanzas comezando xa en todas elas no curso 2024-25.
  • Eliminación da burocracia absurda e aplicación de medidas concretas contra a burocracia (liberación horaria para a xestión e coordinación didáctica e máis persoal administrativo).
  • Reparto lineal entre todo o profesorado das subas retributivas pactadas.

A estratexia da confusión político-sindical

Nestes últimos días estamos a asistir a momentos cando menos rechamantes por parte dos asinantes do acordo das renuncias. Por un lado, sindicatos que se reúnen con grupos parlamentares para, supostamente, demandar cuestións ás que renunciaron explicitamente na negociación, como que a redución de ratios no resto de etapas se faga antes do que aparece reflectida no acordo, ou para facer ver que o que asinaron seica agora non lles chega.

Pola parte do PP-Xunta, Xunta-PP, nesta permanente confusión de precampaña e  campaña, asistimos a dous feitos insólitos:

  • Por vez primeira o partido no goberno enviou un convite por correo-e aos centros educativos animándoos a participar nun acto electoral o vindeiro sábado centrado na educación. Mesmo altos cargos da Consellaría, como a directora xeral de FP, terían chamado ás direccións dos CIFP (profesorado posto a dedo como cargos de libre designación) para animar á participación do profesorado. Na transmisión que deu nalgúns casos hai unha calculada confusión á hora de indicar se é un acto do PP ou un dos habituais “eventos” da Consellaría nos que non cesa de gastar cartos desde hai anos. En todo caso, estas manobras supoñen un uso reprobábel dos correos oficiais dos centros por parte do PP.
  • A inspección educativa, que xa tiña avanzado nas últimas semanas aspectos relacionados coa aplicación das novas ratios recibiu instrucións das xefaturas de inspección de “parar a validación da oferta nos centros que teñen aulas mixtas até, como mínimo, a metade de febreiro”, o que coincide coas dúbidas sobre a aplicación das novas ratios expresadas por algún Xefe Territorial en datas recentes. Todo indica que se quere agardar a que pase o 18F e se pechen as urnas, o que implica nas datas nas que estamos, a menos de un mes para o inicio do período de admisión nos centros, unha vergoña.

Volver