Camiño do Primeiro de Maio a CIG convoca asembleas de delegadas/os e mobilizacións en todas as comarcas

No marco da campaña que está a desenvolver baixo o lema 'Stop Precariedade. Traballo digno'

Nacional -

Camiño do Primeiro de Maio, a CIG convoca para mañá mércores, día 17 de abril, asembleas e mobilizacións en todas as comarcas no marco da campaña iniciada a principios de ano para denunciar a precariedade que sofre a clase traballadora galega, baixo o lema 'Stop Precariedade. Traballo digno'. Unha campaña que recolle toda unha batería de propostas para combater a pobreza laboral e coa que se pon en evidencia que hoxe ter un traballo non garante unha vida digna.

MOBILIZACIÓNS
  • A Coruña.- Concentración ás 12h na Delegación do Goberno (Praza de Ourense)
  • Santiago.- Concentración ás 12h na praza de Galiza.
  • Ferrol.- Concentración ás 12h diante do edifico da Xunta.
  • Lugo.- Concentración ás 12:00 diante Edificio da Xunta Galiza (Rda da Muralla)
  • Viveiro.- Concentración ás 12:00 diante Sede INSS (Av. Ramón Canosa)
  • Ourense.- Concentración ás 11:30h na Subdelegación do Goberno
  • Pontevedra.- Concentración ás 12h na Subdelegación do Goberno
  • Vilagarcía.- Manifestación ás 12:00 desde o Auditorio Municipal ata a Casa do Mar
  • Vigo.- Manifestación ás 12:00 desde o concello até o edificio administrativo da Xunta de Galiza

A CIG vén denunciando que desde que se aprobou a última reforma laboral multiplicouse a precariedade con novas modalidades de contratación “mudando as estatísticas pero non a realidade”. Unha reforma que supuxo a xeneralización da contratación a tempo parcial e a fixa-descontinua, que substituíu os contratos temporais e que medrou, desde 2021, nun 125,1%, cun incremento en 4,1 puntos das persoas asalariadas con xornada parcial ou fixa descontinua na contratación indefinida.

A central sindical salienta que malia aumentar nun 20,7% os despedimentos, baixaron, porén, as indemnizacións percibidas unha media do 34,9%. Cifras que confirman que con esta reforma laboral “avanza o despedimento libre a gratuíto” porque a patronal dispón de máis mecanismos legais para empeorar as condicións laborais e salariais da clase  traballadora.

Institucionalización da pobreza laboral

Para a CIG o resultado é unha clase traballadora empobrecida pola instauración, por lei, da inestabilidade laboral o que está a provocar a institucionalización da pobreza laboral e que hoxe, ter traballo xa non garanta os ingresos necesarios para vivir dignamente e poder acceder a dereitos básicos como alimentación e vivenda. Unha situación que é mesmo peor para a mocidade e as mulleres, que foron convertidas en man de obra barata.

Con esta campaña, ademais de promover a mobilización e o debate arredor dunha situación sociolaboral que sume na precariedade á clase traballadora, a CIG exixe unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega.

Volver