A CIG-Ensino demanda cambios urxentes nas oposicións para evitar a sangría de prazas desertas na promoción interna

Alerta de que 1.113 prazas quedaron desertas nas cinco últimas oposicións pola obriga legal dunha norma totalmente afastada da realidade do profesorado

Nacional -

Nun estudo elaborado pola CIG-Ensino partindo dos datos de matrícula, participación e persoal opositor aprobado nas oposicións de 2017, 2018, 2019, 2020 (celebradas no 2021) e 2022, constátase o que o sindicato vén denunciando desde hai anos: a Consellaría inflou artificialmente as cifras das ofertas de emprego coa escusa da reserva do 25% das prazas para promoción interna.

A política propagandística do Partido Popular levou desde hai anos a sumar as prazas de promoción interna á oferta libre de ingreso para vender que se estaban a ofertar un maior número de prazas nas oposicións, algo que vén denunciando repetidamente a CIG-Ensino. Os datos acumulados que agora proporciona o sindicato non permiten dúbidas: estívose xogando coa opinión pública e con miles de aspirantes vendendo ofertas ficticias.

Os datos son contundentes: o 58% das prazas de promoción interna xa quedan desertas por falta de aspirantes que se matriculen, xa que só o fixeron 515 para as 1214 prazas de cambio de corpo. O profesorado opositor que se presentou realmente ás probas selectivas nas últimas cinco oposicións quedou en 283, o que xa indica que nesta fase queda sen cubrir o 77% das prazas. É dicir, o interese real pola promoción interna afecta tan só a unha de cada catro prazas convocadas e este interese está moi concentrado en determinadas especialidades.

O resultado final, cun número moi reducido de persoas aprobadas polos tribunais, tan só un 35% das aspirantes que fixeron os exames, indica que tamén hai que mudar este sistema de oposicións para facilitar o acceso á promoción interna, unha demanda de vello da CIG-Ensino. 

O goberno central debe eliminar a taxa de reposición e a Xunta acumular as prazas desertas da promoción interna

A “trampa” de Educación consiste en incorporar a maiores da taxa de reposición o 25% de reserva de promoción interna das prazas ofertadas a corpos do subgrupo A1. O control sobre a taxa de reposición, imposto polo goberno do PSOE en 2010 e mantido desde aquela polos sucesivos gobernos de PP e PSOE, impide que as prazas de promoción interna que non se cobren poidan acumularse por superar o tope da taxa de reposición.

A CIG-Ensino reclama que se elimine a taxa de reposición para permitir que haxa ofertas de emprego que dean resposta ás necesidades do sistema educativo galego. A responsabilidade de que exista aínda esta limitación é tanto do PP como do PSOE e, neste sentido, para a CIG-Ensino o anuncio feito polo ministro Escrivá de eliminar a taxa de reposición para os orzamentos do ano 2025 é insuficiente: debe eliminarse xa con efectos para o 2024, a través da Lei de Orzamentos no caso de que se aprobase con suficiente marxe ou ben mediante un Real Decreto Lei que permita que aquelas prazas que queden desertas das 202 de promoción interna que se ofertan este ano nas oposicións docentes en Galiza poidan acumularse á oferta libre.

Os cambios nos corpos que imparten docencia na FP reducirá aínda moito máis a demanda de promoción interna

A integración do profesorado do corpo técnico de FP (PTFP) no corpo de PES, reducindo a dez especialidades as que fican no subgrupo A2 (corpo actual de PESSFP) vai limitar dun xeito importante o número de docentes que participan nas probas de acceso ou cambio de corpo.

Así, do total das 1214 prazas convocadas para promoción interna nas cinco últimas convocatorias, 424 (o 35%) eran de especialidades de FP. Falamos basicamente de profesorado do corpo de PTFP que, tendo titulación universitaria, xa forma parte agora do corpo de PES e xa non pode acceder á vía da promoción interna, tendo agora aberta a vía da adquisición dunha nova especialidade no caso de quereren optar a outra diferente da que teñen como resultado do proceso de integración.

Polo tanto, a incidencia tanto no participación como no total de prazas aprobadas vai ser aínda máis reducida neste 2023, o que fai máis necesario o cambio legal que exixe a CIG-Ensino.

Volver