O peso e significado xeopolítico da "nova" Doutrina Monroe

Franco Vielma -

Os Estados Unidos están a cambiar a súa relación física-concreta co continente. O despregamento político estadounidense en Panamá, os aranceis, anexionar Grenlandia, renomear o golfo de México e, agora, coa ocupación militar no Caribe hai unha nova forma de interacción agresiva de Washington polo espazo territorial, o control das infraestruturas, a loita polo espazo xeoeconómico e a imposición de novos imperativos en materia de seguridade

 O goberno estadounidense está a executar unha nova estratexia en Latinoamérica e o Caribe, de acordo coas directrices de Donald Trump e o seu secretario de Estado, Marco Rubio. A sucesión de acontecementos recentes na rexión, por iniciativa de Washington, suxire o desenvolvemento dunha axenda estruturada.

 Desta maneira, despregáronse un conxunto de accións, algunhas indiferenciadas, e outras focalizadas ao respecto no trato directo con países. A xeito de resumo:

  • O goberno estadounidense castigou con aranceis a rexión en pleno, incluídos países "aliados", tentando cambiar as simetrías comerciais.
  • A Casa Branca enfocou a súa política de presión comercial arancelaria especialmente contra México, país co que comparte o espazo comercial norteamericano.
  • Trump construíu unha política de deportacións masivas e puxo en marcha diversos mecanismos migratorios internacionais para facelas efectivas.
  • Aplicáronse medidas como a derrogación dos Status de Protección Temporal, que afectan a migrantes de varias nacionalidades. Aplicáronse prácticas de violación de dereitos a cidadáns de varias nacionalidades nos Estados Unidos, o cal incumpre as convencións internacionais migratorias, e creou o inédito método de encarcerar a 252 venezolanos, sen xuízos nin sentenzas firmes no Salvador. Estas medidas foron executadas mediante a intimidación a gobernos e a omisión das protestas diplomáticas de varios países da rexión.
  • Trump converteu O Salvador nun cárcere outsourcing, unha extensión do sistema carcerario norteamericano, coa venia do presidente Nayib Bukele.
  • Os Estados Unidos afianzaron o seu rol de converter Güiana nun protectorado petroleiro e militar mediante novos acordos, especialmente no ámbito militar. Isto ocorre a expensas do saqueo de recursos esequibanos baixo reclamación venezolana.
  • O goberno estadounidense aplicou a regresión a medidas coercitivas económicas contra Venezuela e Cuba.
  • Incrementáronse as presións políticas, económicas e diplomáticas contra o goberno de Nicaragua.
  • Trump dobregou o goberno de Panamá ao reclamar supostos e ilegais dereitos históricos de propiedade dos Estados Unidos sobre o canal, forzando un novo acordo co país centroamericano.
  • Trump tamén renomeou o golfo de México como "golfo dos EUA", e así reclama a hexemonía estadounidense sobre ese espazo.
  • En franca defensa de Jair Bolsonaro, o goberno estadounidense inmisciuse directamente nas decisións das instancias xudiciais de Brasil, creando unha confrontación política, inaugurando sancións contra funcionarios de Brasil e aplicando medidas arancelarias pola orde de 50%.
  • Trump tamén emitiu unha orde executiva que declarou a Brasil como unha "ameaza inusual e extraordinaria" para a seguridade dos Estados Unidos.
  • En nome da suposta loita contra o narcotráfico, Estados Unidos retirou selectivamente unha certificación favorábel a Colombia polos seus esforzos na loita contra ese delito. Isto é considerado unha medida de tipo política contra o goberno de Gustavo Petro.
  • Funcionarios estadounidenses falaron da posibilidade do bombardeo de territorio de México, Colombia e Venezuela, supostamente no marco da loita contra o narcotráfico.
  • Os Estados Unidos posicionaron embarcacións, avións estratéxicos e tropas no Caribe, con énfase en Porto Rico, as Antillas Holandesas, Trindade e Tobago e Güiana, nunha posíbel formulación táctica-militar co fin de executar un cambio de réxime en Venezuela. Funcionarios estadounidenses —especialmente parlamentarios electos en Florida— instaron á captura ou execución de magnicidio contra os máximos representantes do goberno venezolano, baixo falaces sinalamento de narcotráfico.

 Esta extensa listaxe, que se refire só as accións dirixidas cara a Latinoamérica e o Caribe, é un acumulado de apenas meses, o cal suxire que, efectivamente, a Casa Branca está a estruturar un enfoque de gran significado e importantes derivacións no seu chamado "patio traseiro".

 O contexto é claramente de agresividade multiforme dirixida cara ao continente, especialmente contra a rexión latinoamericana e caribeña.

Enfoque compartido

 En xaneiro deste ano, ao apenas asumir o seu cargo, Marco Rubio cuestionou que durante moito tempo o goberno estadounidense se centrase noutras rexións "e pasasen por alto a nosa", o que sinala un "descoido do hemisferio occidental".

 Este punto é o principal elemento distintivo do enfoque en política exterior de Washington nesta etapa. E semella que a directriz conta cun importante consenso entre os factores construtores de política en Washington.

 Un elemento ilustrativo diso vén do embaixador e enviado especial de Trump, Richard Grenell, firme defensor do enfoque MAGA (Make America Great Again). Hai pouco Grenell laiouse da "neglixencia dos gobernos estadounidenses que ignoraron toda esta rexión ", dixo, ao participar na Conferencia Política de Acción Conservadora (CPAC), que se celebra en Paraguai.

 Grenell opinou que Trump "está a cambiar esa situación xunto co seu secretario de Estado, Marco Rubio", o que aclara que o perfil da política cara á rexión é un asunto compartido entre falcóns —sector que representa Rubio— e MAGA.

 Sobre esta nova estratexia Grenell indicou que "todos vostedes (os paraguaios) están a beneficiarse de que de súpeto teñamos un goberno estadounidense que quere competir, desprazar a China e ter unha mellor relación con Paraguai", salientou o funcionario, ao dirixirse aos asistentes.

 Os elementos centrais da política de Trump para a rexión suxiren un rexurdimento da vella Doutrina Monroe, baseada na premisa de «América para os americanos», do presidente James Monroe en 1823.

 Aínda que a tese xurdiu para "protexer" os intereses das novas nacións libres americanas do colonialismo europeo, a Doutrina tivo unha reinterpretación e execución durante o século XX. Os Estados Unidos daríanlle o perfil de defender os "intereses americanos" durante a Guerra Fría e afastar os países da rexión do comunismo e a influencia da extinta URSS. Ou ben para defender os intereses das empresas estadounidenses, para o que cooptaron ou someteron gobernos na rexión para exercer o saqueo de recursos e impoñer o Consenso de Washington (1989) mediante golpes de estado, invasións ou a creación de conflitos armados.

 En todos os casos os Estados Unidos baseáronse no seu poder de forza (militar, económica, política) ou no seu poder de coerción para impoñer os seus intereses no contexto das relacións internacionais na rexión. Ou para, simplemente, "torcer o brazo" de diversos países e gobernos, Barack Obama dixit.

Non é só a forza, é o declive

 A postura compartida entre o sector MAGA e o sector conservador tradicional (falcóns) estadounidenses obedece a visións e enfoques estratéxicos arraigados, desde hai moito, na estrutura do pensamento e do poder nos Estados Unidos.

 Ambos os grupos evocan claves esenciais, como o Destino Manifesto, a "conquista do Oeste" e a Doutrina Monroe como elementos fundacionais do seu país e compoñentes da súa "grandeza". "Facer Grande os EUA de novo" suxire volver ás raíces do propio modelo neocolonial estadounidense, Made in XX Century, que permitiu o xurdimento dese país como superpotencia.

Noutras palabras, a crise de perda de hexemonía que se está producindo xusto agora nos Estados Unidos fixo que os seus pensadores, políticos e construtores de políticas busquen as claves da súa "grandeza" nos vellos códigos e enfoques de política exterior (económica, militar) que aplicaron na súa vella área de influencia do pasado.

 Centros de pensamento como The Heritage Foundation —think tank conservador, autor principal de Project 2025—, propuxeron unha "nova Doutrina Monroe" para "rexuvenecer o hemisferio", construír "unha nova era dourada" mediante a reorientación de cadeas de abastecemento cara a América Latina, "contrarrestando a influencia chinesa" e promovendo a estabilidade económica. Segundo sinalan, Trump non busca imperialismo senón "seguridade estadounidense" ao limitar ameazas no hemisferio e lograr o aseguramento e afianzamento do seu espazo económico.

 Esta tese explica, por exemplo, o xurdimento da política de aranceis como estratexia de deseño das relacións económicas internacionais. Os Estados Unidos non compiten agora, non promoven o libre mercado nin a fin dos gravames.

 Agora son máis proteccionistas, empregan mecanismos restritivos para redeseñar as cadeas de abastecemento, exixen investimentos foráneos no seu territorio e tentan, por vía de decretos e aranceis, modificar a súa balanza comercial, que lles é desfavorábel. A armamentización do comercio emprégase para reanimar a base industrial ianque e reter o dólar estadounidense como moeda de principal uso a escala global.

 A estratexia non é puramente comercial. Segundo The American Enterprise Institute (AEI), Trump está instintivamente renovando a doutrina Monroe clásica para "defender o hemisferio contra incursións chinesas". Esta axenda ten puntos de parada críticos, como o canal de Panamá, ou anexionar Grenlandia e Canadá, por se tratae de espazos cruciais para a proxección dos Estados Unidos ao Ártico como novo espazo do interese xeoestratégico global.

 Desta forma, os Estados Unidos están a cambiar a súa relación física-concreta co continente. O despregamento político estadounidense en Panamá, os aranceis, anexionar Grenlandia, renomear o golfo de México e, agora, coa ocupación militar no Caribe hai unha nova forma de interacción agresiva de Washington polo espazo territorial, o control das infraestruturas, a loita polo espazo xeoeconómico e a imposición de novos imperativos en materia de seguridade —cun arelado cambio de réxime en Venezuela, que sería extensivo a Cuba e Nicaragua—.

 Esta non é unha suposición baseada nos traumas dos latinoamericanos de esquerda, nin unha análise de tempos da Guerra Fría. Isto é promovido abertamente hoxe por instancias como America First Policy Institute (AFPI), enfocado na "grandeza nacional" e que propoñen para os Estados Unidos o emprego do continente como "espazo exclusivo". Este pouco coñecido grupo ten entre os seus membros a varios persoeiros no gabinete de goberno de Trump.

 O vicepresidente J.D. Vance mencionou en xullo pasado ante o Claremont Institute que os Estados Unidos debían recorrer ás súas raíces, ao Destino Manifesto, para "domesticar este continente salvaxe". Vance, sen andrómenas, falou da necesidade da "dominación rexional" como un punto central da seguridade hemisférica e "defensa da civilización occidental".

 Os actuais construtores de política de Estados Unidos pensan que poden relanzar a hexemonía do seu país desde as mesmas bases física-territoriais —xeoeconómicas— do pasado. Ideoloxicamente falando, non hai nada novo aquí, só nostalxia pola hexemonía que unha vez foi.

 O contexto xeopolítico actual dista moito de 1950 ou do mundo da posguerra. Pasaron máis de 70 anos e a globalización redeseñou a xeoeconomía planetaria, especialmente ao configurarse unha nova estrutura comercial, industrial, de cadeas de abastecemento, de contrapesos políticos e factores de influencia.

 Pero isto non quere dicir que non haxa lugar no mundo actual para as trasnoitadas ideas do actual goberno estadounidense. A aposta dos Estados Unidos podería tomar forma desde a "bloquización" do mundo, tal como está a ocorrer.

 As tensións políticas e comerciais, as políticas proteccionistas, as rivalidades entre potencias e o xurdimento de novos bloques económicos están a acelerar fenómenos que orientan a reconfiguración das cadeas de abastecemento globais cara a sistemas máis localizados ou aliñados coas alianzas estratéxicas. Os Estados Unidos devecen por navegar esa contradición e a administración Trump acentúaa coas súas políticas.

 Á súa maneira, os Estados Unidos pretenden atopar o seu lugar na multipolaridade, lidando coa inercia de declive e fin da unipolaridade que afianzou ese país como hegemón. Iso supón —polo menos desde a perspectiva do goberno de Trump— un repregamento doutros espazos xeopolíticos e volver á súa área de "influencia tradicional", de onde, tecnicamente, nunca se foron de todo.

 A consigna de "Make America Great Again" é unha aceptación do declive multiforme estadounidense. Sendo a multipolaridade e a bloquización procesos metabólicos obxectivos —inevitábeis— da configuración xeopolítica actual, é lóxico que esas forzas de gravidade empurren dos Estados Unidos de volta cara a un espazo onde segue exercendo influencia política e económica, un espazo onde ademais pretenden exercer o seu poder físico-concreto, agora con formas máis agresivas, mediante un amplo abano de instrumentos de coerción.

 O que ocorre é resultado do proceso cinético do cambio de era. A partir da redución da súa forza e capacidade de mediar o seu poder e influencia con gran consistencia noutras latitudes, os Estados Unidos regresan a un espazo sometido sistematicamente ao abrandamento —termo militar que refire a acción ou efecto que consiste en reducir a resistencia do inimigo, preparándose o terreo para unha posterior ofensiva—. O shériff volve por máis recursos naturais, máis relacións desiguais, máis hexemonía económica, máis control militar e máis reafirmación do seu modelo político-civilizatorio.

 Se o devalar dos Estados Unidos se segue consumando ao ritmo actual, a rexión latinoamericana e caribeña será un espazo onde a resistencia a este devalar norteamericano se levará a cabo con gran consistencia. Este ciclo regresivo está a demostrar ser bastante perigoso. É o que está a ocorrer xusto agora.

 

[Artigo tirado do sitio web Misión Verdad, do 19 de setembro de 2025]

Volver