Non é só a banca. Nos Estados Unidos comezou unha crise sistémica

Giuseppe Masala -

A situación dos Estados Unidos é moi grave, no sentido de que o sistema do país (fogares, empresas e administración pública) está endebedado co resto do mundo en máis de 16 billóns de dólares. Por suposto, existe un suposto «atenuante» para esta crise: os EUA inundaron o mundo en dólares para satisfacer a demanda e facer fluído o comercio mundial

«Eu estaba en bancarrota, o goberno estaba en bancarrota, o mundo estaba en bancarrota. Pero quen demo tiña o puto diñeiro?» (Charles Bukowski)

 Como proba de que a actual crise bancaria nos EUA é de natureza sistémica, coido que chega con sinalar que, xusto despois do «rescate/peche» de Silicon Valley Bank, o First Republic Bank e Signature Bank (que xuntos posuían nada menos que 650.000 millóns de dólares en activos), máis outros bancos como PacWest Bancorp, Western Alliance Bank e Metropolitan Bank, se dirixen polo mesmo triste camiño de creba/nacionalización/peche e, cando é posíbel, venda «en talladas» ao mellor ofertante.

 PacWest, por exemplo, tiña as accións a primeiros de marzo a uns 28 dólares, e en só dous meses caeron a 3,17 dólares. Ademais, non se trata dun banco pequeno que só opera nun condado, senón dun banco de tamaño máis que respectábel, con 44.000 millóns de dólares en activos.

 O mesmo se pode dicir de Western Alliance Bank, cuxas accións pasaron duns 76 dólares a principios de marzo a 18,20 dólares hai uns días. De novo, trátase dun banco de tamaño significativo, cos seus 65.000 millóns de dólares en activos. E por último, neste reconto de mortos, comatosos e feridos, Metropolitan Bank tampouco sae ben parado, xa que as súas accións caeron desde uns 56 dólares a principios de marzo até o prezo actual de 19,86 dólares. Neste caso, o tamaño do banco é menor que o dos dous primeiros, cuns 6.000 millóns de dólares en activos baixo xestión. Pero o importante é decatarse de que se trata dun grupo, un grupo cada vez maior de bancos que están a crebar.

Crise sistémica?

 En primeiro lugar, isto significa que estamos ante un feito sistémico e que a historia dos banqueiros que asumen demasiados riscos co diñeiro dos aforradores non se sostén: porén, unha crise sistémica significa algo máis que iso.

 Soan grotescas –ou, se se prefire, case adoptan a forma dun rito propiciatorio colectivo cada vez máis aburrido- as palabras de todas as autoridades que falan dun sistema san e resistente. En efecto, resiliente, esa é a palabra utilizada neste mantra propiciatorio. Por suposto, o que aínda falta é o Big Bang –o que supuxo a creba de Lehman Bros. en 2008– un desastre que obrigue a caste sacerdotal da tecnocracia e a política financeira a dicir a verdade. Mellor aínda, o Big Bang xa ocorreu, pero non en Estados Unidos nin sequera en Eurolandia. Estamos a falar da creba de Credit Suisse, que, así e todo, ten a súa sede nun dos Estados máis ricos do mundo e cun Estado que ten suficiente peso financeiro para intervir seriamente. Até o de agora tivemos sorte, pero canto pode durar?

 En primeiro lugar, penso que é xusto explicar brevemente o que entendo por «crise sistémica». Precisamente, refírome a unha crise que afecta os tres compoñentes fundamentais dun sistema económico nacional: os fogares, as empresas e as administracións públicas. Un sistema onde os fogares son os actores que «aforran» mentres que as administracións públicas e as empresas invisten e, en consecuencia, endebédanse. Cando o aforro dos fogares pode satisfacer plenamente as necesidades de financiamento das empresas e das administracións públicas, o sistema está en perfecto equilibrio; se o aforro interno é insuficiente, entón recorre aos investidores estranxeiros e o sistema é debedor neta fronte ao resto do mundo. Se, pola contra, as empresas e as administracións públicas necesitan menos financiamento da que aforraron os fogares, investirase no estranxeiro e o sistema nacional será acredor neta fronte ao resto do mundo; para nos entender.

 Agora ben, a situación dos Estados Unidos é moi grave, no sentido de que o sistema do país (fogares, empresas e administración pública) está endebedado co resto do mundo en máis de 16 billóns de dólares. Por suposto, existe un suposto «atenuante» para esta crise: os EUA inundaron o mundo en dólares para satisfacer a demanda e facer fluído o comercio mundial, xa que o dólar foi a moeda estándar para os intercambios e isto fixérono sempre importando «todo de todo o mundo». Porén, tamén é certo que o sistema estadounidense adoece de graves distorsións, con frecuencia froito de decisións ideolóxicas insensatas, como a ausencia dun benestar estatal digno de tal nome, deixando a saúde, a educación e as pensións en mans de empresas privadas. Isto, entre outros factores, fixo imposíbel a competitividade dentro dos EUA e o seu sistema produtivo estadounidense deslocalizouse polos catro puntos cardinais en busca de custos laborais alcanzábeis. Subliño isto porque mesmo en Italia se ouve a algúns lunáticos ideoloxizados que falan do «benestar corporativo» en lugar de benestar estatal: o tecido produtivo italiano angustiado por semellante carga duraría o que un gato na autoestrada.

Que ten que ver o dólar coa crise?

 Con todo, como se pode entender (espero) polo que escribín, o quid da cuestión é o dólar: unha crise bancaria así só se pode explicar por unha saída colosal de recursos financeiros dos Estados Unidos cara a outros países. Que, se se pensa niso, é exactamente o que se quere dicir co termo «desdolarización». O capital estranxeiro que sempre investiu nos EUA está a moverse en beneficio doutras divisas e outros sistemas financeiros.

 E nesta situación a Reserva Federal dos Estados Unidos non pode facer outra cousa que subir os tipos de xuros coa esperanza de atraer novos capitais, e cando Europa corre o risco de ser baleirada, non pode facer outra cousa que subir os tipos á súa vez.

 Esta situación é admitida entre dentes mesmo por Yellen, que declarou que o papel do dólar estaba agora en perigo polas sancións. Certamente Yellen leva razón, as sancións foron a mazá envelenada que fixo estalar o fenómeno (unha crise que está baixo a mesa desde hai tempo)(1).

 É realmente difícil ver como podemos saír dela sen nos arriscar a unha nova guerra a tan grande escala como a que puxo fin á Belle Époque e foi coñecida por todos como a Primeira Guerra Mundial. Unha guerra que foi sobre todo un enfrontamento pola hexemonía entre a libra esterlina e o marco alemán, mais case ninguén nolo conta.

_____________________________________________________________________________

Nota:

(1) “Yellen Says Sanctions May Risk Hegemony Of US Dollar” https://www.barrons.com/news/yellen-says-sanctions-may-risk-hegemony-of-us-dollar-479c564f

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la Crisis, do 10 de maio de 2023]

Volver