Indonesia, o xenocidio esquecido
Manuel Mera -
Co xeneral Suharto, que substituíu a Sukarno en 1967, como xefe de Estado completouse o golpe militar, gañando os Estados Unidos un duradeiro aliado estratéxico na rexión. Dende as potencias occidentais, asistiuse ao masacre, xenocidio indonesio, dende a barreira, sen facer o máis mínimo intento para detelo.
Indonesia é hoxe unha das potencias emerxentes de Asía e está asociada aos BRICS. A historia deste país está ateigada de momentos complexos, como durante a etapa da colonización holandesa. E despois da independencia (conseguida en 1949), coa súa participación activa no Movemento de Países Non Aliñados, que realizou a súa primeira reunión en Bandung no ano 1955. Mais tampouco se debe esquecer como feito significativo o terríbel masacre de 1965-1966. Deste feito cúmprense agora seis décadas, e é un antecedente do xenocidio de Gaza. En ambos casos as potencias occidentais, especialmente os Estados Unidos, xogaron un papel colaborador cunha represión cruel e deshumanizada. Indonesia está integrada por un arquipélago dunhas 3.000 illas, de pouco menos de 2 millóns de quilómetros cadrados, e que en 1960 xa tiña 93 millóns de habitantes, a maioría musulmáns, e unha importante minoría chinesa.
O 30 de setembro de 1965 unidades militares ao mando do tenente coronel Untung deron un golpe de estado para evitar un programado pola dereita. Mais, forzas do exército comandadas polos xenerais Nasution e Suharto esmagaron o levantamento e convertéronse en donos da situación. O Presidente Sukarno ficou como unha figura decorativa. O 10 de marzo de 1966, o xeneral Suharto faise cargo de todos os resortes do poder, alentando as manifestacións anticomunistas, e como primeira medida decide arrestar todos os ministros de esquerdas do gabinete de Sukarno. O viceprimeiro ministro Subandrio será condenado a morte, e ilegalizado o Partido Comunista (PCI).
O levantamento dos militares de esquerda utilizouse como escusa para a persecución dos militantes e simpatizantes comunistas, co argumento de que o PCI apoiara o golpe de 1965. En poucos meses, entre 250.000 e 1.000.000 persoas (segundo a fonte) foron asasinadas. A Organización Central de Sindicatos de Indonesia (SOBSI) foi pechada e os seus dirixentes perseguidos. Mais o embaixador estadounidense declaraba á canle ABC-TV, de Nova York, que “a situación está sendo manexada de xeito favorábel”, reflectindo a complicidade do seu país. O maior partido comunista fóra do chamado campo socialista, con 2,5 millóns de afiliados e 12 millóns de membros nas organizacións de base, con forza nas institucións, presenza nos medios e simpatías no exército, foi aniquilado.
Os militares alentaron e arrouparon estas matanzas, nas que participaron activamente sectores de civís organizados. Dicían os partidos de dereita que había que eliminar a semente, para evitar que se reproducise. Dende personalidades achegadas ao exército recoñecíase que tampouco había garantías de que se estivese matando só a comunistas, e ante a insistencia do xornalista en referencia de que se podía estar liquidando asemade a esquerda do Partido Nacionalista, contestaban, que para eles tamén eran comunistas.
Dende as potencias occidentais, asistiuse a este masacre, xenocidio, dende a barreira, sen facer o máis mínimo intento para detelo, como se o feito de ser comunistas fose un crime, xustificación suficiente para o asasinato e pasar páxina. Co xeneral Suharto, que substituíu a Sukarno en 1967, como xefe de Estado complétase o golpe militar, gañando os Estados Unidos un duradeiro aliado estratéxico na rexión. Suharto entregará de novo a explotación petrolífera ás corporacións estranxeiras, que Sukarno nacionalizou en 1965 co apoio do Partido Comunista, afectando os intereses da empresa anglo holandesa Dutch-Shell. O PKI colocouse na disputa chino-soviética da banda de Beijing. Este partido, en relación á liberación nacional do imperialismo, propuña unha fronte ampla con participación obreira, campesiña e de sectores medios, así como da burguesía nacional.
[Galiza, 13 de outubro de 2025]