Francia: a orde republicana de Emmanuel Macron

Jacques Rancière -

O proxecto de imposición do capitalismo absoluto non ten nada de liberal: é un proxecto bélico de destrución de todo canto represente un atranco para a lei do beneficio: fábricas, organizacións obreiras, leis sociais, tradicións de loita obreira e democrática

 Nas últimas semanas, Emmanuel Macron e os seus ministros traspasaron deliberadamente tres liñas vermellas ante as que se detiveron os seus predecesores. En primeiro lugar, impuxeron unha lei que a Cámara non votara e cuxa impopularidade era evidente. Despois deron o seu apoio incondicional ás formas máis violentas de represión policial. Por último, en resposta ás críticas da liga de Dereitos Humanos, insinuaron que as asociacións de interese público podían perder as súas subvencións se expresaban reservas sobre a acción do goberno.

 Evidentemente, a transgresión destas tres liñas vermellas forma un sistema coherente e ofrece unha imaxe bastante precisa da natureza do poder que nos goberna. A primeira sorprendeu indubidabelmente por contraste coa actitude adoptada por Jacques Chirac durante as folgas de 1995 e polo seu ministro Nicolas Sarkozy durante o movemento contra o contrato de emprego xuvenil en 2006. Ningún dos dous tiña unha fibra social moi pronunciada. O primeiro fora elixido cun programa de reconquista da dereita e o segundo declararía ao ano seguinte a súa vontade de poñer os franceses a traballar.

 Con todo, ambos consideraron que non era posíbel aprobar unha lei de modificación do mundo do traballo que era rexeitada masivamente polos propios interesados. Como políticos pola vella, seguían sentíndose constrinxidos por un suxeito chamado pobo: un suxeito vivo que non se reducía ao reconto electoral e cuxa voz, expresada a través da acción sindical, os movementos de masas nas rúas e as reaccións da opinión pública, non podía ser ignorada. Así, en 2006, non se promulgou a lei votada polo Parlamento.

 É evidente que Emmanuel Macron xa non comparte esta inxenuidade. Xa non acredita en que, máis aló do reconto de votos, exista aínda algo así como un pobo do que teña que se preocupar. Marx dicía, con certa exaxeración na súa época, que os Estados e os seus dirixentes non eran outra cousa que os axentes comerciais do capitalismo internacional. Emmanuel Macron é quizais o primeiro xefe de Estado do noso país que verifica exactamente este diagnóstico. Está decidido a aplicar até o final o programa do que é responsábel: a contrarrevolución neoconservadora que, desde Margaret Thatcher, aspira a destruír calquera vestixio do que chamabamos Estado social, así como todas as formas de contrapoder procedentes do mundo do traballo, co fin de asegurar o triunfo dun capitalismo absoluto que somete todas as formas de vida social á única lei do mercado.

 Esta ofensiva recibiu o nome de neoliberalismo, un termo que suscitou todo tipo de confusións e compracencias. De acordo cos seus defensores, pero tamén con moitos dos que cren loitar contra el, esta palabra significa simplemente a aplicación da lei económica do laissez-faire, laissez-passer e a restrición dos poderes do Estado, que agora se limitaría a realizar simples tarefas de xestión, prescindindo de calquera intervención coercitiva na vida pública. Algunhas mentes que se creen perspicaces engaden que esta liberdade de circulación de mercadorías e este liberalismo dun Estado facilitador en lugar de represivo encaixa á perfección cos costumes e a mentalidade de individuos que agora só se preocupan polas súas liberdades individuais.

 Porén, esta fábula do liberalismo permisivo foi desmentida desde o principio polas cargas da policía montada ordenadas en 1984 por Margaret Thatcher na batalla de Orgreave, unha batalla destinada non soamente a impoñer o peche das minas, senón a demostrar aos sindicalistas que non tiñan nada que dicir sobre a organización económica do país. No alternative quere dicir tamén: pechade a boca! O proxecto de imposición do capitalismo absoluto non ten nada de liberal: é un proxecto bélico de destrución de todo canto represente un atranco para a lei do beneficio: fábricas, organizacións obreiras, leis sociais, tradicións de loita obreira e democrática.

 O Estado reducido á súa mínima expresión non é o Estado xerencial, é o Estado policial. O caso de Macron e o seu goberno é exemplar neste sentido. Macron non ten nada que debater nin coa oposición parlamentaria, nin cos sindicatos, nin cos millóns de manifestantes. Non lle importa ser reprobado pola opinión pública. Abóndalle con que o obedezan, e a única forza que lle parece necesaria para iso, a única coa que o seu goberno pode contar en última instancia, é a que ten a misión de obrigar a obedecer, é dicir, a forza policial.

 De aí a transgresión da segunda liña vermella. Os gobernos de dereita que precederon a Emmanuel Macron respectaran, tácita ou explicitamente, dúas regras: a primeira era que a represión policial das manifestacións non debía matar; a segunda, que o goberno era culpábel cando a vontade de impoñer a súa política provocaba a morte de quen se opuña a ela. Esta foi a dobre regra á que se someteu o goberno de Jacques Chirac tras o asasinato en 1986 de Malik Oussekine, golpeado até a morte por unha brigada motorizada durante as manifestacións contra a lei que introducía a selección no ensino superior. Naquel momento non só se disolveron as brigadas motorizadas, senón que se retirou a propia lei.

 É obvio que esta doutrina é cousa do pasado. As brigadas motorizadas, resucitadas para reprimir a revolta dos “chalecos amarelos”, foron resoltamente utilizadas para reprimir os manifestantes en París e en Sainte-Soline, onde unha das vítimas se debate aínda entre a vida e a morte. E, sobre todo, todas as declaracións das autoridades coinciden en sinalar que xa non hai liña vermella: lonxe de ser a proba dos excesos aos que conduce a teima en defender unha reforma impopular, as accións contundentes das BRAV-M [brigades de répression des actions violentes motorisées] son a lexítima defensa da orde republicana, é dicir, da orde gobernamental que quere impor esta reforma a calquera prezo. E quen acode a manifestacións susceptíbeis de dexenerar son os únicos responsábeis dos golpes que poidan levar.

 Por iso é polo que tampouco se tolera xa ningunha crítica á actuación das forzas da orde e que o noso goberno teña a ben traspasar unha terceira liña vermella atacando a unha asociación, a liga de Dereitos Humanos, que os seus predecesores se coidaron de non criticar frontalmente por ser unha asociación cuxo nome simboliza a defensa dos principios do Estado de Dereito, considerados de obrigado cumprimento para calquera goberno de dereita ou de esquerda.

 En efecto, os observadores da liga permitíronse denunciar os atrancos que as forzas da orde puñan para a evacuación dos feridos. Isto abondou para que o noso ministro do Interior, Gérald Darmanin, cuestionase o dereito desta asociación a recibir subvencións públicas. Mais esta non é simplemente a reacción do xefe da policía ás críticas dirixidas contra os seus subordinados. A noosa moi socialista primeira ministra, Élisabeth Borne, puxo os puntos sobre os is: a reacción da liga ante a envergadura da represión policial en Sainte-Soline confirma a actitude antirrepublicana que convertera a esta asociación en cómplice do islamismo radical. Despois de cuestionar a validez de diversas leis restritivas da liberdade individual que proscribían certo tipo de vestimenta ou prohibían cubrir o rostro en lugares públicos, a asociación manifestara efectivamente a súa indignación ante algunhas disposicións da lei para “reforzar os principios da República” que restrinxían de feito a liberdade de asociación. En definitiva, o pecado da liga, como o de todos aqueles e aquelas que se preguntan se a nosa policía respecta efectivamente os dereitos humanos, consiste en non ser unha boa republicana.

 Sería un erro considerar os comentarios de Elisabeth Borne como un argumento circunstancial. En realidade, son o corolario da así chamada filosofía republicana, que é a versión intelectual da revolución neoconservadora cuxo programa económico aplica o seu goberno. Os filósofos “republicanos” advertíronnos moi axiña de que os dereitos humanos, celebrados no seu día en nome da oposición ao totalitarismo, non eran tan bos como parecían, pois de feito servían á causa do inimigo que ameazaba o “vínculo social”: o individualismo democrático de masas que disolvía os grandes valores colectivos en nome dos particularismos.

 Esta invocación do universalismo republicano fronte aos dereitos abusivos dos particulares atopou rapidamente un branco privilexiado: os franceses de confesión musulmá e especialmente esas mozas colexialas que reclamaban o seu dereito a levar a cabeza cuberta na escola. Desenterrouse contra elas un vello valor republicano: o laicismo. Antigamente significaba que o Estado non debía subvencionar o ensino relixioso. Agora que o subvencionaba de feito, o laicismo adquiriu un significado totalmente distinto: empezou a significar a obriga de levar a cabeza descuberta, unha obriga que contraviñan tanto as mozas colexialas que a cubrían con panos como os activistas que levaban carapucha, máscara ou pano nas manifestacións.

 Ao mesmo tempo, un intelectual republicano inventaba o termo de “islamoesquerdismo” para identificar a defensa dos dereitos vulnerados do pobo palestino co terrorismo islamita. Impúxose entón a amálgama entre a reivindicación de dereitos, o radicalismo político, o extremismo relixioso e o terrorismo. En 2006, algúns querían prohibir a expresión das ideas políticas na escola ao mesmo tempo que o uso do pano. En 2010, en cambio, a prohibición de cubrir o rostro no espazo público permitiu asimilar a muller con burka, o manifestante con pano e o terrorista que oculta bombas baixo o seu veo.

 Pero é aos ministros de Emmanuel Macron a quen corresponde o mérito de lograr dous avances na amálgama “republicana”: a gran campaña contra o islamoesquerdismo na Universidade e a lei para “reforzar os principios da República”, que, baixo o pretexto de loitar contra o terrorismo islamita, supedita a autorización das asociacións a “contratos de compromiso republicano” o suficientemente vagos como para que se poidan volver na súa contra. As ameazas contra a liga de Dereitos Humanos inscríbense nesta liña.

 Algúns pensaban que os rigores da disciplina “republicana” estaban reservados ás poboacións musulmás procedentes da inmigración. Agora está claro que se dirixen moito máis amplamente contra todos aqueles e aquelas que se opoñen á orde republicana tal e como o conciben os nosos dirixentes. A ideoloxía “republicana”, que algúns/nhas tentan aínda asociar, mediante malabarismos diversos, a valores universalistas, igualitaristas e feministas non é máis que a ideoloxía oficial da orde policial destinado a garantir o triunfo do capitalismo absoluto.

 É hora de lembrar que en Francia non hai unha, senón dúas tradicións republicanas. Xa en 1848 existía a república dos monárquicos e a república democrática e social, esmagada polos primeiros nas barricadas de xuño de 1848, excluída do voto pola lei electoral de 1850 e logo esmagada de novo pola forza en decembro de 1851. En 1871, foi a República de Versalles a que sumiu a república obreira da Comuna nun baño de sangue. Macron, os seus ministros e os seus ideólogos seguramente non teñan ningunha intención criminal. Mais escolleron claramente a súa república.

 

[Artigo tirado do sitio web CXTX, do 26 de abril de 2023]

Volver