Emprego, inmigración e intelixencia artificial

Manuel Mera -

En pouco tempo, de se manter a dinámica actual, veremos pelexando pobres contra pobres, mais tamén inmigrantes que viñeron antes enfrontados cos que acaban chegar. Procesos que reflicten a realidade das migracións, que se agocha desde os medios de comunicación e institucións que serven ao sistema, dando folgos á concentración e centralización da riqueza e do poder; unha tendencia que a intelixencia artificial vai agravar

Chama a atención que nos medios de comunicación do sistema se divulguen dúas ideas sobre o emprego que son contraditorias, mais que teñen en común que condicionan en gran medida as relacións laborais en beneficio duns maiores ingresos da patronal. Por un lado, afirmase que falta man de obra, polo que os empresarios/as e gobernos, seica para non afectar a actividade económica, alentan a inmigración e mesmo xa contratan nos países de orixe (obviando a alta taxa do desemprego e precariedade en Galiza, nomeadamente entre os inmigrantes e a mocidade). E, ao mesmo tempo, os medios de comunicación pintan expectativas no corto e medio prazo respecto de que se vai perder un inxente número de postos de traballo, como consecuencia da introdución da Intelixencia Artificial e os avances tecnolóxicos. A isto, súmase unha crise de modelo que afecta á Unión Europea, sobre todo ás súas dúas locomotoras, Alemaña e Francia, o que amosa a gravidade do tema en relación coa economía e o emprego. 

 En poucas palabras, todo indica que a entrada masiva de inmigrantes, aos que se suma a inmigración en negro, ten como finalidade aumentar a man de obra de reserva e a fragmentación social, co que todo isto implica como condicionante negativo, tanto respecto da conquista de mellores condicións laborais, como para manter os avances que se lograron até este momento (salario, xornada laboral, vacacións,...) a través de mobilizacións, folgas... Ou sexa, medra a taxa de desemprego real e a precariedade, o que lle dá novas armas moi efectivas á patronal (contratos a tempo parcial, eventuais e en negro). E deste xeito forzar o aumento ao máximo da taxa de beneficio empresarial, fracturando e debilitando a loita obreira. Ao que se suma, en moitos casos, o crecemento da inflación e a competencia da produción exterior (non poucas veces en mans das mesmas empresas que teñen implantación en Galiza, entre outras razóns grazas a unha grande man de obra de reserva, que se busca teña un carácter universal, así como custos inferiores mediante a depreciación da moeda en orixe...).

 Daquela, a importancia de desenvolver a curto e medio prazo medidas que regulen o fluxo migratorio, tendo en conta as taxas de desemprego, os fixos/as descontinuos e a contratación en negro, a emigración... Medidas que busquen integrar os/as inmigrantes a todos os niveis (tanto nas condicións laborais, como na cultura e lingua do país). Nesta cuestión non é un dato menor o avellentamento da poboación autóctona pola baixa natalidade (malos contratos e baixos salarios, alto prezo da vivenda, moita mobilidade... emigración da mocidade), e que non se tomen medidas desde o Goberno central e mais a Xunta de Galiza para reverter o proceso, con condicións laborais dignas e xustas. Respecto da migración hai datos que non se poden ignorar, máxime cando se pretende pintar o problema e a súa dinámica actual como a solución definitiva, tanto para os/as galegos como para os/as inmigrantes. Segundo un estudo de AROPE, para o Estado español, no ano 2023 un 35,2% daqueles inmigrantes que viñan da Unión Europea estaban en risco de pobreza, porcentaxe que subía ao 60,4% cando se trataba de persoas que chegaban doutros países do mundo. O triste é que en pouco tempo, de se manter a dinámica actual, veremos pelexando pobres contra pobres, mais tamén inmigrantes que viñeron antes enfrontados cos que acaban chegar (ollemos a situación actual de Suecia, que se presentaba como un exemplo hai dúas décadas).

 Son datos e procesos que reflicten a realidade das migracións, que se agocha desde os medios de comunicación e institucións que serven ao sistema, dando folgos á concentración e centralización da riqueza e do poder; unha tendencia que a intelixencia artificial vai agravar. Por certo, nunha sociedade cada vez máis privatizada, como unha repetición serodia e nefasta do peor da baixa Idade Media. Para impedilo cómpre que se regulen os fluxos migratorios e unhas condicións laborais xustas; eliminando a explotación capitalista e conquistando a plena soberanía nacional para as nacións dependentes (como é o caso de Galiza).

 

[Galiza, 18 de novembro de 2025]

Volver