Cuba, Galiza e a revolución

Manuel Mera -

Malia as eivas e as dificultades do momento, non por iso deixan de estar vixentes os alicerces da revolución, e ben merece a pena manter no posíbel as súas conquistas, que non son poucas. E sobre todo: que sexa a xente do país a que decida o que queren ser

 O oito de xaneiro de 1959 os guerrilleiros da “Sierra Maestra”, como popularmente se lles coñecía, fixeron a súa entrada na Habana. A. Núñez Giménez, cronista de En marcha con Fidel relata deste xeito ese intre: “Xunto ao Che Guevara (...) os nosos ollos están chantados na Avenida do Porto, por onde avanza a “Columna Uno José Martí”, á fronte da mesma, sobre un yip, o Comandante en Xefe, Fidel Castro recibe a homenaxe delirante do pobo”. Estes feitos acontecen dous anos despois de ter desembarcado o 2 de decembro de 1956 na Colorada, na provincia de Oriente, de 82 expedicionarios que viaxaron ao bordo do Granma. Só doce sobrevirán despois dos primeiros choques co exército de Fulgencio Batista. Este pequeno grupo será o miolo das forzas armadas revolucionarias e alicerce dun amplo movemento social, que derrotou un dos réximes máis sanguinarios de América Latina e submisos co imperialismo estadounidense.

 Estes mozos atrevidos non saíron da nada, non foi unha arroutada, nin o espontaneísmo militarista que algúns quixeron ver e remedar despois mediante a represión. Non!... eran a consecuencia dun contexto de gran represión e un forte movemento de contestación social á ditadura. Xa o 26 de xullo de 1953, Fidel Castro e un grupo de revolucionarios intentaron tomar por asalto o Cuartel da Moncada, en Santiago de Cuba. Foron detidos e procesados. Mesmo cando desembarcan no oriente da illa, estaba preparada unha insurrección, que foi abortada, e morto o seu principal dirixente Frank Pais (fillo de galegos de Marín). Desde este intre, todos os ollos progresistas de América Latina (e de moitas outras partes do mundo) tornaron a súa mirada sobre Cuba, e os barbudos guerrilleiros foron a representación da ilusión das mudanzas profundas, que as grandes maiorías desexaban e necesitaban.

 Para os galegos e galegas de Bos Aires, onde eu vivía daquela, a revolución cubana nos lles pasou inadvertida. Para eles/as cun fillo de galegos/as, ou sexa un galego! fixera unha revolución triunfante era un orgullo. Mesmo a algúns non lles importaba que fose de dereita ou de esquerda, senón o vencello coa Nosa Terra, xa que isto amosaba que eramos un pobo capaz de realizar tarefas e proxectos semellantes ás de calquera outra nación... que non só valiamos para traballar duramente. Mais criticaban que a revolución confiscara o Centro Galego da Habana, construído co esforzo dos emigrados. Sumaban no positivo: que unha gran parte dos cubanos eran descendentes de galegos/as; que desde alí moitos paisanos/as retornaron con ideas transformadoras e capitais para desenvolver a atrasada economía de Galiza; que había un forte movemento galeguista na illa; e que de Cuba saíu a necesaria axuda para facer centos de escolas, aínda nos recunchos máis afastados do rural galego.

 Unha maioría dos/as emigrantes galegos apoiaron a Revolución, salientando na oposición a Batista e na “resistencia cívica”. Destacando figuras como os irmáns Ameijeiras, o Comandante Piñeiro, os irmáns Díaz, Dora Carcaño, Roberto Ogando, María Araújo, Xan Martínez López, etc. Despois, coa socialización, a colectividade fragmentouse algo, houbo quen puxo por diante a situación económica persoal, en lugar do proxecto colectivo...

 Hoxe Cuba pasa por unha situación difícil. Hai quen fala de fracaso socialista, de erros, de posturas dogmáticas. Tamén hai quen pensa que a revolución foi traizoada nos últimos anos pola penetración capitalista, e outros que nunca se superou a gran dependencia da URSS... porén, non se pode esquecer que a meta era construír unha sociedade máis xusta e defender a soberanía nacional, nun contexto internacional distinto. Non se pode obviar o bloqueo dos Estados Unidos, polo que a caída da URSS foi un gran golpe, ao que se suma a perda de peso da esquerda no mundo na última década, e as grandes modificacións na economía, ámbito militar, novas tecnoloxías, etc. Malia todas estas eivas e as dificultades do momento, non por iso deixan de estar vixentes os alicerces da revolución, e ben merece a pena manter no posíbel as súas conquistas, que non son poucas. E sobre todo: que sexa a xente do país a que decida o que queren ser!, sen a presión abafante e constante que padece a illa, xerada polo gran capital e o imperialismo de Estados Unidos e aliados. Ademais, non se pode esquecer a solidariedade do pobo cubano con moitos países durante décadas, especialmente en África e América Latina (no ano 2005 máis de 25.000 médicos/as cumprían misións humanitarias en 64 países, malia a presión de Washington... que vai a máis).

 

[Galiza, 18 de marzo de 2026]

Volver