Cuba e a lección de negociar co lobo

José Carlos Vinasco -

Cuba está a demostrar que os revolucionarios non lle temen ao diálogo. Negocian cando as condicións o esixen, pero non se entregan. A diferenza con outros casos non está na mesa de diálogo, senón no que ocorre antes de sentar a ela

 O 13 de marzo de 2026, o presidente cubano Miguel Díaz-Canel compareceu ante os máximos dirixentes da illa, na sede do Comité Central do Partido Comunista, co respaldo explícito de Raúl Castro como líder histórico da Revolución. E confirmou o que até daquela fora obxecto de especulacións: funcionarios cubanos e estadounidenses están a conversar.

 Non é un xesto menor. É unha decisión colexiada, tomada coa máxima institucionalidade, non unha ocorrencia persoal. E acontece no momento máis crítico para a rexión en décadas: Irán bombardeado, Venezuela saqueada e agredida, Maduro secuestrado en Brooklyn, e o imperio anunciando desde Miami o «Escudo das Américas» para intervir militarmente na rexión.

O que di Díaz-Canel: clareza e condicións

 O presidente cubano foi preciso nas súas declaracións. As conversacións con Estados Unidos buscan catro obxectivos:

  1. Identificar os problemas bilaterais que necesitan solución.
  2. Atopar solucións a eses problemas.
  3. Determinar a disposición de ambas as partes a concretar accións en beneficio dos pobos.
  4. Identificar áreas de cooperación para enfrontar ameazas e garantir a seguridade e a paz de ambas as nacións e da rexión.

 Pero o máis importante non é o que, senón o como. Díaz-Canel fixou condicións claras:

  • Igualdade entre as partes.
  • Respecto aos sistemas políticos de ambos os Estados.
  • Soberanía e autodeterminación dos gobernos.
  • Reciprocidade e apego ao dereito Internacional.

 Isto non é unha rendición. É unha posición de principios. Cuba non está a negociar o seu sistema, nin a súa revolución, nin a súa independencia. Está a explorar canles para resolver diferenzas, sen renunciar a nada esencial. E faino desde a unidade: respaldo explícito de Raúl Castro, do Partido, do Estado. Non hai fendas.

O contexto da negociación

 Non podemos analizar isto sen entender a situación concreta que enfronta a illa. A presión imperial intensificouse:

 O 29 de xaneiro, Trump autorizou aranceis a países que vendan petróleo a Cuba. Desde aquela. segundo o propio Díaz-Canel, «non entrou combustíbel a Cuba en tres meses». A illa produce apenas un terzo do cru que necesita, e tras o secuestro de Maduro o 3 de xaneiro, interrompeuse o fornecemento venezolano, profundando a crise enerxética.

 Esta é a realidade: un país bloqueado durante seis décadas, asfixiado economicamente, e agora enfrontando unha emerxencia enerxética sen precedentes. Nesas condicións, calquera dirixente responsable exploraría vías de diálogo.

 Mais hai unha diferenza crucial con outros casos que vimos na rexión: Cuba non entregou nada aínda. Non hai reformas legais de última hora, non hai entrega de recursos estratéxicos, non hai liberación de presos exixidos por Washington. Hai exploración, non capitulación.

O paradoxo do botín: petróleo sen mercado

 E aquí chegamos ao momento que cambia toda a perspectiva. O que descubrimos nestes días é dunha magnitude estratéxica impresionante.

 Con aire de vencedor, Trump anunciara que o petróleo venezolano baixo control estadounidense llo vendería a Rusia e a China. Pero resulta que Rusia e China se negan a mercarllo. E non é un detalle menor: é o centro de toda a xogada.

 Os feitos son contundentes. As importacións chinesas de petróleo venezolano, que en 2025 eran de preto de 400.000 barrís diarios, caeron. En febreiro de 2026, as exportacións a Asia diminuíron un 67% respecto de xaneiro, situándose en apenas 48.000 barrís diarios.

 China deu instrucións aos seus operadores para que non adquiran cru venezolano baixo control estadounidense. Os envíos que antes cubrían a débeda de 15.000 millóns de dólares que Venezuela mantén con Pequín simplemente se detiveron.

 O máis revelador é que hai uns 40 millóns de barrís de cru sancionado —de Rusia, Irán e Venezuela— aboiando en buques fronte ás costas de China, a esperar. Ese petróleo está aí, inmóbil, como un exército de barcos pantasmas que ninguén descarga.

 China ten reservas estratéxicas calculadas en 1.200 ou 1.300 millóns de barrís, suficientes para catro meses de importacións. Pode esperar. O que non pode esperar é o imperio, que necesita vender para que o botín non se converta en lastre.

 Trump prometeu 100.000 millóns de dólares en investimentos de grandes petroleiras, mais as empresas non se lanzan. ExxonMobil di que Venezuela é «non investíbel». As trading houses Trafigura e Vitol tomaron a dianteira, pero a súa capacidade é limitada. E entrementres, os barcos cargados de cru navegan cara a Houston, cara ás costas de Estados Unidos… e quedan alí, estancados.

 É unha imaxe poderosa: os barcos aboiando cara a Estados Unidos, e logo deixarán de aboiar porque quedarán alí estancados. A crueza da realidade detén o cru. O imperio ten o botín, pero non ten mercado. E na lóxica do capital, un produto sen mercado é un produto morto.

 Isto abre unha posibilidade estratéxica que non podemos ignorar. Se nalgún momento a dirección política venezolana —empurrada polo pobo, pola presión dos aliados, polo simple feito que o petróleo non se está vendendo— decidise romper o acordo e redirixir o cru a China ou Rusia por canles alternativas, o castelo de naipes viría abaixo.

A xogada estratéxica de China e Rusia

 E aquí cómpre deterse en algo que moitos non ven. Os que din que Rusia e China non fan nada por América Latina erran. Non comprar o cru venezolano administrado por Washington é unha xogada estratéxica a favor dos pobos da Nosa América.

 E se isto fan con Venezuela sen o ruído das bombas, sen titulares rimbombantes, sen ameazas nin despregamentos militares, é máis estratéxico e máis contundente que calquera acción no campo de batalla convencional.

 China e Rusia contraatacaron cunha resistencia silenciosa pero efectiva. Ao negárense a mercar petróleo venezolano baixo control estadounidense, están a estrangular o imperio co seu propio botín. Os barcos aboian, o petróleo acumúlase e o tempo corre en contra de Washington.

 Se isto están a facer a favor de Venezuela, entón podemos pensar que respecto de Cuba tampouco non están quietos. Mantiveron un alto nivel de solidariedade co pobo e o goberno revolucionario da Illa desde os tempos da Unión Soviética. Rusia foi un baluarte indispensábel que nunca deixou de apoiar a Cuba, e isto a pesar da caída da Unión Soviética por parte dunha minoría de bandidos que usurpou o poder e tentou reverter o socialismo cara ao capitalismo máis cru. Hoxe, a Federación Rusa continúa apoiando a Cuba, tamén a Venezuela, e nada indica que estean quietos e pasivos ante estas circunstancias.

Venezuela: entre a capitulación e o repregamento

 E aquí debemos falar de Venezuela co coidado que exixe a situación. Porque vimos feitos preocupantes: entrega de petróleo, reforma da Lei de Hidrocarburos, liberación de máis de 600 presos políticos esixidos por Trump, visitas de enviados estadounidenses recibidas con honras.

 Pero tamén escoitamos a Diosdado Cabello dicir: «Silvia non se entregou. Se están a dicir todo isto dela é porque non a coñecen». Máis aló da anécdota, esa declaración lémbranos algo fundamental: no medio da treboada, hai forzas que resisten, hai sectores que non se renderon.

 O pobo venezolano está expectante. As protestas non son só pola liberdade de Maduro; hai sectores de traballadores que saíron a pedir aumento de salarios. A súa pregunta é simple e directa: «Se nos dixeron que o petróleo era noso, e agora lévano os gringos, onde queda o noso salario?». Isto pode xerar conflitos internos, pero non son necesariamente conflitos contrarrevolucionarios. Son a expresión dun pobo que non perdeu o norte, que sabe que a riqueza do seu país debe servirlle a el, non ao imperio.

 A fronteira entre a capitulación e o repregamento táctico non é clara. É probábel que aquí haxa menos capitulación do que parece e máis repregamento estratéxico do que cremos. Non o sabemos. Pero por iso mesmo mantemos o principio de dúbida razoábel que nos guiou até o de agora. Non afirmamos traizón, non selamos xuízos definitivos. Observamos, analizamos e deixamos aberta a posibilidade de que as cousas muden.

 E hai un dato que pode inclinar a balanza: se Venezuela entregou 80 millóns de barrís de cru aos Estados Unidos, e os Estados Unidos non poden facer nada con ese cru porque non teñen mercado, iso leva xa implícito o selo dunha vitoria.

 O que non sabemos é se isto foi algo consciente e planeado, unha xogada da dirección política venezolana para meter o imperio nun beco sen saída, ou se é algo que está a ocorrer independentemente da súa vontade. Mais así están as cousas. E isto pode contribuír a dar unha viraxe. Porque os pobos poden ser derrotados nun momento dado, pero esa derrota sempre é efémera.

O que vén: preguntas abertas

 Díaz-Canel foi coidadoso: dixo que os acordos aínda están «afastados». Non hai resultados, hai exploración. Pero xa podemos formular algunhas preguntas para seguir observando:

  1. Busca Cuba simplemente aliviar a presión enerxética, ou hai un obxectivo político máis profundo? O que está en xogo non é soamente o asunto enerxético senón a revolución mesma. Poderiamos dicir respecto diso que a solución do problema enerxético cubano, froito do bloqueo, non está en cuestión só para aliviar a situación de Cuba, senón tamén para manter a revolución en mans do pobo. Os revolucionarios cubanos non perderon de vista o seu obxectivo fundamental.
  2. Até onde está disposto a chegar Trump? Usará estas conversas para desestabilizar ou para lograr algún obxectivo concreto? A experiencia está a demostrarnos que os imperialistas que falan de resolución de conflitos queren que esa resolución sexa a favor exclusivo deles, polo cal as liñas establecidas por Díaz-Canel para as negociacións en calquera evento poden ser botadas a un lado pola administración Trump. Esta administración busca soamente dicirlle ao mundo que triunfou sobre Cuba e que Cuba se rendeu.
  3. Como impactará isto na relación de Cuba con Venezuela, Nicaragua e os aliados históricos? Se se obtén un resultado favorábel para a revolución cubana, o impacto sería favorábel para os aliados históricos de Cuba na rexión. Pero os aliados non poden depender destas negociacións. Do mesmo xeito, todos deben prepararse para unha guerra prolongada, que é unha guerra de todo o pobo contra o imperialismo.
  4. Podería ser este un modelo para outros países da rexión que enfrontan presións similares? A resposta a esta pregunta dependerá de como evolucione o proceso. Se Cuba logra sortear a treboada sen ceder o fundamental, o seu exemplo será unha escola para toda a Nosa América.

 E unha pregunta máis, que nos toca directamente como revolucionarios: cal é a liña que separa a negociación táctica da capitulación? Porque se algo nos aprenda Cuba é que non está no feito de falar co imperio, senón en desde onde se fala, con que condicións, e que se está disposto a ceder.

Conclusión provisional

 Cuba está a demostrar que os revolucionarios non lle temen ao diálogo. Negocian cando as condicións o exixen, pero non se entregan. A diferenza con outros casos non está na mesa de diálogo, senón no que ocorre antes de sentar a ela.

 En Venezuela, as concesións chegaron primeiro. O petróleo fluíu, as leis cambiaron, os presos foron liberados. Logo viñeron as conversas. En Cuba, primeiro están as conversas. As concesións, se chegan, serán despois e con condicións.

 E hai un elemento novo que antes non tiñamos: China e Rusia contraatacaron cunha resistencia silenciosa pero efectiva. Ao negárense a comprar o petróleo venezolano baixo control estadounidense, están a estrangular ao imperio co seu propio botín. Os barcos aboian, o petróleo acumúlase e o tempo corre en contra de Washington.

 A historia xulgará. Pero, entrementres, sigamos observando cos ollos ben abertos. Aplicando o principio de dúbida razoábel. E mantendo a certeza de que os pobos, cando non se renden, terminan gañando.

 Porque os pobos poden ser derrotados nun momento dado, pero esa derrota sempre é efémera. O que permanece é a dignidade. O que permanece é a loita. O que permanece é a certeza de que outro mundo é posíbel, e que será construído polos de abaixo, con ou sen as súas direccións políticas.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 15 de marzo de 2026]

Volver