Convocada folga indefinida no CTA de Lavacolla a partir do día 3 de decembro

O persoal xa non atura seguir traballando en condicións insalubres

Compostela -

A CIG e a CGT veñen de anunciar a convocatoria de folga indefinida en Correos, no CTA de Lavacolla para exixir unhas condicións dignas. Desde hai semanas o persoal vén denunciando as condicións insalubre na que teñen que desenvolver o seu traballo, por mor da folga indefinida no servizo de limpeza. Unha situación que a esta altura xa consideran insostible.

Segundo explica a delegada da CIG Ana Pintos, o servizo de prevención de riscos de Correos hai xa un mes que advertía do estado no que se atopaban as instalacións do CTA de Lavacolla. “Daquela afirmaba que o risco era moderado, pero non descartaban que chegara a ser grave e que mesmo tiveran que pechar as instalacións”.

Malia isto, Pintos afirma que “non fixeron nada ao respecto, non solucionaron o conflito que teñen coa limpeza nin adoptaron ningunha medida dados os riscos que hai agora mesmo e aos que estamos sometidas as persoas que traballamos alí”.

Tras do tempo transcorrido desde aquel informe, a delegada da CIG asegura que, na actualidade, a situación empeorou, até o punto de que o persoal considera que “é grave como estamos no centro de traballo” porque “corre risco a nosa saúde”. Un risco biolóxico que xa estaba constatado e fronte ao que non se adoptou medida algunha.

Durante este período, presentáronse denuncias en Inspección de Traballo, na delegación do goberno e pediron a tutela. “Chamamos a todas as portas, pero ninguén move nada así que para nós esta é a única das accións que nos quedan por facer”.

Volver