Persoal de Correos da unidade do Polígono da Costa Vella mobilízase polo pago das retribucións pendentes

Denuncian que Correos debe o pagamento pendente do aumento das retribucións por aportación de vehículo propio

Compostela -

Traballadores e traballadoras e representantes de CIG-Correos concentráronse esta mañá diante das instalacións de Correos de Costa Vella, onde se atopa a Unidade de Reparto nº 2 de Santiago, para demandar o pagamento pendente do aumento das retribucións por aportación de vehículo propio para facer o reparto de correspondencia.

Desde o pasado mes de xullo, o Goberno acordou subir a indemnización por aportación de vehículo dende os 0.19 cts até 0.26 cts. Porén, malia o tempo transcorrido, Correos nin actualizou este concepto nas nóminas do persoal afectado, nin tampouco pagou os atrasos desde xullo, o que supón un quebranto económico moi importante para a economía deste colectivo.

O persoal considera, en todo caso, que o incremento “é insuficiente e non chega para o mantemento do vehículo e telo a disposición de Correos para facer o reparto no ámbito rural, xa que esta suba non absorbe o custo real do mantemento do vehículo”.

Lembran que no ano 2005, despois de varias mobilizacións de CIG-Correos, incluído un peche de 15 días nas dependencias de Correos na rúa do Franco, conseguírase un aumento para este colectivo de Correos de 0.19 cts a 0.23 cts por km.

Porén, logo da suba aprobada polo Goberno, Correos e os sindicatos asinantes do actual convenio colectivo ( CCOO,UGT, CSIF e Sindicato Libre) acordaron non facer extensiva esta suba adicional ao persoal de Correos.

Por iso denuncian que están a sufrir unha perda, porque quedou o incremento igual que no resto da función pública, cando “é unha realidade palpábel que o desgaste que sofren os vehículos no ámbito rural facendo o reparto de correspondencia é moito maior, con moitas mais avarías e cun maior consumo debido tanto ao estado das vías de comunicación, como ás múltiples paradas e arrincadas que teñen que facer para servir a todas as vivendas e usuarios da zona rural”. 

Vehículos entregados por Correos

Asemade, denuncian que hai moitos traballadores e traballadoras que levan agardando máis de 2 anos por vehículos aportados por Correos para o ámbito rural e non ter que aportar eles o seu propio vehículo.

A pesar da insistencia da CIG-Correos para que se entreguen canto antes os vehículos a todas e todos aqueles traballadores que así o desexan, aseguran que “Correos fai oídos xordos e non atende a maioría das peticións”, polo que o cadro de persoal ten que seguir soportando a perda de cartos cada mes por ter que aportar o seu propio vehículo, xa que a cantidade que paga non compensa para o consumo e o mantemento do vehículo ( rodas, aceites, seguros).

Volver