CIG-Correos exixe unha inmediata solución do conflito de limpeza para que se garanta a salubridade dos centros de traballo

Traballadoras/es concentráronse a primeira hora desta mañá diante da oficina principal en Compostela

Compostela -

Persoal de Correos concentrouse a primeira hora desta mañá diante das dependencias da oficina principal, na rúa do Franco, en Compostela, para exixir que se solucione, de forma urxente, o conflito que desde hai semanas afecta ao servizo de limpeza. Denuncian a falta de salubridade dos centros de traballo de toda Galiza, o que repercute nas condicións nas que se está desenvolvendo o traballo diario.

Segundo explica Manuel Anxo Álvarez Amado, secretario de Organización de CIG-Correos, nalgúns centros de traballo o persoal ten mesmo que desenvolver a súa actividade con tapa bocas e ir provisto de repelentes contra insectos dada a suciedade acumulada. “O mesmo ocorre nos baños que hai semanas que nin podemos usar debido á falta de hixiene e o cheiro que hai”, afirma.

Por iso advirte que, se nas próximas xornadas non se resolve este conflito se presentarán as pertinentes denuncias perante as autoridades laborais e sanitarias para pedir o peche dos centros de traballo afectados, que son practicamente todos, dadas as condicións nas que se atopan.

Folga de limpeza

O persoal de limpeza leva máis de tres meses sen cobrar e este mesmo sábado acordou, en asemblea, continuar a folga indefinida, como mínimo durante un mes máis. Desde a CIG-Correos explican que “este problema xa se vía vir, dados os antecedentes da empresa adxudicataria”. Álvarez Amado apunta que para o sindicato “é moi grave que esta situación persista, pero moito máis grave é que Correos nin sequera atenda as súas demandas”.

Lembra que este servizo foi contratado por Correos e que todo indica que foi adxudicado a unha empresa que presentou unha proposta á baixa temeraria. Subliña que o contrato especifica que ten que realizar o servizo de limpeza e que non o está facendo. Por iso considera que Correos non pode mirar para outro lado desentendéndose da gravísima situación laboral que padece o persoal do servizo.

O propio servizo de prevención de riscos laborais de Correos emitiu, o pasado día 3 de outubro, un informe, no que considera que a curto prazo os actuais riscos existentes poden pasar a “ser considerados  como Risco Grave e inminente conforme o artigo 21 da Lei 31/1995, paralizándose automaticamente a actividade e notificando a situación á autoridade laboral”, subliña o representante da CIG.

Volver