O persoal de limpeza de Correos reclama o cese da cúpula da Sociedade Estatal

Acusan á dirección de “neglixencia” por ter permitido que se contratara unha empresa insolvente para asumir o servizo

Nacional -

O presidente de comité de folga do servizo de limpeza de Correos, concesionado a SCT (JCórdoba), Óscar Iglesias, compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado dos representantes sindicais para denunciar o papel de Correos no conflito que, desde hai meses, teñen coa empresa e demandar o cese da dirección da sociedade estatal. O persoal, en folga desde hai dous meses e sen cobrar desde o principio do verán, sofre, a esta altura, todo tipo de problemas físicos, psicolóxicos e económicos e demanda unha inmediata solución.

O propio presidente do comité de folga recoñeceu, ao inicio da súa intervención, que se atopa en tratamento farmacolóxico e psicolóxico por mor dunha situación que cualificou como “insostíbel” para el, mais tamén para o resto de compañeiros e compañeiras.

Insostíbel porque, como afirmou, “todo o cadro de persoal empeza a ter serios problemas económicos”, entre os que apuntou impago de recibos, cortes de auga, luz, gas e “compañeiros e compañeiras que teñen que acudir a Cáritas por non poder realizar a compra no supermercado”. Mesmo traballadores e traballadoras que “están perdendo as súas casas por non ser quen de pagar alugueres ou hipotecas”.

Unha situación que, lamentou, está a provocar que “esteamos contraendo débedas cos bancos ou con familiares” o que, a súa vez, está derivando en problemas médicos con “toma de ansiolíticos, falta de sono, ataques de ansiedade, subas de tensión” e que é tanto máis grave canto que, como sinalaron tanto el como o representante da CIG, Xavier Torea, é consecuencia da actitude “neglixente” dun ente público: a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos S.A.

Responsabilidade de Correos

Así, Iglesias fixo un percorrido por un conflito que xa é longo de máis e que se foi deixando pasar, malia os múltiples intentos de advertir a Correos da situación que se aveciñaba. SCT (Limpezas J Córdona), subcontrata da limpeza de Correos entrou en Galiza o 4 de febreiro deste ano. Noutras provincias -hai un total de 17 afectadas en todo o Estado- fíxoo en decembro. “E xa entra mal”, explicou, porque, entre outras cuestións, “non fai entrega de EPIs e materiais en tempo e forma, somos os ristaleiros-condutores os que nos temos que desprazar a Elche a buscar os nosos vehículos ou carecían dun plan de Igualdade”.

Empezan con retrasos nos abonamentos das nóminas, pagando os días 6, 9 e mesmo o 10, pero xa no mes de maio non pagan a nómina até o día 20 de xuño e xuño arredor do 10 de xullo. “A partir de aí empézanse a producir os impagos e neste momento adebedan xullo, a paga extra, agosto, setembro e outubro, 4 meses xa”.

Mobilizacións sen resposta

O 4 de setembro comeza en Galiza a folga indefinida, despois de se iniciar en Navarra o 28 de agosto con concentracións semanais, manifestacións, paralización do transporte de Correos en 2 ocasións, sen que ninguén os escoitara. Por iso o presidente do comité de folga denuncia que se atopan “totalmente desamparados, desprotexidos, chamamos a numerosas portas, o noso problema chegou ao Parlamento galego, mesmo ao Congreso dos Deputados, sen obter resposta algunha”.

A situación é de tal gravidade que o pasado martes día 31 de outubro, os membros do comité tratraron de entrar no CTA Lavacolla de Santiago e negóuselles a entrada afirmando que “xa non formamos parte da empresa”.

Vulneración do dereito á folga

Transcorridos dous meses desde o inicio da folga, as oficinas de Correos acumulan bolsas de lixo amoreadas en rincóns ou en carros, papeleiras a rebosar, papel para secar as mans e tickets de atención esparexidos polo chan ou aseos e vestiarios precintados. O ambiente é tan insalubre que xa hai persoal de Correos que acode a traballar con máscara, polo cheiro insoportable e insectos e cascudas proliferan pola suciedade.

Diante desta situación, e segundo denunciou Xavier Torea, Correos, empresa pública, no canto de buscar unha inmediata solución ao conflito, o que fixo foi contratar un servizo de limpeza, vulnerando así o dereito a folga destas traballadoras e traballadores, para so que esta é xa a única ferramenta que lles queda para exixir que se lles pague polo seu traballo. Vulneración dun dereito fundamental que a CIG xa ten denunciado.

Unha actitude agravada polo feito de que se produce malia os numerosos intentos de diálogo do persoal coa Sociedade Estatal. “Nin negociación, nin información, non por parte de SCT, nin por parte de Correos”, asegurou Iglesias.

O presidente do comité apuntou que moito do persoal xa ten denunciado, pero “empezan a saír os SMACs ou conciliacións e non se presenta ninguén”. Por iso augura que o seguinte paso será xa a vía xudicial e clama contra unha situación incomprensíbel. “Non é posíbel que nun contrato público que move máis de 30 millóns de euros, os traballadores e traballadoras esteamos sen cobrar, mentres Correos suponse que si está pagando a STC”.

Nova licitación

Entre mentres, Correos sacou no mes de outubro dúas licitacións negociadas sen publicidade. Unha de 31 millóns de euros e a segunda de 50.800.000 euros, que rematou o 25 de outubro. Segundo Iglesias, parece que ambas quedaron desertas porque as empresas “din que falta presuposto, que non dan as contas”, ao seu entender porque ningunha empresa vai querer asumir a débeda que ten JCórdoba co persoal.

Así as cousas, a única noticia que tiveron até o de agora da Sociedade Estatal foi en forma de pequeno comunicado no que se informaba de que o Consello de Administración que estaba previsto para hoxe, precisamente para tratar desta cuestión, posponse para o luns.

Por iso reclaman, por unha banda, que se cese á actual dirección de Correos e, pola outra, a internalización do servizo, para que este deixe de estar en mans de “empresas piratas que só buscan sacar o maior beneficio dos cartos públicos, a custo de precarizar as condicións laborais das traballadoras e traballadores. “Somos traballadoras e traballadores de Correos, aínda que esteamos nunha subcontrata, e grazas ao noso traballo é posíbel que todos os centros presenten as condicións necesarias para a toda a cidadanía, así como para o persoal de Correos”, concluíu Oscar Iglesias.

Volver