As traballadoras da limpeza tiran as fregonas e lánzanlle un recado á patronal: se non asinades, non limpamos

Lugo -

As traballadoras da limpeza encaran a súa segunda semana en folga indefinida cos ánimos intactos e a firme disposición a pelexar para conseguir un convenio digno. Fronte ás pretensións de deixar o convenio por debaixo do SMI e o absoluto inmobilismo da patronal, as traballadoras continúan cos piquetes e as mobilizacións diarias para visibilizar as reivindicacións dun colectivo esencial, louvado durante a pandemia e agora esquecido.

Así, na xornada deste luns, o persoal realizou unha protesta diante da casa do Concello de Lugo na que cantaron cancións alusivas ás súas reivindicacións e á miserenta oferta da patronal e que culminaron tirando ao chan unha das súas ferramentas de traballo máis emblemáticas: a fregona. Con este xeito quixeron lanzarlle unha mensaxe  clara á patronal: "se non firmades non limpamos".

"Este é un dos convenios máis baixos de toda Galiza. O salario anual dunha limpadora está 1800 euros por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional , e ademais este é un sector altamente feminizado e con moita parcialidade, o que agrava a precariedade", explica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos. Lembra que as traballadoras levan un ano reclamando un convenio digno pero o que propón a patronal "suporía deixalo por debaixo do SMI e iso non o imos aceptar de ningunha maneira".

Malia que a folga entrou hoxe na súa segunda semana e que os seus efectos xa se están notando en moitas dependencais públicas, industrias, oficinas, comercios etc., a patronal, nomeadamente a asociación estatal ASPEL, ten paralizadas as negociacións, sen convocar a mesa nin dar resposta á proposta da parte social. Por iso, Castiñeira tamén fai un chamamento ás administracións (como contratistas principais destes servizos) para que actúen con responsabilidade ante o conflito.  

Nesta liña, volve solicitar a solidariedade das traballadoras e traballadores que se poidan ver afectados pola folga e que non asuman unhas tarefas de limpeza que non lle corresponden "porque con isto o único que están facendo é vulnerar o dereito fundamental das compañeiras, que levan unha semana en folga perdendo o seu salario para sacar adiante este convenio".

Castiñera subliña que a folga indefinida proseguirá adiante "porque estamos convencidas de que só coa loita e a mobilización de todo o sector conseguiremos un convenio digno".

Caravana de vehículos

Ao remate da concentración anunciouse que para a xornada de mañá, martes 24, haberá unha caravana de vehículos por toda a cidade que sairá ás 11:30h de diante do edificio sindical na Ronda da Muralla.

Volver