As traballadoras da limpeza claman por un convenio digno fronte ás propostas de miseria da patronal

Lugo -

As traballadoras da limpeza, que están en folga indefinida dende o 16 de outubro, manifestáronse este sábado para reclamar un convenio digno fronte ás propostas de miseria da patronal e o bloqueo das negociacións. A marcha, na que participaron compañeiras e compañeiros doutras provinciais e da que se descolgaron CCOO e UGT, saíu pasado o mediodía da Casa Sindical e percorreu o centro de Lugo até rematar na sede da Confederación de Empresarios/as, onde se advertiu que o sector non vai recuar até conseguir unhas condicións xustas.

Con esta mobilización, as traballadoras dan continuidade ao intenso calendario de mobilizacións que están a realizar dende o inicio do paro indefinido. A súa loita é un exemplo de forza e determinación fronte ás tentativas da patronal de debilitar as demandas sociais pola vía da pasividade.

Non hai que perder de vista que malia o impacto que a folga está a ter, sobre todo en colexios e edificios públicos, ASPEL, a patronal estatal que agrupa ás empresas máis potentes do sector, mantivo un teimudo silencio e non convocou a comisión negociadora até o 10 de novembro; é dicir, cando as traballadoras xa levarán catro semanas en folga.

Por iso, na manifestación deste sábado estas incansábeis loitadoras advertíronlle á patronal que “estamos aquí para visibilizar a situación de precariedade das nosas condicións laborais, mais tamén para amosarlle á patronal que co persoal da limpeza non van poder”.

Ademais das cancións inventadas por elas que xa son un himno de loita, e das fregonas coas que adoitan acompañar as súas protestas, hoxe tamén levaron cartaces coas caras dalgúns dos empresarios que controlan o sector para sinalar aos responsábeis da súa precariedade. “Que non pensen estes señores, por moito que estean ao quente da calefacción en grandes torres en Madrid,  que van a dobregar ás limpadoras de Lugo”, aseveraron.  

Traballo feminizado, traballo precario

Neste mes de novembro, cando se conmemora o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, as traballadoras denunciaron que ter un convenio colectivo “cunhas condicións laborais de absoluta precariedade marcado polo alto índice de parcialidade na xornada, salarios baixos e no que o 95% do persoal somos mulleres, tamén é violencia contra as mulleres”.

Relacionaron esta elevada feminización do sector coas condicións de precariedade que padecen, en contraste co carácter esencial do traballo que realizan. “Cando en marzo de 2020 as nosa vidas deron un xiro inesperado coa aparición da pandemia polo Covid, as limpadoras seica eramos un servizo esencial, mais unha vez volvemos á normalidade as palabras bonitas convertéronse en papel mollado, nun pano de papel que a patronal bota a papeleira con absoluto asco e desprezo”.

Á “usura da patronal” opuxeron a fortaleza e a unión das traballadoras para loitar por un convenio digno: “queremos un salario e unhas condicións dignas e por menos non imos pasar”. Rexeitaron a proposta de convenio presentada pola patronal xa que suporía deixar o convenio por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, alén de quere introducir recortes en dereitos xa recoñecidos.

Cualificaron a oferta de “lixo” e “indigna” dunha patronal composta en grande medida  por grupos empresariais que gañan millóns de euros de beneficios e ás “que os seus patróns, alá dende o palco do Santiago Bernabeu (en referencia a Florentino Pérez, propietario de Clece), non lles importamos as familias da provincia de Lugo máis que para facerse cada vez máis ricos á costa da nosa suor”.

Por iso, de cara á reunión do día 10 e na 19 xornada de folga, as traballadoras reclamaron propostas serias e dignas, e que a patronal non siga enredando e dilatando de maneira innecesaria o conflito.

Chamamento ás administracións

Finalmente, as traballadoras fixeron un chamamento á responsabilidade das administracións, como principais contratistas destes servizos, lamentando a súa falta de apoio nesta loita. Demandáronlle que se impliquen “en varrer das administracións as empresas piratas e usureiras que acadan beneficios disparados á costa do nos traballo e de contratos que financiamos entre todas e todos”.

Volver