AMICOS retira unha sanción a unha delegada da CIG por “darlle un golpe a unha máquina expendedora”

Representantes da CIG-Ensino concentráronse ás portas do xulgado para manifestar a súa solidariedade e rexeitar a represión que exerce a empresa

Compostela -

Representantes da CIG-Ensino concentráronse este martes ás portas dos xulgados de Fontiñas, en Santiago de Compostela, en apoio á delegada da CIG que acudía a xuízo, denunciada por AMICOS por “darlle un golpe a unha máquina expendedora”. O sindicato valora positivamente que se conseguira que a empresa retirara a sanción á delegada mais denuncia o ambiente laboral xa que nestes momentos aínda hai varios xuízos pendentes por despedimentos inxustificados e denuncias á Inspección por incumprimentos da normativa e dereitos laborais, entre outras irregularidades.

O caso da delegada da CIG á que se lle retirou a sanción é, para a CIG-Ensino, un exemplo máis do ambiente laboral “de persecución e conculcación de dereitos” que se vive na empresa boirense tanto contra as representantes sindicais da CIG-Ensino como contra o conxunto das traballadoras.

Segundo explican, finalmente onte non se celebrou o xuízo previsto porque a avogada do sindicato conseguiu que a empresa retirara a sanción “totalmente inxusta”, acusada de “golpear unha máquina expendedora que hai nas instalacións da empresa para poder retirar un produto da mesma” e coa que persegue amedrentar o persoal.

Despedimentos inxustificados

Este tipo de sancións é un exemplo máis do clima de represión laboral que se vive na empresa boirense que nestes intres está denunciada por outros traballadores e traballadoras por despedimentos inxustificados e tamén polo sindicato ante a inspección laboral por incumprimentos da normativa e dereitos laborais, entre outras irregularidades.

A CIG-Ensino insta á xerencia desta empresa a deixar estas actitudes e cesar coa conculcación dos dereitos do seu persoal, unha estratexia que non debera ter cabida no século XXI e que empana o labor social que realiza a empresa e a atención aos seus usuarios e usuarias.

O sindicato lamenta tamén a actitude “insolidaria” e “servil” de UGT que, “lonxe de apoiar as compañeiras do comité de empresa, desmarcáronse desta acción e mesmo redactaron un escrito desvinculándose da solidariedade que requiriría unha situación deste tipo”.

Volver