Por xustiza: indulto para Pintos xa!

Ferrol -

Dentro do calendario de mobilizacións para reclamar a concesión do indulto ao compañeiro e ex secretario comarcal da CIG de Ferrol,  Xesús Anxo López Pintos, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CGT realizaron unha nova concentración esta tarde en Ferrol diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza. 

Aínda que a solicitude formal foi presentada o pasado 14 de novembro e estivo acompañada por máis de 5500 sinaturas, así como das adhesións aprobadas por varios plenos municipais e comités de empresa da comarca, case un ano despois continuamos sen resposta ante a inxustiza da sentenza condenatoria.
 
"Seguimos á espera dese acto de reparación e de xustiza para Pintos", aseverou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. "Cando dicimos e berramos que todos e todas somos Pintos é porque ninguén estamos libres do sufrir o mesmo que sufríu o compañeiro".
 
Carril referiuse á impunidade policial na actuación vexatoria e na agresión que padeceu Pintos "xunto cunha actuación inxusta do poder xudicial que, erixido en salvador do sistema, actúa de acordo a uns principios que en absoluto responden á xustiza e imparcialidade". 
Nun contexto como o actual de crise social e estensión da pobreza laboral e de aplicación de duras políticas neoliberais, a mobilización e a resposta social "son unha necesidade que tempos a clase obreira galega para defender os nosos dereitos, mais que están ameazadas polo mesmo que lle pasou a Pintos e pola vixencia dunha lei mordaza e un código penal que agrava delitos relacionados coa mobilización social".

Neste senso, apuntou Carril, "se realmente dicimos que estamos nunha democracia queremos mobilizarnos sen ter estas ameazas e por iso se pedimos o indulto tamén é porque queremos que a democracia sexa un feito real poll que resulta incomprensíbel que o Goberno español, agora en funcións, manteña vixente a lei lordaza e non resolva dunha vez o indulto para Pintos".

Volver