Non á represión sindical en Gadis. Concentración en Viveiro contra o despedimento de catro traballadores/as

Viveiro -

Traballadoras e traballadores de Gadis concentráronse este venres diante do Hiper Gadis de Viveiro para reclamar a readmisión de varios compañeiros e compañeiras despedidas en represalia pola súa intención de presentarse nas candidatuas de CIG e CCOO. Na protesta, convocada por ambas centrais, demandouse o cese inmediato destas prácticas antisindicais e que se respecten as liberdades e dereitos das e dos traballadores.

Para o secretario comarcal da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, Xoán Díaz, a decisión de Gadis está directamente relacionada co feito de non ter asinado o convenio colectivo de alimentación de Lugo, ao que se chegou despois da patronal manobrar por atrás con UGT e USO, pero que non responde ás reivindicacións do conxunto do persoal, xa que o segue deixando como o convenio sectorial máis baixo das catro provincias.

Hai que lembrar ademais que por primeira vez, as asembleas de traballadoras/es apostaran ás claras pola mobilización e a convocatoria de folga para reclamar melloras salariais e laborais: protagonizando unha manifestación multitudinaria o 18 de xuño polas rúas de Lugo na que amosaron o seu malestar co "trato que Gadis ten cara ao seu persoal", que non gustou nada á empresa.

"Todo isto vese reflectido agora nas eleccións sindicais, onde se poñen problemas, trabas e paus nas rodas de quen quere presentarse polos nosos sindicatos, para dar unha nova voz a todas as persoas que queren un cambio na representación sindical actual", subliñouse na concentración deste venres. Díaz apunta que das dúas persoas despedidas no Hiper Gadis Viveiro (con comité propio) "un era público e notorio que se ía presentar pola CIG e outro o mesmo pero por CCOO".  A estes dous despedimentos, súmanse outro no Gadis de Barreiros (que afecta a un candidato de Comisión para o comité provincial) e o doutra traballadora de Lugo afín á CIG.

Por iso, na concentración de hoxe se advertiu que se emprenderán todas as accións legais oportunas para defender a compañeira e os compañeiros despedidos e conseguir a súa readmisión, e que se levarán adiante as mobilizacións necesarias.

Neste sendo, denunciouse que Gadis presume de ser a empresa máis grande dentro do sector da alimentación, "pero é moi pequena á hora de permitir a liberdade de expresión e a liberdade sindical". O secretario comarcal da CIG-Servizos valorou que a empresa quere amedrentar o persoal de cara ás eleccións polo que "non imos consentir este tipo de actuacións que de nada lle van valer se hai vontade entre as traballadoras e os traballadores de cambiar a correlación de forzas, coa vista posta na seguinte negociación do convenio".

Volver