A CIG non consentirá que a crise industrial teña como resposta tímidas medidas dos Gobernos

A CIG mobilizouse nas sete cidades do país baixo o lema 'Recuperar os dereitos para avanzar. Na defensa da industria e do emprego'

Nacional -

Baixo o lema 'Recuperar os dereitos para avanzar. Na defensa da industria e do emprego', a CIG mobilizouse este xoves nas sete cidades en resposta á dobre situación crítica que temos os traballadores e traballadoras en Galiza: dunha banda a crise industrial que percorre o noso país de norte a sur, e doutra a extensión constante da precariedade e da pobreza laboral, consecuencia directa da reforma laboral, da negociación colectiva e das pensións que a día de hoxe seguen sen derrogar. Con estas mobilizacións, a CIG trasladou tamén a súa solidariedade coa xornada de folga xeral que se está a desenvolver hoxe en Euskadi e Nafarroa.

"Coas manifestacións que facemos en toda Galiza queremos deixar claro que non estamos dispostos/as a agardar a que o Goberno español tome decisións como a que vivimos recentemente co SMI ou a suba do 0.9% das pensións, que en absoluto están a altura da emerxencia social que temos no noso país", aseverou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Carril advertiu que é urxente e necesaria a derrogación íntegra da reforma laborais, da negociación colectiva e das pensións (que cualificou de auténtico golpe de estado), así como de todas as políticas de recortes nos servizos públicos que se aplicaron nestes anos "porque a profunda inxustiza social que están a causar non pode ter como solución unha derrogación parcial ou unha simple revisión. Ante a reforma laboral non hai tregua nin transición posíbel, ten que haber ruptura democrática para recuperar os dereitos laborais e sociais arrebatados coa escusa da crise. ".

Sobre esta reivindicación indicou que abonda con botar unha vista ao regueiro de ERTEs, EREs e despedimentos para ser firmes nestas  demandas.

Derrogar na súa integridade as reformas

Aproveitando a súa presenza en Lugo, Carril puxo o exemplo a tráxica situación da fábrica de aluminio de Alcoa, onde o atraso continuado e inxustificado na aprobación do estatuto para industria electrointensiva (que non sendo solución definitiva, resulta imprescindíbel) e o risco que representa para o mantemento dos postos de traballo, "sitúanos na máis absoluta indefensión ante decisións de peche do complexo de San Cibrao que están exclusivamente nas mans da dirección de Alcoa".

A este respecto, lembrou que tombar a reforma laboral significa, entre outras moitas cuestións, que aplicar un ERE deixaría de ser unha decisión unilateral da empresa, porque requiriría da autorización administrativa para a súa execución.

Neste contexto de crise industrial -que se estende dende o naval de Ferrol e o naval de Vigo até a deslocalización e destrución de emprego no sector das telecomunicacións-, faise máis necesaria ca nunca a mobilización para esixir e demandar unha transición ecolóxica xusta e, polo tanto, que dea unha alternativa de futuro, de emprego e de industrialización ao noso país e na que poidamos dunha vez por todas aproveitar a riqueza que xera a produción de enerxía para o desenvolvemento económico e social de Galiza.

Abundando neste tema, denunciou que a Galiza se lle impón un nivel de esixencia tan alto de cumprimento da redución das emisión de CO2, "como se foramos unha sociedade industrializada, soberana, con capacidade de decidir, do nivel de Alemaña ou Francia", cando en verdade somos vítimas dun tecido económico e industrial deseñado polo grande capital español e internacional,  resultado de anos dunha industria de enclave que veu a espoliar as nosas materias primas, que non pecha os ciclos produtivos no propio aís e que ten sido altamente contaminante.

"É o mundo ao revés, agora as grandes eléctricas vólvense ecoloxistas, non asumen ningunha responsabilidade social do dano causado nin están dispostas a ceder a súa posición de oligopolio, que acumula cada día máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen".

A este respecto, subliñou que cando falamos desta cuestión "falamos do peche da central térmica das Pontes", con afectación no conxunto do país e forte incidencia nas comarcas de Ferrol-Eume-Ortegal e a provincia de Lugo, que se deixa á libre decisión de Endesa-Enel.

"Por non falar do intenso e permanente proceso de reconversión e expulsión do rural que se fai por parte dos Gobernos, que non garanten uns prezos xustos para o leite, unha actividade na que Galiza segue rexistrando o menor prezo do Estado, non chegando nin sequera as gandeiras e gandeiros a cobrar 0.33 céntimos por litro".

O secretario xeral da CIG denunciou que temos os salarios e as pensións máis baixas do estado, a poboación máis avellentada e os maiores índices de emigración, polo que preguntou "que máis razóns necesitamos para mobilizarnos na demanda de políticas que dean resposta a todas as nosas reivindicacións".

Un presidente da Xunta "entregado aos fondos de inversión"

Ante esta situación desastrosa, Carril reiterou que dende a CIG non estamos dispostos e dispostas a un proxecto de país deseñado por un Partido Popular "hoxe instalado nunhas posturas ultraespañolistas e negadoras de Galiza, como diariamente demostra o presidente Feixoo".

Un Feixoo ao que acusou de estar entregado aos fondos de investimento, indolente e pasivo, pero que cando actúa "faino para colaborar na destrución dos nosos sectores produtivos e industriais estratéxicos, mentres abraza unha política suicida para a sociedade galega que non crea emprego digno,  consistente  no macro-turismo, no Camiño de Santiago a grande escala, na eucaliptización do país en favor de grandes corporacións, e que afondan na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais".

E que só recúa cando a mobilización social e popular lle fai fronte, conseguindo impedir proxectos como o da minaría de Touro, ou no seu día da mina de Corcoesto, ou obrigándolle a repoñer o paridoiro no Hospital de Verín.

A CIG ten claro que este é o camiño, non o do diálogo social que practican UGT e CCOO no que están lexitimando as peores políticas do PP en Galiza, apoiando unha derrogación parcial ou branda das reformas laborais e das pensións ou un incremento do SMI que fixa un salario mínimo con catro anos de atraso a respecto do que estabelece a Carta Social Europea.

Porque os dereitos, incidiu Carril, "nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social, nin os concede un goberno porque si, nin un poder económico hoxe empachado porque as súas políticas de roubo e saqueo á clase traballadora seguen vixentes. Os dereitos conquístanse coa loita e a mobilización".

Por iso a CIG, como primeira forza sindical e dentro do calendario posto en marcha o pasado 3 de decembro na asemblea nacional de delegados e delegadas, desenvolveu este xoves unha xornada de mobilizacións como resposta a esta grave situación "e no convencemento de que está en xogo o noso futuro, como clase e como nación, e que estamos convocados e convocadas a ser protagonistas na defensa das políticas alternativas coas que poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra".

Volver